As candorcas en absoluto son alleas a Galicia

Orcas. / RR SS.
Orcas. / RR SS
Volven a estar presentes en augas de Galicia os grandes cetáceos que remudan a aqueles  outros fantásticos seres mariños que eran –aínda son– os cachalotes, as propias baleas e as candorcas (orcas).
As candorcas en absoluto son alleas a Galicia

Trinta e oito anos após a decisión da Comisión Baleeira Internacional (CBI) de poñer remate á caza de baleas, volven a estar presentes en augas de Galicia os grandes cetáceos que remudan a aqueles  outros fantásticos seres mariños que eran -aínda son- os cachalotes, as propias baleas e as candorcas (orcas) omnipresentes a non moitas millas de distancia das costas galegas e das que se beneficiaron hai moitos anos pobos mariñeiros como Cariño e Malpica ou, máis recentemente, Cee (Factoría Caneliñas, a máis grande da península Ibérica) e as de Massó, en Cangas; Morás, en Xove, e a factoría de Pebsa, na Coruña. 

Seres mitolóxicos para o gran Urbano Lugrís (que deixou mostras da súa concepción baleeira na vila de Malpica) este ano aparecen novamente en augas próximas ás costas de Galicia: primeiro cachalotes e baleas, e agora, procedentes do sur, unha familia de candorcas (ou orcas) avistadas a semana pasada ao Norte de Cádiz, en augas portuguesas, e esta semana nas inmediacións da illa de Ons e a escasas dúas millas do cabo Corrubedo. 

A peculiaridade  destas candorcas é que o pasado domingo foron avistadas ao norte das illas Ons e, pouco dempois das cinco da tarde, perto de Corrubedo. Foi o seu, en Galicia, un comportamento estrano, pero non como para facer fincapé nese concepto que algunhas persoas -entre estas algúns xornalistas- manteñen destes mamíferos, ós que cualifican de "asasinos". 

Para Alfredo López, responsable da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é moi probable que os avistados en Ons e Corrubedo sexan unha parella de candorcas, un de cuxos exemplares podería estar ferido talvez nun inesperado contacto con algunha embarcación. Só así se podería explicar estas accións "intimidatorias" contra un veleiro francés e o Mirfak (tamén veleiro, este da Amada española, que resultou con danos no timón derivados dese encontro inesperado coa candorca).

Por este comportamento "raro", o CEMMA recaba información sobre as candorcas presuntamente feridas, por se algunha delas tivera algún encontro negativo que xustifique eses contatos físicos que non son, nen moito menos,  "distintivos" destes animais mariños que poden acadar ata máis de 20 metros de lonxitude, que poden movelas a unha defensa que nós entendemos coma un ataque.

Outra familia de candorcas foi localizada a semana pasada á altura do cabo Touriñán con rumbo norte, posiblemente na percura de atúns supostamente xeolocalizados por elas.

Sexa como for, as autoridades mariñas chaman a evitar accións negativas contra as candorcas. Máxime se hai algún animal ferido. Piden iso sí, que se informe onde foron localizadas e o rumbo que levan.

As candorcas, aínda que hai moitos anos que non "navegan" por augas galegas, en absoluto son alleas a Galicia. @mundiario

Comentarios