Cando se fala do porto da Coruña fálase de obras pero non se fala de barcos

Puerto interior de A Coruña. / Mundiario
Porto interior da Coruña sin barcos. / Mundiario
A esencia dun porto importante son os seus tráficos e a súa conectividade, pero na Coruña fálase do porto en clave de usos das instalacións e de posibles operacións urbanísticas.
Cando se fala do porto da Coruña fálase de obras pero non se fala de barcos

Foi realmente o interese xeral o que motivou o acordo para a construción do porto exterior de Punta Langosteira ou, no fondo, primou o beneficio económico supostamente posible derivado das actuacións urbanísticas nos peiraos de Batería, Calvo Sotelo e as áreas da Solana e San Diego? De se confirmar esta apreciación, que –confeso– non ten máis base ca mera especulación pola miña parte sobre o por que do decidido investimento de centos de millóns de euros–, máis de mil millóns na obra faraónica dese porto hoxendía rematado pero infrautilizado, todo tería unha explicación meramente económica e de costas aos intereses dunha cidadanía, a da Coruña, que se deixou deslumbrar inicialmente polos cantos de serea dun ministro e un alcalde que nunca máis presentaron argumentos ao respecto verdadeiramente favorables.

Xa que logo, na Coruña, cando se fala do porto fálase moito de obras pero fálase pouco de barcos...

Intervencións no porto da cidade

Agora, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña –recén chegado ao cargo, como é ben sabido– fai fincapé nunha xeira de intervencións que teñen coma obxectivos os citados peiraos de Batería e Calvo Sotelo e o entorno da praza de Ourense, no corazón da Pescadería, zona de expansión da cidade  sen a que sería imposible unha actuación decidida de non contar co concurso do porto. Unha vez máis, o porto, o "porto de cidade" ó que o propio presidente portuario se refería o pasado martes.

Para determinar os pasos a dar neste senso, o desmantelamento dos silos de Bunge Ibérica no peirao de Calvo Sotelo vai comezar no vindeiro mes de marzo. Ao mesmo tempo, o porto coruñés mudará a súa faciana no peirao de Batería (será asfaltado), conservándose os antigos silos de cemento ata que se decida a súa posible utilidade -ou non- para usos cidadáns. E unha terceira actuación será a restauración do muro do Porto na fronte do peirao de Batería e do mural cerámico da praza de Ourense. A obra de desmantelamento dos silos de Bunge Ibérica será realizada pola Autoridade Portuaria e sufragada pola empresa con un custo de 37.000 euros e un prazo de execución de cinco semanas.

En 2022, previsiblemente, comezarán os traballos para a liberación do citado peirao de Calvo Sotelo, ós que seguirá a demolición das instalacións de Oleosilos de Galicia, que traslada a Langosteira a súa nova terminal de aceites e melaza. O peirao de Batería tamén se vai asfaltar na parcela que ata o de agora ocupaba Alu Ibérica -outra industria que esmorece na cidade-, adecuando a nave de 2.000 metros cadrados contigua a este espazo. Deste xeito abriráse este céntrico lugar ao uso público xa no vindeiro verán, para a realización de actividades recreativas e culturais. Non se van demoler os silos e o edificio anexo que ocupaban a antiga cementeira, dado que poden ser aproveitados para usos cidadáns que quedan a expensas dos acordos que adopten as administracións sobre a transformación dos peiraos xa citados de Batería e Calvo Sotelo. 

Anovar para gustar

E queda a renovación da imaxe exterior do porto da cidade no entorno da praza de Ourense, que xa comezou co pintando do antigo comedor dos traballadores portuarios. E nas vindeiras datas comezarán as obras de limpeza e renovación da pintura do peche perimetral do porto, comezando pola fronte do peirao de Batería, entre a praza de Ourense e o centro de ocio. 

Outra actuación que atinxe á limpeza e restauración é a do mural cerámico de 26 metros cadrados do acceso, actualmente inutilizado, ao porto pola praza de Ourense, elemento artístico instalado nos anos 80 alegórico do propio porto e icono verdadeiro da dársena coruñesa. Este mural será restaurado de xeito que se minimicen as posibles alteracións que poidan producirse no futuro. 

O baixo do Pego, a ameaza

Son estas actuacións que os cidadáns estimarán, pero que non van ocultar outros feitos que trascenden á cidade, como pode ser o non clarexamento real do futuro do porto de Langosteira, situado como é coñecido na posición 43º 20'5 N, 108º 32'74 W, marcado moi seriamente polo baixo do Pego que, con sonda de 4 metros se evidencia a 1'7 millas ao norte da praia de Barrañán e que ven ser un dos serios perigos da área de Langosteira a Sisargas e que dificulta o reviro dos grande buques que accedan ao tan discutido porto exterior de Langosteira.

Trátase dun atranco moi serio e, repito, perigoso, do que xa advertimos no momento da presentación en sede portuaria do proxecto de construción do daquela denominado Porto Exterior da Coruña, hoxendía  Porto de Punta Langosteira. O baixo do Pego non é, nen moito menos, un mal menor. @mundiario

Comentarios