Buscar

Canadá leva 25 anos sin reparar o dano que fixo a Galicia e aos galegos

España non clarexou aínda que foi da declaración de guerra feita por Canadá nese tempo. Despois dese conflito no que falaron as armas canadenses e os razonamentos dos mariñeiros españois, maioritariamente galegos, nada se pechou.

Canadá leva 25 anos sin reparar o dano que fixo a Galicia e aos galegos
El barco Estai. / Puente de Mando
El barco Estai. / Puente de Mando

Antón Luaces

Periodista.

O día 9 de marzo de 1995, a historia pesqueira de Galicia comezou a escribirse con letras de trazo groso. Esa liña, que sobreleva unha historia de non menos de tres séculos nos Grandes Bancos de Terranova, fala de barcos galegos ao tempo que o fai de pescadores dunha fasquía franca e decidida, mariñeiros dunha terra brava que, xunto con bascos e portugueses ergueron neses mares a bandeira dunha fraternidade non exenta de rivalidade ben entendida que fixo que barcos bascos enrolaran mariñeiros de Galicia -factorías como as de Pisbe, en Ferrol, ou Pebsa na Coruña son testemuñas desa longa traxectoria conxunta- e que bacalloeiros galegos levaran a bordo homes bascos que compartían tarefas cos outros naturais dunha terra que subministraba patacas e carne de cocho que permitían alternar xantares que foran de complacencia duns e outros.

Ese 9 de marzo 1995 foi a data de comezo dunha historia ingrata para os fletaneiros dunha Galicia que levara a Terranova a máis nova tecnoloxía pesqueira, os buques máis modernos de toda a listaxe dos que conformaban as frotas dos mares de NAFO e marcou, como digo con letras de trazo groso, a historia dun país, Canadá, que non soubo apreciar no que valía a presenza en augas fora da súa Zona Económica Exclusiva (ZEE) dos mellores barcos e as mellores tripulacións que nunca, nunca, navegaran aquelas augas noratlánticas. Canadá consumou un acto pirata capturando ilegalmente o fletaneiro galego Estai, con base en Vigo, e con moitos dos seus tripulantes residentes nas comarcas do Barbanza, Marín e do Morrazo.

Previamente a esta acción pirata, patrulleiras canadenses  dispararan á proa do Estai. O mesmo fixeron con outros barcos asimesmo galegos que acodiron na axuda do fletaneiro vigués. Canadá, segundo o testemuño do embaixador de España nese país norteamericano, mesmo chegou a presentar por escrito unha declaración de guerra contra España. E España calou. Calou, sobre todo, porque non se entendía que a Unión Europea non actuase decididamente neste conflito no que, directa ou indirectamente, se implicaban tamén Francia, Reino Unido (ambas aliadas indiscutibles e por motivos de interese económico de Canadá) e Dinamarca. Tampouco a organización NAFO dixo nada, e as Nacións Unidas (ONU) optaron por ollar ao Sur cando o debate estaba no Norte. Felipe González, daquela presidente do Goberno español, decidiu que o mellor estaba por vir (pensando, erradamente, que Canadá viría ao rego tarde ou temprano). España mandou á zona do conflito a patrulleira de altura Vigía da Armada Española.

Vinte e cinco anos despois dese conflito no que falaron as armas canadenses e os razonamentos dos mariñeiros españois (maioritariamente galegos) nada se pechou. Todo sigue aberto, dolorosamente aberto para os tripulantes do Estai ou o Playa de Xartaxéns, entre outros. A historia, tres séculos despois da presenza en Terranova de homes e barcos galegos, de que unha frota nova de 150 buques de Galicia ensinara a comercializar o fletán negro que os canadenses non traballaban, aínda non está pechada. Vinte e cinco anos despois destes feitos, Canadá non reparou o dano que fixo a Galicia e aos galegos, e España non clarexou aínda que foi da declaración de guerra feita por Canadá nese tempo. @mundiario