A campaña acelera: cartaz, CIS e debate
1.- O cartaz. As críticas machistas ao cartaz de Ana Pontón atinxiron o meu whatsapp. Recibín mensaxes de persoas da contorna do PP e do PSOE, xente do mundo da comunicación. “Ao BNG fixéronlle a campaña”, dixéronme. Como é posíbel tanta torpeza, por exemplo a de Besteiro? A explicación achámola nunha combinación de machismo (micro e macro: lembremos Feijóo no pleno do Parlamento a lle dicir a Pontón que a vía “moi necesitada") e de prepotencia. Téñense que ir afacendo a que unha porcentaxe moi significativa do eleitorado ve hoxe Ana Pontón como a súa candidata favorita para ser presidenta. Un pouco de humildade, por favor. E un poco de aggionarmento tamén: criticar unha persoa por como vai enfeitada –e facelo no fondo simplesmente por ser muller– non é propio da altura do século en que estamos.
2.- Acompaño con atención o que publica nas redes o politólogo Juan José Domínguez. Particularmente este chío paréceme absolutamente asisado: “Que pasa en Galicia? Una españolización desmedida e mesetaria de la dirección del PP que no encaja con el votante clásico del PP gallego. Un sentimiento de agravio frente a Madrid de un sector notable del electorado gallego. Ese voto lo capitaliza el BNG”.
Que lle pasa ao PP? Que é imposíbel contentar a súa alma máis “country” e á vez frear o avance de Vox, sobre todo cun candidato tan insulso como Rueda.
3.- Novo inquérito do CIS. Catro mil entrevistas. Unha mostra amplísima. Que revela? Pois o que aboia no ambiente: o PP cae, o BNG sobe. Faino até alcanzar un patamar sen precedentes na historia do nacionalismo galego, 32% do voto (cunha intención directa, isto é, non cociñada do 25%!). Significa que a forza liderada por Ana Pontón se sitúa en disposición de, máis cedo que tarde, disputarlle ao PP non o goberno, senón a hexemonía.
4.- Os medios presentaron a manifestación de SOS Sanidade Pública como un acto electoral da esquerda. Craso erro. Hai moita xente no electorado conservador que partilla as críticas á xestión da sanidade pública feitas por un PP galego cada día máis na onda privatizadora de Ayuso. Unha cousa é a ideoloxía e outra moi distinta ver que a túa saúde está en risco cando estás doente, apañas a aplicación do Sergas e ves que non che dan cita coa médica até dentro de 10 días. Até o militante do PP máis entregado acaba por interiorizar que o seu partido tal vez non lle estea dedicando ao asunto a atención que merece.
5.- Escribo estas liñas ás 0.05 do 6 de febreiro, hai nada que concluíu o #debateCRTVG. Poucas dúbidas hai de quen o gañou: a única candidata que se expresou como presidenta e que presentou un programa de goberno, Ana Pontón. Rueda, apático e sen ilusión, non foi quen de ofrecer nin unha soa proposta de futuro. O seu único proxecto é continuar el onde está e continuarmos as galegas e os galegos nas mesmas. Nada a mudar. Nada a facer de maneira distinta. Dedicou dúas horas de TVG en prime time a facer oposición a Ana Pontón, anticipando o seu futuro rol.
Visto o visto, ten todo o sentido do mundo que o PP opte por non o enviar a ningún outro debate.
6.- Adoito concluír estes apuntamentos reproducindo un fragmento dun artigo ou dun texto tirado das redes. Ía escribir algo sobre a última columna de Barreiro Rivas, dedicada á política do momento, a Ana Pontón, mais se o fixese non podería pórlle “amén” como ramo, así que paso olimpicamente. Até a próxima. @mundiario