Camilo Nogueira representa a construción da nación desde o realismo político

Homenaje a Camilo Nogueira. / Xurxo Lobato
Homenaxe a Camilo Nogueira. / Xurxo Lobato
Foi o único dirixente do nacionalismo galego que no momento da Transición tivo o realismo político necesario para darse conta de que había que reorientar a estratexia e incluso participar na elaboración do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía.
Camilo Nogueira representa a construción da nación desde o realismo político

Para as persoas que nos formamos emocionalmente no pesimismo dos versos de Xosé María Díaz Castro (“Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move. /… / Aran os bois e chove”) ou nos versos de Xosé Luis Méndez Ferrín (“Terra de proseguir e non dar nada”), para as persoas que tantas veces recitamos de memoria eses e outros versos, a miúdo para ilustrar os avatares da historia política contemporánea de Galiza, sempre nos resultou máis engaiolante o discurso afervoado e épico de Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras ou Francisco Rodríguez que o discurso sosegado, reflexivo, pegado á realidade e aos números de Camilo Nogueira.

Nos últimos anos, reflexionando unha e outra vez sobre o proceso do nacionalismo galego na segunda metade da década dos setenta, chegamos á conclusión de que Camilo Nogueira foi o único dirixente do nacionalismo galego que naquel momento da Transición tivo o realismo político necesario para darse conta de que a Reforma Política do 76 e o réxime que estaba a nacer coa Constitución española do 78 era irreversíbel e que por tanto había que reorientar a estratexia do nacionalismo e intentar aproveitar ao máximo as institucións que se estaban a crear ao amparo do novo sistema político para dese xeito ser máis úteis ao país. De aí que xa o vexamos en xaneiro de 1979, en representación do Partido Obreiro Galego, traballando no seo da Comisión dos 16 no que sería o Anteproxecto do Estatuto de Autonomía, respondendo á chamada de Antonio Rosón, entón Presidente da Xunta preautonómica.

Para comprender mellor a posición de Camilo Nogueira nesa circunstancia histórica, talvez convén non ignorar unha serie de feitos que aconteceron entre 1977 e 1978: en primeiro lugar, o fracaso do nacionalismo galego nas eleccións de xuño de 1977, onde o BN-PG obtivo 22.771 votos e o PSG 27.197, o 2,02% e o 2,41%, respectivamente.  Pero hai outros datos non menos relevantes: a Diada do 77 reúne nunha mobilización en Barcelona a máis de millón e medio de persoas sob o lema “Llibertat, Amnistia, Estatut d´Autonomia”, e pouco despois, o 4 de decembro do 77, máis de catrocentas mil persoas maniféstanse igualmente en Galiza en demanda da aprobación do Estatuto de Autonomía. Ao ano seguinte, en 1978, apróbase e entra en vigor a Constitución española, e Cataluña e Euskadi inician de inmediato o proceso de tramitación dos seus respectivos estatutos, nos que xa levaban meses traballando. Os vascos mesmo chegan a alugar unha avioneta particular para viaxar a Madrid e rexistrar e tramitar primeiro que os cataláns o seu proxecto de estatuto, algo que logran por hora e media de diferenza, xa que os cataláns fan a viaxe nun voo regular.

É obvio que Camilo Nogueira tivo moi en conta a situación política que acabamos de describir: que a ruptura democrática xa non se ía producir, que o que se estaba a consolidar era o novo réxime político nado da Reforma do 76 e da Constitución do 78 e que Euskadi e Cataluña xa estaban a tramitar os seus estatutos no Congreso, mentres Galiza  aínda non iniciara a súa elaboración. Nese escenario político concreto, Camilo percibiu claramente que había unha oportunidade histórica que non se podía desaproveitar e que esa estratexia era positiva para o país, igual que o entendeu así Valentín Paz-Andrade, razón pola que aceptou en 1976 formar parte da Comisión Negociadora da Oposición. E a Autonomía podía ser a aspiración máxima de Paz-Andrade, non a de Camilo Nogueira. El  viña -hai que lembralo- da loita na clandestinidade, dunha militancia activa en Galicia Socialista, na UPG e na AN-PG.

A práctica política inmediata

Camilo Nogueira, non o esquezamos tampouco, fora precisamente o que redactara as Medidas económicas para un Programa de Goberno Provisorio Galego, ao que logo lle daría forma xurídica Xosé Vilas Nogueira, un traballo que, despois doutras achegas, deu lugar ás Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal, un documento que fora pensado, claro está, para efectivizar no marco dunha ruptura democrática e dun Estado Federal, que infelizmente non foi posíbel. Camilo viña desa traxectoria política, da defensa da ruptura democrática, do Consello de Forzas Políticas Galegas, mais entendeu que tras a aprobación da Reforma Política do 76 e do fracaso electoral do 77, as Bases Constitucionais non podían orientar a práctica política inmediata.

Pola contra, o sector máis e mellor organizado do nacionalismo galego, e tamén o máis enraizado na sociedade, e que contaba, así mesmo, con figuras moi destacadas (Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Ramón López-Suevos…) optou por rexeitar calquera tipo de participación activa no proceso preautonómico e na elaboración do Estatuto e seguiu a defender as Bases como única saída realmente democrática para o país. Foi unha decisión radicalmente coherente coa defensa da ruptura democrática, profundamente honesta co país, e ademais moi dura e moi difícil de defender nun contexto tan adverso, no que día a día se consolidaba a reforma democrática. A necesidade de marcar o territorio ideolóxico e o temor a ser devorados polo propio sistema e a perder a base social que estaba a medrar arredor de conflitos sociais como o das Encrobas, Xove ou Baldaio freou tamén seguramente unha posición máis favorábel do nacionalismo galego maioritario a participar no novo réxime que aí se iniciaba, máis aló dos procesos electorais. Pensemos que incluso un dirixente histórico como Méndez Ferrín chega a considerar unha claudicación simplemente o feito de concorrer ás eleccións.

Contemplada agora aquela estratexia do nacionalismo galego maioritario coa perspectiva que nos dá o paso do tempo, invádenos a dúbida de se foi a opción politicamente máis intelixente para a defensa do país e mesmo para abrir un sistema político propio onde o nacionalismo galego puidese xogar un papel máis determinante no rumbo das institucións galegas que estaban a nacer. Talvez faltou a madurez política, a flexibilidade ideolóxica e a capacidade táctica que si tiveron outros nacionalismos. Talvez sobrou emoción e idealismo e faltou un maior realismo político. Talvez as novas xeracións que protagonizaron ese período político non tiveron outras xeracións anteriores coas que debater e contrastar o que había que facer nesa difícil e complexa encrucillada histórica, porque eses referentes foran fusilados, morreran no exilio ou vivían no país á marxe da actividade política dos partidos.

Unha excepción dentro do nacionalismo 

Camilo Nogueira foi unha excepción dentro do nacionalismo galego naquela circunstancia política, e el, por suposto, nin quería menos autogoberno nin menos soberanía política para Galiza que o outro sector do nacionalismo que seguiu un camiño diferente. Camilo quería simplemente construír a nación galega desde dentro das institucións autonómicas, sen perder ningunha oportunidade, participando xa na fase da preautonomía, porque quería que o nacionalismo galego fose máis determinante na etapa política que aí se abría. Moitos e moitas de nós, lamentabelmente, tardamos anos e anos en comprender esa posición estratéxica, esa lección de realismo político. Naquel momento concedémoslle máis importancia a estar no movemento asociativo que a participar na construción da Autonomía galega. Por iso cremos que é de xustiza recoñecerlle a Camilo Nogueira a súa audacia política,  o seu enorme esforzo, a súa constante tenacidade e o seu entusiasmo inmune ao desalento para situar o nacionalismo galego alí onde se ía decidir sobre o noso futuro como pobo

Hoxe Camilo Nogueira, aos seus 86 anos recén cumpridos, é unha figura que goza do recoñecemento e da admiración unánime, do aprecio e do cariño de todo o mundo, dentro e fóra do nacionalismo, un referente histórico que sempre sabe estar á altura das circunstancias políticas e estar onde o país o precisa: na Transición e no que veu despois, abrindo camiños, con máis ou menos fortuna, mais sempre con convicción e paixón; posteriormente, na súa etapa como eurodeputado, exercendo de embaixador de Galiza en Europa e no planeta enteiro; e nos últimos anos, arroupando a Ana Miranda, a Ana Pontón ou a Goretti Sanmartín Rei, sempre optimista, fiel ao país, ilusionado co futuro, coas novas xeracións, coa construción da nación. E xa xubilado, aínda tivo tempo a coroar o seu impagábel labor intelectual cunha obra extraordinaria: Unha nación no mundo. A razón resistente,  700 páxinas de investigación e reflexión sobre Galiza.

Camilo Nogueira foi, é e será sempre un mestre en toda a dimensión desa fermosísima palabra. E así o tratamos e o trataremos sempre: como un mestre. @mundiario

Comentarios