Cales foron os erros dos partidos de esquerdas nas eleccións do 18-F?

Candidatos do BNG, PSdeG-PSOE, Sumar e Podemos-Alianza Verde
Candidatos do BNG, PSdeG-PSOE, Sumar e Podemos-Alianza Verde
O PP ten un poder inmenso en Galicia, mais a esmagadora vitoria dos conservadores obedece tamén a erros de estratexia nos partidos cuxa ideoloxía é socialista.
Cales foron os erros dos partidos de esquerdas nas eleccións do 18-F?

O 18 de febreiro de 2024 o PPdeG volveu vencer -coma sempre- por duodécima vez seguida nunhas eleccións autonómicas en Galicia, acadando a novena maioría absoluta e a quinta consecutiva, ao obter 40/75 escanos (a expensas do reconto do voto CERA).

Factores internos como o forte apoio mediático, a sólida estrutura organizativa, o rostro amable de Rueda ou a campaña do medo (ETA, amnistía, Puigdemont…) incidiron positivamente no resultado final dos populares.

Non obstante, o seu triunfo obedeceu tamén a causas externas, como, por un lado, a media sociolóxica centrista de Galicia (4,9/10 no eixe esquerda-dereita, segundo o CIS de febreiro de 2024) ou a imposibilidade de avivar o medo a VOX (é unha forza modesta en Galicia, que apenas superou o 2% dos sufraxios) entre a esquerda, como fixera Sánchez o 23-X. Por outro lado, o éxito do PPdeG debeuse tamén a sete erros notorios dos seus contrincantes vermellos, os cales analizaremos a continuación, e que constitúen o eixe central deste artigo.

Por certo, será a primeira vez desde a III Lexislatura (1989-1993) na que o PPdeG non será a única formación azul no Parlamento galego, xa que os acompañarán os provincialistas de centrodereita de Democracia Ourensana (1/75). Ao comezo do citado intervalo cronolóxico de hai tres décadas o PP galego tiña 34/75 escanos, mentres que o nacionalismo galego de centrodereita estaba dividido entre Centristas de Galicia (4/75) -aliada co partido de Manuel Fraga- e Coalición Galega (2/75). A primeira integrouse xuridicamente no PP en 1991, mentres que boa parte do corpo social da segunda fixo o mesmo dous anos despois.

A) ERROS DO BNG:

A principal forza da oposición logrou o seu récord particular ao conseguir 1/3 do Hórreo (25/75 parlamentarios). Neste sentido, os de Ana Pontón fixeron unha campaña magnífica: en positivo, xerando unha enorme ilusión entre moitos galegos e galegas, cun márketing innovador, reunificando ao 99% do nacionalismo galego (salvo ECG), centrada en cuestión materiais e achegadas aos cidadáns, respectuosa… pero foi unha campaña de 9/10 e non de 10/10, e explicarei tres motivos polos que non alcanzou a excelencia:

1) No debate da TVG Pontón non soubo explicar claramente cal é a posición do BNG en relación ao uso do galego no ensino e nunca se lle escoitou defender un mínimo de impartición de horas en castelán, amosando así unha imaxe de certa radicalidade nese tema e dándolle munición ao PPdeG. A estratexia lóxica do partido nese caso sería defender un 75% en galego e un 25% en castelán. Así, ante o seu electorado transmitiría:

-Que é un partido que respecta plenamente o ordenamento xurídico estatal (lembremos que o Tribunal Supremo impón un mínimo dun 25% en castelán nas aulas de toda España).

-Que sería plenamente coherente coa protección da lingua galega (de cara aos votantes máis soberanistas).

-Que non quere marxinar o castelán das aulas (de cara ao electorado máis moderado).

2) O BNG non explicou claramente cal sería o teito de poder político que desexan para Galicia, tanto a nivel de status político como de número de competencias adquiridas. Neste sentido, os soberanistas non rexeitaron a posibilidade de que a nosa Comunidade Autónoma se converta algún día nunha república independente. Esta idea é moi impopular entre a poboación galega, que é fortemente unionista. Así, para crecer electoralmente o BNG ten que aceptar abertamente a Galicia como unha nación parte dunha España plurinacional e federal. Por principios e para manter ao sector demográfico máis soberanista, o Bloque debería non renunciar ao dereito de autodeterminación, pero debería tamén aclarar que o conseguiría a través dunha reforma extraordinaria da Constitución (art. 168) para así transmitir a idea de que é unha organización que defende plenamente a legalidade.

3) En xuño terán lugar as décimas eleccións ao Parlamento Europeo (as oitavas dende a entrada de España no club comunitario, en 1986). Se o BNG tivese anunciado que irían en solitario ou con socios diferentes a ERC ou EH-Bildu (partidos fortemente rexeitados pola maioría de galegos), ensancharía a súa masa socioelectoral.

Se os nacionalistas tivesen seguido estas pautas, non sería descartable que hoxe estivesen no contorno do resultado do PSOE de Laxe en 1989 (28/75), que ata agora é o mellor indicador parlamentario dunha forza de esquerdas nunhas eleccións autonómicas galegas (o récord vermello de porcentaxe de voto foi o acadado polo tamén socialista Touriño en 2005: 33,64%, xusto antes, e precisamente, de acceder á Xunta de Galicia).

B) ERROS DO PSdeG-PSOE:

A federación galega do PSOE, que foi a principal vítima do efecto Pontón, acadou o seu peor resultado na historia da Autonomía ao non chegar aos dous díxitos parlamentarios (poden evitalo á espera do voto CERA): 9/75, un fracaso sen paliativos. Os erros detectados foron tres:

1) A ausencia dun proxecto autonómico sólido, con continuidade e amplamente coñecido. Recordemos que dende a derrota en 2009 do último expresidente de esquerdas da Xunta, Emilio Pérez Touriño, pasaron -ben como secretarios xerais (SX) ou como candidatos (C)- cinco persoas: Pachi Vázquez (SX e C), Leiceaga (C), Gonzalo Caballero (C), Formoso (SX) e Besteiro (enriba, en dúas etapas: a primeira, como secretario xeral e a segunda e última, como candidato).

Como vemos, son demasiados nomes e cambios para quince anos. Neste sentido, Gómez Besteiro apenas tivo tempo de darse a coñecer alén da provincia de Lugo, a cal gobernou entre 2007 e 2015.

2) A transmisión de sucursalismo fronte a Ferraz. Esta idea está fortemente estendida entre os votantes do PPdeG e BNG e en parte corrobórase coa ausencia de calquera crítica ao Goberno central ou á dirección federal do PSOE.

3) O excesivo peso das baronías locais que, xunto co mencionado sucursalismo fronte ao sanchismo, esmagan calquera intento de crear un PSdeG con entidade propia, sólida e autónoma, como lograra Touriño entre 1998 e 2009.

C) ERROS DA ESQUERDA EXTRAPARLAMENTARIA: SUMAR, PODEMOS-ALIANZA VERDE E ESPAZO COMÚN GALEGUISTA:

O erro máis grave de todos os sete do conxunto da esquerda foi cometido por Sumar, Podemos-Alianza Verde e Espazo Común Galeguista: presentarse e, por riba, divididos. Desta forma, moitos miles de votos non lograron expresión política no Hórreo (algo que non causou ningunha sorpresa).

Así, as citadas forzas non parlamentarias suman 33.567 sufraxios estragados (2,3% do corpo electoral). Estas candidaturas teñen moi escaso poder social. Ademais, cómpre lembrar que en Galicia existe un limiar do 5% para entrar nas provincias occidentais e en torno a un 7,15% nas conservadoras Lugo e Ourense. Se ademais van por separado, o fracaso é predicible, como xa expliquei no artigo Sumar e Podemos favorecerán a maioría absoluta de Rueda o 18-F.

Neste sentido, o lóxico sería que ningunha destas candidaturas se tivese presentado. Sería máis efectivo que Sumar, Podemos e Alianza Verde pactasen co PSOE poñer de números 2 e/ou 3 por algunha circunscrición a unha ou dúas persoas de esquerda alternativa non nacionalista (e logo, ir ao Grupo Mixto).

Un estudo postelectoral de La Sexta vai nesta liña: se os votos de Sumar estivesen integrados no PSOE, o PP perdería a maioría absoluta (37/75), mentres que o PSOE adquiriría tres escanos máis (12/75). BNG e DO ficarían igual (25/75 e 1/75). Cómpre ter en conta que a suma de BNG, PSdeG e Sumar é levemente superior en papeletas ás do PPdeG (702.936 vs 700.491).

No caso de ECG -coalición galeguista de centroesquerda integrada por Espazo Común, Galicia Sempre, CxG e Unidade Local- o seu “espazo” xa está ocupado por PSdeG e BNG, polo que non tiña moito sentido dita candidatura en termos sociopolíticos.

En penúltimo lugar, se facemos unha comparación entre 2020 e 2024, a dereita de hai catro anos (PPdeG, Vox e Ciudadanos) obtivo 664.399 sufraxios fronte a 620.559 da esquerda de entón (BNG, PSdeG, GeC-Anova-Mareas, Marea Galeguista e Equo Galicia). O diferencial foi de 43.840 votos máis para os partidos dereitistas.

Porén, en 2024 a suma azul (PPdeG, Vox e Democracia Ourensana) foi de 748.296 votos, que contrastan cos 708.332 vermellos (BNG, PSdeG, Sumar, Podemos e ECG). O diferencial é tamén favorable aos primeiros, 39.964, mais levemente inferior en comparación con 2020.

En resumo, o PP de Galicia ten unha maquinaria política moi poderosa, pero non é invencible. Para que a esquerda sume maioría absoluta, como xa o fixera en 2005, terá que mudar a estratexia, pois cunha formación tan dominante coma a de Alfonso Rueda a marxe de erro é mínima. @mundiario

Comentarios