Caixa B do PP: a conexión galega

El extesorero del PP Luis Bárcenas. / Mundiario
Luis Bárcenas. / Mundiario
Pendentes todavía varios procesos xudiciais e co que sabemos ata hoxe, ¿que parte lle toca a Galicia nese sistema de corrupción? Para respostar hai que ter en conta algúns datos.
Caixa B do PP: a conexión galega

Moito ten chovido desde que en xaneiro de 2013 saiu á luz pública a existencia dos “papeles de Bárcenas” e comezou a investigación sobre a caixa B do PP. Lembremos que esa investigación derivou da do caso Gürtel, iniciada anos antes, na cal é personaxe protagonista o ex secretario de organización do PP de Galicia, Pablo Crespo, e que remataou coa condena dos propios Bárcenas, Crespo e moitas máis persoas vinculadas a ese partido, declarado partícipe a título lucrativo (beneficiario) no marco do que a sentenza dese caso definiu como “un auténtico y eficaz sistema de corrupción institucional” para favorecer ó PP.

Pendentes todavía varios procesos xudiciais e co que sabemos ata hoxe, ¿que parte lle toca a Galicia nese sistema de corrupción? Para respostar hai que ter en conta algúns datos. O primeiro é que, según soubemos recentemente polas noticias do caso Kitchen (que investiga a operación montada polas cloacas do Estado para eliminar probas que estaban en mans de Bárcenas), a única contabilidade sustraída á Bárcenas que se cita como tal nese caso é precisamente do PP de Galicia, documentación que por algún motivo foi obxecto dunha atención especial por parte dos ladróns de probas. O segundo é que os discos duros de Bárcenas foron, como sabemos, destruidos no ano 2013. A combinación de ambos datos implica que temos un coñecemento moi fragmentario do que pasou en Galicia, ó cal engádese que unha investigación xudicial deste tipo non pode ser exhaustiva, dada a falta de medios e capacidades do noso sistema xudicial e a propia dificultade de probar conductas que rara vez deixan rastro documental. A pesar do cal hai xa un conxunto de probas e indicios demoledores para o PP de Galicia, que permiten deducir que ese partido concurriu dopado a moitas eleccións e como mínimo –incluidas- ata ás de 2009, nas que Feijóo foi elexido presidente da Xunta.

Así, hai escasos días, no xuízo do caso Bárcenas que se celebra na Audiencia Nacional, tanto o ex-xerente do PP, Cristobal Páez, como o propio Bárcenas confirmaron que a última operación da Caixa B do PP foi precisamente un pago en efectivo de 50.000 euros no ano 2010 que procedía do PP de Pontevedra (que se negou expresamente a facer o pago por vía bancaria) e que foi repartido, según Bárcenas, en dous sobres, entregados a Rajoy e a Cospedal. Hai que ter en conta que ambos acusados van cada un polo seu lado, con abogados diferentes e con estratexias de defensa distintas, pero coinciden en sinalar a existencia desa operación e aportan detalles e perspectivas coincidentes. Compre destacar que en 2010 o señor Feijóo xa fora elexido Presidente da Xunta e levaba catro anos (desde xaneiro de 2006) como presidente do partido, do que fora número dous xa desde 2004, e conselleiro de Política Territorial desde 2003. E se a entrega de 50.000 euros en efectivo procedentes do PP de Pontevedra se produciu, iso implica que o PP de Galicia tiña unha Caixa B en 2010, feito que non podía ser descoñecido polo señor Feijóo. Non é cuestión menor que quen presidía o PP de Pontevedra en 2010 fose Rafael Louzán, recentemente condenado por corrupción e que todavía preside a Federación Galega de Fútbol.

Igual de importante que o anterior é o feito de que entre os documentos aportados na instrucción do caso Bárcenas figure unha relación entregada por un ex xerente do PP de Galicia, que detalla presuntos ingresos de 19 empresas no ano 2006 (de xaneiro a decembro) por importe aproximado de 2 millóns de euros: a contabilidade B do PP de Galicia cando Feijóo xa era presidente do partido desde xaneiro de 2006; uns ingresos que, ademáis de ser opacos, eran na súa gran maioría ilegais por exceder do límite de 60.000 euros.

O propio Pablo Crespo recoñeceu nunha comisión do Congreso que o PP de Galicia estaba implicado no financiamento ilegal do PP, igual que o fixo en entrevistas nas que declarou que no PP de Galicia da súa etapa tamén houbo sobres, así como que a corrupción estaba institucionalizada no PP de Galicia.

Os casos Bárcenas e Gürtel implican a implantación polo PP dun sistema de saqueo do Estado. O caso Kitchen supón o escandaloso intento de encubrir ese sistema corrupto usando as cloacas do propio Estado. Eses casos están asociados por distintas vías ó PP de Galicia e o que coñecemos da financiación ilegal do PP remata xustamente en Galicia, pero ata o día de hoxe nin o PP de Galicia nin o propio señor Feijóo deron a máis mínima explicación, aparte de negalo todo e a pesar de que o señor Feijóo ten altas responsabilidades na Xunta e no PP de Galicia desde 2003, é dicir, non era nin moito menos alguén que pasaba por alí.

Non fai falta, por evidente, lembrar a trascendencia de que as administracións e as persoas que exercen a política se comporten dun xeito ético, especialmente nun tempo marcado por unha forte crise sanitaria e económica que xera sufrimento na cidadanía, tensiona as estruturas sociais e pon en cuestión as institucións que, en última instancia, sosteñen o Estado e a democracia mesma. Por non falar do que dicía Plutarco da muller do César, aínda que Plutarco estea demodé para o PP. @mundiario

Caixa B do PP: a conexión galega
Comentarios