O Cabronario: 45 poemas feroces de Celso Emilio Ferreiro

Paco del Riego, Álvarez Blázquez y Celso Emilio Ferreiro en 1962. / Archivo de O Cabronario
Paco del Riego, Álvarez Blázquez e Celso Emilio Ferreiro en 1962. / Arquivo de O Cabronario
O Cabronario é un poemario inédito de Celso Emilio Ferreiro, escrito en Venezuela, e prohibido en España na ditadura por ir contra o franquismo.
O Cabronario: 45 poemas feroces de Celso Emilio Ferreiro

Baixo o título de O Cabronario e da man de Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio Ferreiro, véñense de publicar corenta e cinco poemas inéditos do poeta de Celanova. Son textos escritos durante a estadía da familia Ferreiro en Caracas (Venezuela). 

Xabier Ferreiro, fillo do poeta e autor do limiar desta edición, insire esta obra no contexto no que se escriben estes poemas de crítica feroz contra o réxime franquista, accesibles só as amizades do autor que, grazas a esta edición, chegan ás mans do público en xeral.

No limiar recupérase un artigo de Carlos Casares publicado en La Voz de Galicia en xullo de 1982, tres anos despois do falecemento de Ferreiro.

Casares conta que Celso Emilio deu a coñecer estes poemas, baixo o título de Cabronario, a un grupo de amigos en Santiago de Compostela e que: "nun momento do recital, cando os versos chegaban ó cumio do inxenio e transparentaban unha habilidade inimitable para o humor acedo e o furor satírico, o autor, sorprendido el mesmo pola xenreira que lle saía pola boca, fixo un alto e dixo que non sabía de onde lle viña a el toda aquela mala uva. Alguén dos que escoltaban aclaroulle: 'Do corazón, Celso, do corazón'".

Na contracapa, O Cabronario defínese como “Un poemario a man armada. É unha dinámica dinamita poética, un estouro, un estoupido, unha poutada da conciencia cotiá.  Escolla vostede nesta polvoreira e déixese levar. Isto é un libro-bomba con teimas variadas: manexar fóra da área de confort”.

En “Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas”, primeira biografía do poeta publicada en Akal-1981 por Perozo/Porteiro, o poeta referíase a aquelas circunstancias:

Unha das miñas loitas durante a ditadura foi facer poemas mesmo en castelán do tipo que entón chamaban subversivos. Moitos poemas e sonetos en castelán que andaban a rolar por toda España como anónimos, foron meus, e algúns poemas do “Cancioneiro de Einaudi” publicados en Roma, eran meus tamén. Nese senso fixen a miña guerra particular contra o sistema. Lémbrome que mandaba os poemas polo sistema da cadea a nove enderezos pedindo que os reproduciran e mandaran a outros nove. Ás veces marchou tan ben a cadea que despois de medio ano ou un ano, chegaban a min os poemas de alguén que mos mandaba sen saber que eu era o seu autor”.

Esta publicación inaugura a aparición de Luscofusco Edicións, novo selo editorial de Mundo Detrás do Marco (Vigo), que se suma á Editorial Elvira e Fosfatina Edicións.

A publicación ten unha edición moi coidada cun espectacular deseño da cuberta do artista plástico Xavier Magalhâes. @mundiario

Comentarios