Buscar

O Brexit xa está incomodando a importante frota pesqueira de Galicia

Mais non son os barcos galegos e os seus armadores os únicos que toman medidas contra o Brexit: as protestas dos exportadores escoceses de peixe fresco tamén van a máis con manifestacións que provocaron importantes retencións no tránsito rodado no centro de Londres.
O Brexit xa está incomodando a importante frota pesqueira de Galicia
Brexit. / RR SS.
Brexit. / RR SS.

Galicia esixe unha estratexia común para defender os intereses da frota que faena no Gran Sol perante o acordo de Brexit acadado pola UE e o Reino Unido. O Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado esta semana así o demanda. Mentras tanto, e polas mesmas circunstancias do Brexit, a frota española (maioritariamente galega) que faena en augas do Reino Unido, opta por realizar en portos de Irlanda o desembarque das súas capturas. 

Mais non son os barcos galegos e os seus armadores os únicos que toman medidas contra o Brexit: as protestas dos exportadores escoceses de peixe fresco tamén van a máis con manifestacións que provocaron importantes retencións no tránsito rodado no centro de Londres. Os escoceses fan deste xeito o seu público desacordo coa ralentización do transporte por estrada motivada polos novos controis fronteirizos obrigados pola saída do Reino Unido da Unión Europea.

Quéixanse da dificultade que teñen para entregar produtos frescos a Europa, o que, aseguran, pode provocar perdas de emprego no sector pesqueiro malia o apoio do Goberno británico ás empresas que padecen duros efectos burocráticos e serias dificultades para a entrega das súas mercadorías.

​As mesmas queixas comezan a escoitarse en España e, máis concretamente, en Galicia, procedentes dos armadores cuxos barcos se ven na obriga de realizar os desembarques das capturas realizadas, en portos de terceiros países debido ao novo requisito que aporta maior burocracia, uso de novos certificados sanitarios (dos que carecen en moitos casos os portos británicos) e mesmo asumir carencias evidentes de oficinas competentes en materia de control sanitario e veterinario. Para os barcos españois outro prexuizo é o ter que realizar longas esperas -en ocasións de días- para se desprazaren a portos distantes un mínimo de tres horas de navegación para realizaren os trámites de vendas do peixe.

Máis burocracia co Brexit

O novo requisito por desembarque nun país terceiro aporta máis burocracia, certificados sanitarios, portos diferentes nos que resulta imposible despachar con lixeireza debido á inexistencia de oficinas axeitadas para eses trámites, proba evidente de que as autoridades pesqueiras do Reino Unido nunca realizaron accións alleas ánormativa comunitaria para afrontar esta nova situación consecuencia do "divorcio" da UE.

Dende a representación dos armadores españois propóñense operativas que teñen que ver cos consignatarios e mesmo os servizos veterinarios, porque os desembarques de peixe teñen que agardar días en almacéns ou desprazarse os barcos a outro porto non dependente do Reino Unido, feito que implica máis horas de navegación e redución das horas de permanencia en augas controladas polas autoridades británicas para poderen pescar.

O abandono da unión aduaneira da Unión Europea e o mercado único conduciu ás exportacións do Reino Unido a novos controis aduaneiros e veterinarios que, cvomo xa queda exposto, causan serios problemas fronteirizos.

Estancamento

O acordo comercial do Brexit deixa ao sector pesqueiro nunha situación de franco estancamento, que o Goberno británico debe solucionar antes de que o propio sector tome decisións que tanto os armadores como os transportistas prexudicados están dispostos a tomar. É o que explica que o primeiro ministro británico dera a súa aprobación a axudas por valor de máis de 25 millóns de euros ás empresas afectadas polos retrasos que o Brexit está a causar  á frota e ao transporte por estrada da pesca. Á frota galega, coma sempre, tócalle turrar da tralla. @mundiario