DE BOLINA

Dos bos, por agora, e dos malos malísimos no tesouro de Adro Vello

Yacimiento de Adro Vello. / adrovello.es
Yacimiento de Adro Vello. / adrovello.es
O xacemento arqueolóxico de Adro Vello en San Vicente do Grove é o paradigma da falta de colaboración entre Administracións, incluso na defensa do patrimonio cultural, un ben común. É unha verdadeira mágoa , da que só se salva neste momento a Xunta.
Dos bos, por agora, e dos malos malísimos no tesouro de Adro Vello

Nas películas de vaqueiros de antes -as de agora xa se complican un algo- saían bos e malos, personaxes planas: o bo, bo; o malo, malo. Sen voltas: ou branco ou negro. Sempre ganaba o bo, como ten que ser e manda a santamadreiglesia. Pero ata unha palabra como bo ten múltiples significados e, por exemplo, o Dicionario da RAG recolle quince. Con malo, outro tanto e dá sinónimos como cativo, ruín, daniño, prexudicial, malvado e perverso; e a eses tamén se poderían engadir nocivo, aveso, desagradable, doente, enfermo, funesto, inicuo, malévolo, malicioso, pernicioso e, mesmo, velenoso.  Así que cada vez que repito malo neste artigo, pódeno substituir por calquera deses sinónimos, ou por todos xuntos, cos seus correspondenes matices.

Como verán os lectores desta columna teño un tema recorrente: Adro Vello, porque non é entendible que un dos principais xacementos arqueolóxicos de Galicia estea abandonado, comesto pola maleza e sendo obxecto de espolios permanentemente. Unha das causas é o entendemento da actividade política como algo  patrimonio dunha determinada facción, porque o único obxectivo real é o de poder colocar un carteliño que poña : "Esto lo hice yo". Tamén rodea esta situación a falta de sensibilidade e formación cultural  dos partidos de goberno e de oposición.

Pois en Adro Vello, que como ata sinala o DOGA é “un dos bens arqueolóxicos máis singulares no ámbito da Comunidade Autónoma” , hai, claramente bos e malos. Nese xacemento pódese ver toda a historia da civilización occidental: vestixios dunha factoría romana de salga, unha vila a mare romana, restos de estuco pintado, cerámica de construción, un ara dedicada á deidade Devero, precristiana, unha necrópole de inhumación con ata dez niveis sucesivos de enterramento desde o século V d.C. ao XVIII d.C., a ruína dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con pezas ornamentais de traza visigoda, no que parece un templo paleocristián e as súas sucesivas -polo menos tres- reconstrucións. Ademais queda un área ampla sen escavar, onde poden estar unhas salinas, un porto e unha cidade.  Cun castro da Idade de Bronce a trescentos metros e fábricas de salga -elementos etnolóxicos definidos na Lei de Patrimonio- e  achados calcolíticos nas inmediacións. Toda a Historia está alí.

O lamentable estado actual deste tesouro universal ten responsables e defensores e toca distribuír os papeis de malos e bos según a súa actitude actual que, claro, a diferenza das películas, poden cambiar co paso do tempo ou, por riba, non acadar un final feliz.

O rol de boa tócalle á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura. Incoou, conforme a súa competencia, a declaración de Adro Vello como BIC -DOGA de 8 de febreiro de 2022-, cunha ampla contorna de protección; chegou a un convenio coa Universidade de Vigo para continuar o estudo e realizar escavacións cientificamente -que se iniciarán este verán- e, ademais, vai instalar un Centro de Interpretación onde se poderán observar os principais achados, cunha explicación global sobre esta Zona Arqueolóxica. Non é todo o boa que podería ser de cara ao futuro, pero, neste momento, ten ese papel: móvese, valora, aprecia.

O abandono e desprezo de Adro Vello  é unha mostra de ignorancia
O abandono e desprezo de Adro Vello é unha mostra de ignorancia.

Dóeme dicir que os malos, os paralizados, son o Ministerio para a Transición Ecolóxica, Costas do Estado -malo con ganas e sen que ninguén llo diga- que incumpre completamente, con desprezo, as súas obrigas legais como titular actual do xacemento que está en dominio público marítimo terrestre, a pesar de dispor de medios. Seguindo na xerarquía de ruindade figura no podio a Deputación de Pontevedra, con recursos técnicos e económicos abondosos, que permite que a súa estrada continúe esmagando o xacemento, e enreda a unha política de confrontación a costa deste patrimonio cultural.

Na cadea dos malos un elo é o concello do Grove: despois de anos de desleixo ignaro e como de autoodio, aprobou en sesión plenaria defender Adro Vello, pero segue a insistir en enlear e enlamar, inventándose órganos para xogar a ensuciar a nobreza da política e as obrigas dun gobernante, sen mostrar ningún tipo de vontade real, de esforzo de seguimento, de verdadeira colaboración, permitindo que o xacemento siga como aparcadoiro para turistas e mantendo colectores do lixo, con aldraxe e desdén, a carón del; pero sobre todo sen, nin sequera, mostrar vontade de favorecer o que representa a historia de Galicia e desa vila e pode chegar a conformar o futuro do municipio; e iso que a Lei lle obriga a facelo porque ten competencias propias na protección e xestión do patrimonio e deber de adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares para salvagardar os bens que visen ameazada a súa integridade e valor e comunicar á Xunta calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural desa Zona Arqueolóxica; pero, pasa o tempo, e nada de nada. Para ninguén pode ser doado entender, nin asumir esa postura. E por todo iso claramente hai, por agora, bos e malos; por suposto, todo pode cambiar. @mundiario

Comentarios