O BNG xa está presente con representación municipal en máis de 180 concellos

Ana Pontón. / TVG
Ana Pontón. / TVG

Semella que o recoñecemento eleitoral no presente é o paso consolidado dunha organización de débito exclusivamente galego, que logo das crises de crecemento, asoma con toda a enerxía de vida futura.

O BNG xa está presente con representación municipal en máis de 180 concellos

É difícil, fóra do campo dos especializados en análises políticas, máis en concreto eleitorais, elaborar unha explicación da realidade eleitoral galega que sexa quen de abranguer polo menos a maioría dos casos. Máis aínda: se a perspectiva adoptada parte da existencia dun país con atributos de nación, o noso, o asunto complícase de forma moi arrevesada, xa que unha cousa é a evidente existencia nacional, e outra moi distinta, a expresión social da vida, no sentido diario desa natureza.

Queremos dicer que non é igual manifestar que se ama ao país por riba de todas as cousas con logo combinalo con elixir uns representantes con mandato político de débito externo, español antes que galego. Isto forma parte da maneira, por agora, de se conducir na Galiza e constitúe un elemento explicativo de primeira orde para entender a preferencia polo poder español, en lugar do galego.

Tamén podemos entender que ten unha raigame histórica marcada a lume na memoria colectiva do noso país: o descabezado por causa bélica da nobreza galega (primeiro en tempos de Enrique II, exilio de Fernando de Castro a Portugal e logo o mesmo trato recibido da reinante rama bastarda de Trástamara, quérese dicer Isabel I) produciu durante séculos o efecto desexado xa que unha vez eliminada a cabeza,  a resposta do corpo é mecánica. Deixando á parte estas consideracións, o observado é que na Galiza se prefire, á hora de votar, premiar o poder español sobre o galego. E para formar parte, potente, da contradición da vida, recoñécese como propio só o galego.

Estase votando en español recoñecendo a persoa candidata independentemente da súa obediencia política, crendo que o feito de ser galega, de vivir aquí, polo menos nominalmente, vai ter razón suficiente para situar os intereses do país por riba e sempre por diante dos intereses alleos. Neste cadro de explicacións moveriámonos para entender o voto en alternancia ao PP e ao PSOE en función da súa situación relativa no poder do Estado.

Outra razón da onda de cambios cara a un lado ou a outro é a situación que tal contendente teña en Madrid xa que outra chave do voto masivo en español é que a algúns galegos gústalles ir co gañador á hora de votar. É igual que nas hordas seguidoras do fútbol: canta menos categoría ten a equipa local máis peñas hai do Real Madrid ou do Barça.

Os gañadores sempre teñen máis adherentes. Por esa razón é indiferente que a equipa local xogue ben, que estea formada pola rapazada do lugar, que colaboren cos escolares para practicar deporte, que axuden aos vellos do lugar, que sorteen cestas en Nadal que sempre tocan… É igual, moito cariño pero a cota de socios pagáselle ao Real Madrid e frétanse autobuses para ir velo.

E hai finalmente un outro grupo de galegos, por agora minoritarios, que decidiron facerse cargo de si mesmos e votar en consonancia co seu ser, e votan, é dicer delegan a través do voto o goberno do común, só en galego, neste caso ao BNG. É asombroso o poder de capilaridade que ten  esta organización xa que está presente con representación municipal en máis de 180 concellos por todo o país. Semella que o recoñecemento eleitoral no presente é o paso consolidado dunha organización de débito exclusivamente galego, que logo das crises de crecemento, asoma con toda a enerxía de vida futura. @mundiario

Comentarios