O BNG xa é a peza sobranceira da alternativa de goberno ao PPdeG

Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario

O 12-X puxo ao BNG á fronte da alternativa de goberno ao PP e deulle ferramentas para tentar explotar este bo suceso xa nos espazos urbanos nas vindeiras locais.

O BNG xa é a peza sobranceira da alternativa de goberno ao PPdeG

O BNG acadou nas eleccións nacionais do 12-X o seu mellor resultado en escanos na historia do autogoberno estatutario galego (19, sobardando os acadados por Beiras no 1997-18- e 2001-17-). Obtivo un 23,80 % de votos fronte ao 19,38% do PSdeG, que acadou só 14 deputados. Un rechamante sorpasso, que ningunha enquisa albiscou en toda a súa intensidade, malia que si se podia intuir a pé de rúa e rueiro na derradeira semana de campaña.

No bo sucesso do BNG influiu o traballo parlamentario discreto e documentado destes catro anos no pazo do Hórreo, canda o relevante e continuado traballo de representación da eurodeputada Ana Miranda en Bruxelas. Tamén a presenza e protagonismo nestes meses da nova lexislatura estatal no Congreso de Néstor Rego, en comparanza  coa malfadada minoria de En Marea , que chegou votar a prol dos peores Orzamentos do 2019 para Galicia dende os peores anos da Grande Depresión. Salientou entón a insubmisión da entón deputada estatal mareante Alexandra Fernández, hoxe deputada do BNG e referente das ducias de milleiros de votos que emigraron do voto  común-mareante de 2016 ao voto soberanista de 2020.

Mais tamén hai un mérito indubidábel da candidata Ana Pontón por se situar (em aqueladas verbas de Anxo Quintana) no centro do seu electorado, no canto de reforzar só a mensaxe das persoas convencidas. O discurso de Pontón é transversal e foi quen de achegar tanto a galeguistas e soberanistas de toda caste (velaí o manifesto de apoio do Proxecto Galego, asinado por persoeiros  alleos ao BNG como o próprio Anxo Quintana, Carlos Aymerich, Rafa Cuíña e Pablo G. Mariñas, canda antigos cargos do bipartito como Ana Rúa, Chus Lago, Gonzalo Constenla ou Rubén Lois e moitos fundadores e referentes  de CXG, En Marea e varias marés e grupos locais). Mais tamén chegou a moitos sectores alleos a ese mundo. Sen ratificación científica cuantitativa, mais dende a observación cualitativa, pódese diagnosticar  unha concentración de voto ao BNG moi significativa na xente nova e referentes da sociedade civil, que adheriron un perfil de candidata soberanista e feminista sen que nun caso nin noutro  esas cualidades fixeran de muro, senón mais bem de referencia ampla e unitiva. Porque só paga a pena a política que chama integrar moita xente e moi plural.

Para ampliar a súa base social e electoral o BNG require afondar na "receita Pontón": chamar por moita xente, dirixirse ás maiorías sociais e situar a mensaxe no centro do seu electorado potencial.

Estes resultados abren boas possiblidades para o soberanismo cara ás vindeiras eleccións locais de 2023. Nas cidades e nas vilas. Vai depender das persoas a elixir como candidatas e, tamén, da capacidade de converxencia com toda esa sensibilidade local exterior ao BNG, hoxe relevante em moitos concellos galegos e que está chamada a colaborar con él no próximo futuro.

Tamén as posibilidades de que Ana Pontón sexa a primeira Presidenta de Galicia dependerán do mantemento e afontamento desta liña estratéxica e no alargamento da base social e electoral do soberanismo galego en aberta competencia co PP e co PSOE. Para esta tarefa e para a devandita integración local nos concellos todos de Galicia cumprirá moita intelixencia, moita xenerosidade e moito sentidiño. Canda, quizais, o uso de novas estruturas e ferramentas. @mundiario

   

Comentarios