Buscar

Bastións II, a mostra do escultor Jose Perozo no Círculo de Empresarios de Vigo

As esculturas de Jose Perozo, os seus Bastións, permítennos apreciar este momento de madurez vital no que o escultor vigués da renda solta a súa creatividade e xoga a dominar grandes estruturas mediante metáforas e composicións racionais

Bastións II, a mostra do escultor Jose Perozo no Círculo de Empresarios de Vigo
José Perozo. / Mundiario
José Perozo. / Mundiario

Firma

Xoán Dou

Xoán Dou

El autor, XOÁN DOU, es colaborador de MUNDIARIO, donde analiza la actualidad. @mundiario

Este xoves 8 de novembro, ás 20 horas, inaugúrase a mostra do escultor vigués Jose Perozo, 'Bastións II', no Círculo de Empresarios de Vigo. Escenógrafo e decorador teatral formado en Santiago e Granada, esta será a primeira vez que a súa obra poderá verse na súa cidade natal. Nado en San Pelayo de Navia en 1978, reside en Compostela desde 1998, onde expuxo por primeira vez os seus traballos no outono de 2017, no impoñente espazo da igrexa de Universidade, cun grande éxito de público e crítica.

A exposición está formada por un total de trinta pezas que teñen como nexo conceptual a creación de hábitats e seres impregnados de realismo máxico. Referentes tan diversos coma o cine fantástico de Hayao Miyazaki, ou a obra literaria de Alessandro Baricco, confirman a premisa de Jose Perozo de procurar obras de porte teatral e escenográfica cunha compoñente estética post industrial e arquitectónica.

As pezas que saen do obradoiro de Jose Perozo remítennos á vulnerabilidade humana e a procura dos refuxios –bastións– que precisa para soportar o medo: torres, fortalezas, estruturas de pensamento ou máquinas voadoras –algunhas de grande tamaño, nas que se alternan e combinan materiais reciclados como vigas de madeira ou pezas de ferro, con outras de nova creación coma a cerámica– constrúen por separado, e no seu conxunto, unha metáfora da beleza e a fraxilidade. A presentación, tanto plástica como organicamente, demostra a intención poética e a procura da beleza visual do autor, que conxuga cos relatos de Sandra Lesta e máis co seu aporte literario recollido nun libro ilustrado, editado por Auga, onde os seres que habitan os materiais expostos dialogan co mundo onírico que representan.

As esculturas de Jose Perozo, os seus Bastións, permítennos apreciar este momento de madurez vital no que o escultor vigués da renda solta a súa creatividade e xoga a dominar grandes estruturas mediante metáforas e composicións racionais, que confirman a un  artista plástico anovador que nunca deixou de sentirse escenógrafo.

A exposición permanecerá aberta ao público no Círculo de Empresarios de Vigo, desde o 8 de novembro até o 14 de decembro en horario de 9 a 21:30 horas, de luns a venres. @mundiario