Avances e retos pendentes: Declaración do Foro Económico de Galicia

La cabecera de la edición GALICIA de MUNDIARIO sobre la desembocadura del río Miño, entre Galicia y Portugal. / Antonio Sangiao
La cabecera de la edición GALICIA de MUNDIARIO sobre la desembocadura del río Miño, entre Galicia y Portugal. / Antonio Sangiao
Nos dez anos de vida do Foro Económico de Galicia, acadáronse notables consensos sobre diagnoses e propostas. Entre elas, esta entidade salienta hoxe catro ideas.
Avances e retos pendentes: Declaración do Foro Económico de Galicia
A edición de GALICIA de MUNDIARIO recolle íntegramente esta declaración do Foro Económico de Galicia:

"A economía galega está a rexistrar bos resultados e avances moi salientables. En particular, por primeira vez na súa historia, rematamos o exercicio 2018 cunha riqueza (PIB) por habitante por riba do 90% da media española.

Lembremos que no ano 2000 estabamos na cola de España, xunto a Andalucía e Estremadura e por baixo do 80%. Hoxe xa somos unha Comunidade de renda por habitante medio-baixa. Ninguén avanzou tanto no mapa español. E iso, a pesares do devalo demográfico e da moi escasa capacidade de atraer capital estranxeiro que afortale a nosa economía.

Foron as nosas empresas, na súa meirande parte de carácter familiar, e os traballadores galegos os protagonistas deste proceso de converxencia. Hoxe temos unha estrutura empresarial con nomes e marcas moi coñecidas en España, na Unión Europea e no mundo.

Partir do anterior permite ser optimistas cara ao futuro. Pero tamén ambiciosos e esixentes. Porque como país podemos facelo mellor. Podemos acadar un maior nivel de desenvolvemento e benestar social. Porque hoxe temos potencialidades non suficientemente aproveitadas, recursos ociosos e capacidades latentes que estamos perdendo por falta de cooperación e exceso de individualismo.

Contamos con numerosas illas de excelencia que requiren conexión; e dificultade para percibir as vantaxes de poñer en marcha iniciativas con perspectiva de país e que sexan inmunes aos localismos paralizantes.

Nos dez anos de vida do Foro Económico de Galicia, acadáronse notables consensos sobre diagnoses e propostas. Entre elas, queremos salientar hoxe catro ideas.

A primeira é a urxencia de aproveitar un dos nosos recursos máis valiosos: a terra. O abandono de centos de miles de hectáreas son unha pesada eiva para Galicia. Porque arruínan a nosa paisaxe e alimentan devastadoras vagas de lume. Mais tamén porque fannos perder unha enorme capacidade para producir alimentos de alta calidade, valor e prezo; reducir os custes das nosas explotacións gandeiras; e fixar poboación no territorio. Xa que logo, urxe a mobilización das nosas terras hoxe a mato, con ferramentas xurídicas e fiscais de todo tipo, sabendo que é traballo, cando menos, para dez anos. Foron decenios de desleixo do territorio que non podemos reverter nunha lexislatura.

A segunda idea é a necesidade de reafirmar a nosa vocación oceánica. Cómpre unha aposta decidida por una estratexia marítima de longo alcance que, sendo compatible cos Obxectivos do Milenio, sexa quen de aproveitar todas as súas potencialidades e salientar as sinerxías posibles; dende a pesca e acuicultura á loxística e desenvolvemento portuarios, pasando pola nutrición e tecnoloxía, entre outros obxectivos.

O terceiro vector é o demográfico. Unha sociedade avellentada tende cara a dependencia, a fraxilidade e falla de espírito emprendedor, no social e no económico. Avellentamento activo e reactivación demográfica son chaves. Os galegos non somos unha anomalía. Queremos ter fillos. O problema é que a xente nova atópase con dificultades notables para concretar eses desexos. A calidade do emprego, as políticas de conciliación, o apoio público son manifestamente mellorables. Non podemos perder xente nova e temos que ser quen de atraer e integrar, particularmente, aos emigrantes galegos e aos seus descendentes.

Finalmente, temos que falar do noso sistema de innovación en sentido amplo. Contamos con boas universidades e un tecido empresarial exitoso. Fáltanos interconectalo mellor. Precisamos un maior investimento en actividades de I+D+i que poña o acento na busca das sinerxías entre uns e outros.

A sociedade galega e as empresas deben ver na universidade un cerebro auxiliar que lles pode axudar a entender problemas e resolvelos. E as universidades deben ser quen de combinar ás súas funcións clásicas con esta outra que está chamada a ser unha peza clave para o futuro económico dos países, mais tamén para universidades en territorios xeograficamente periféricos.

Para todo o anterior, requírense amplos consensos políticos e sociais. As lexítimas e lóxicas diferenzas ideolóxicas e os intereses individuais non deberan impedir acadar solucións boas para todos.

O Foro Económico de Galicia seguirá estando aí para botar unha man." @mundiario


 

Comentarios