Autoridades académicas e políticas renden homenaxe ao catedrático Xaquín Álvarez Corbacho

Homenaxe a Xaquín Álvarez Corbacho. / Mundiario
Homenaxe a Xaquín Álvarez Corbacho. / Mundiario
O  expresidente Laxe definiu a Álvarez Corbacho como un ¨mediador da esquerda” e destacou a súa vocación pola economía pública como ferramenta para resolver as necesidades da sociedade.
Autoridades académicas e políticas renden homenaxe ao catedrático Xaquín Álvarez Corbacho

Seis meses despois do falecemento do economista e profesor Xaquín Álvarez Corbacho, catedrático de economía aplicada na Universidade da Coruña (UDC), os seus compañeiros de profesión, os seus amigos, alumnos e un bo número de personalidades do mundo da política e a universidade reuníronse para renderlle homenaxe.

O acto tivo lugar onde Álvarez Corbacho estudou Ciencias Económicas e Facenda Pública, no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que chegou a ser catedrático de Economía Aplicada e vicerreitor entre 1985 e 1990, como lembraron durante o acto varias das autoridades universitarias que interviñeron coas súas palabras na homenaxe.

O  expresidente Fernando González Laxe, catedrático da UDC, definiu a Álvarez Corbacho como un "mediador da esquerda”"e destacou a súa vocación pola economía pública como ferramenta para resolver as necesidades da sociedade.

O reitor da USC Antonio López lembrou a figura do gran investigador e xestor, e contou algunhas anécdotas que motivaron un sorriso  nostálxico aos asistentes, principalmente aos familiares que estaban presentes.

Pola súa banda o impulsor de Rede Localis e Rifde, entidades organizadoras da homenaxe e ás que o catedrático  Álvarez Corbacho pertencía de xeito activo, Santiago Lago Peñas, salientou a xenerosidade e afectuosidade que caracterizaban a Álvarez Corbacho, así como o seu compromiso coa idea do potencial transformador do coñecemento. Ideas como a da “abstinencia fiscal” ou o “raquitismo orzamentario” dos concellos galegos axudaron a focalizar os principais problemas do noso municipalismo e son un legado que nos deixou.

Entre as numerosas autoridades asistentes, a conselleira do  Consello de Contas de Galicia Begoña Villaverde salientou a pegada que Álvarez Corbacho deixou na institución, onde tivo unha intensa actividade como conselleiro, centrada na mellora da transparencia e a rendición de contas na Administración local. Begoña Villaverde destacou o legado de Álvarez Corbacho e anunciou que o Consello Económico e Social publicará proximamente un libro cun manuscrito dun centenar de páxinas deixado polo economista.

O ex presidente Emilio Pérez Touriño cualificou ao político e profesor como un “loitador incansable, un home integro e un ser entrañable,  un home dunha  soa peza”. Dixo que foi un militante activo no proceso do 78 e un intelectual lúcido pero sempre disposto a comprometerse co servizo común. 

Desde o ámbito municipal tamén recibiu os eloxios dun amigo e compañeiro do municipalismo, o exalcalde de O Grove (Pontevedra), Xosé María Mourelos, quen lembrou que Álvarez Corbacho foi o primeiro alcalde de O Grove da democracia.

Francisco Candela, vicepresidente do Ateneo de Santiago, falou do compromiso social e político de Xaquín Álvarez Corbacho: “era un home coherente coa súa maneira de ser e de estar na vida”, afirmou visiblemente emocionado. @mundiario

Comentarios