Aumenta o número de persoas que pactan herdanzas en vida en Galicia

Pareja de abuelos. El Universal
Pareja de abuelos. El Universal

Os 31.731 pactos sucesorios asinados desde 2016 ante os notarios de Galicia supoñen o 36,8% dos 86.110 rexistrados desde 2007.

Aumenta o número de persoas que pactan herdanzas en vida en Galicia

Os datos provisionais do primeiro trimestre deste ano confirman a tendencia á alza no número de cidadáns galegos que acoden ás herdanzas en vida para transmitir bens aos seus herdeiros: 3.977 entre xaneiro e marzo fronte aos 3.940 do mesmo período de 2017.

Os pactos sucesorios de mellora e apartamento, previstos no dereito civil de Galicia, supoñen desde 2016 máis do dobre dos que se asinaron nas notarías da Comunidade Autónoma en 2015. Este notable incremento débese á reforma fiscal da Xunta que entrou en vigor en xaneiro de 2016 e que exime do pago do imposto de Sucesións ás herdanzas de ata 400.000 euros de pais a fillos, de avós a netos ou entre cónxuxes.

Ademais, en febreiro de 2016 o Tribunal Supremo sentenciou que os pactos sucesorios quedaban exentos de tributar no IRPF como ganancia patrimonial.

Os datos do Colexio Notarial de Galicia indican que, nos últimos dous anos, 31.731 persoas optaron por este tipo de acordos, o que representa o 36,8 % dos 86.110 subscritos desde 2007.

Polo que respecta ao primeiro trimestre de 2018, aínda que o número de pactos asinados diminuíu nun 3,5 % na provincia da Coruña, a que máis achega ao total, este descenso compénsase co aumento do 17,5 % rexistrado na de Lugo.

A  apartación ou apartamento e a mellora están regulados na Lei de Dereito Civil de Galicia e teñen efecto en vida do causante. O primeiro deles permite adxudicar en vida bens da herdanza a quen no momento da celebración do pacto puidese ter a condición de herdeiro forzoso, a cambio de que este renuncie de forma irrevogable a tal condición. Pola súa banda, o pacto de mellora permite adxudicarlle bens concretos a un descendente. @galiciamundiari

Aumenta o número de persoas que pactan herdanzas en vida en Galicia
Comentarios