Buscar

En augas do Cantábrico Noroeste están faenando barcos das catro comunidades

A aparición da anchoa nas proximidades da costa das provincias de A Coruña e Lugo, especialmente na Mariña, supón unha inxección económica para un segmento de frota que ten a súa base principal nos portos de Burela e Celeiro.
En augas do Cantábrico Noroeste están faenando barcos das catro comunidades
Anchoas de Santoña. / Tadel Madrid
Anchoas de Santoña. / Tadel Madrid

Antón Luaces

Periodista.

A presenza de grandes bancos de bocarte nas proximidades da costa da Mariña lucense converte ós portos galegos, especialmente o de Celeiro (Lugo), en receptores das importantes capturas que realizan as tarrafas con base nos distintos portos do Cantábrico e mesmo os da Galicia atlántica. En Celeiro, concretamente, xa se levan vendidos máis de 320.000 quilos de anchoa, especie que acadou un prezo promedio de 80 céntimos de euros o quilo. Esta cifra pode e debe verse moi superada nas vindeiras xornadas debido a que está a piques de rematar a campaña do bonito. Cando isto sexa unha realidade, serán moitos os barcos que, pescando actualmente os citado túnidos, pasarán a integrarse de cheo na frota anchoeira do Cantábrico.

A pesca do bocarte -ou anchoa- reforza notablemente á frota do Cantábrico Noroeste, que está moi espallada na área cantábrica, e que vai incrementarse en número debido a que, ao non existir outras pesqueiras, as unidades pasan a se integrar na frota do bocarte.

A maior parte da anchoa vendida no porto de Celeiro foi comprada por conserveiras de todo o país, que elaboran a especie en produtos como filetes en salazón e aceite ou boquerón (en filetes en aceite e vinagre). Esta elaboración aporta máis valor ó que intrínsecamente ten o bocarte, unha especie moi estimada en todo o territorio e que tamen soe venderse para o consumo en fresco (o que non engade máis valor que aquel que se rexistra na lonxa e a venda posterior nos mercados).

Esgotada vai xa case catro semanas a captura da sardiña no caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, a aparición agora da anchoa nas proximidades da costa das provincias de A Coruña e Lugo, especialmente na zona da Mariña, supón unha inxección económica para un segmento de frota que ten a súa base principal nos portos de Burela e Celeiro. Ao mesmo tempo, beneficia a armadores e tripulantes dos barcos asturianos, cántabros e bascos que utilizan para os desembarques de peixe o xa citado porto de Celeiro. As tripulacións destes barcos aproveitan o descanso de fin de semana para se achegar ós seus respectivos domicilio, para o que proceden a alugar autobuses nos que realizan o traslado de ida e volta. tal e como fan os galegos nas campañas da xarda e o bonito, pero en sentido inverso.

En augas do Cantábrico Noroeste faenan estes días un bo número de barcos das catro comunidades autónomas de todo o Cantábrico que na actualidade empregan o porto de Celeiro como base operativa. @mundiario