A Audiencia da Coruña cuestiona a querela electoralista contra un exalcalde ao absolvelo de prevaricación

Manuel Regos Boquete. / Mundiario
Manuel Regos Boquete. / Mundiario
O Ministerio Fiscal xa declinara nas súas conclusións provisionais formular acusación contra Manuel Regos Boquete.
A Audiencia da Coruña cuestiona a querela electoralista contra un exalcalde ao absolvelo de prevaricación

A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña ditou o pasado 16 de xuño sentenza absolutoria para Manuel Regos Boquete, exalcalde de Ordes (A Coruña), do delito de prevaricación administrativa. A sentenza considera que non existiu trato de favor na xestión de licenzas locais para o lecer nocturno, nin no relativo á súa apertura nin ao seu cambio de actividade, nin na observancia do cumprimento, por parte deste tipo de locais, da normativa de ruídos, horario de peche ou adecuación á actividade real do local en relación coa licenza posuída. A defensa de Regos foi exercida por Xoán Antón Pérez-Lema, socio director de Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores, tamén columnista de MUNDIARIO.

A querela contra Manuel Regos Boquete, presentada en 2015 e a escasas horas das eleccións municipais daquel ano –ás que Regos chegaba como alcalde de Ordes–, correspondeu exclusivamente a motivos políticos, suliña unha nota de prensa de Xoán Antón Pérez-Lema Avogados. Neste sentido, resulta salientable que o Ministerio Fiscal declinase formular acusación contra Manuel Regos nas súas conclusións provisionais, sendo a propia acusación popular a que atribuíu ao ex rexedor un delito continuado de prevaricación administrativa. Ademais, a sentenza sinala como a acusación atribúe a prevaricación “exclusivamente ao Alcalde de Ordes, pois a acción non se dirixe contra o resto de membros da Xunta Local”, o que non se corresponde co funcionamento colexiado dun goberno municipal. 

A Audiencia Provincial da Coruña considera probado que durante o mandato como alcalde Manuel Regos Boquete foron incoados expedientes administrativos de sanción ou reposición da legalidade de varios locais de lecer nocturno. A sentenza identifica como causa do retraso na execución dos mesmos á “oposición e renuencia dos propietarios ou titulares”, e non a unha actitude consciente ou manifesta de Manuel Regos. 

A Audiencia só considera probada a flutuación de licenzas de actividade no Concello entre 2009 e 2012, que foi provocada, sinala a sentenza, pola Orde de 16 de xuño de 2005 pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia e polo Decreto 292/2004, de 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas na comunidade. Non pode imputárselle, afirma a sentenza, a Manuel Regos as constantes peticións de cambio no tipo de actividades –cambios de licenza de pub a café concerto, café cantante ou tablao flamenco– nin o obxectivo que motivaba estes cambios -obter unha mellora no horario de peche-. 

O avogado defensor, Xoán Antón Pérez-Lema, salienta que “era evidente que non había caso” e “xa era evidente na instrución”, polo que resulta difícil de entender a apertura de xuízo oral. “A querela foi política, coas eleccións a celebrarse tres días despois”, aclara. Para Pérez-Lema, estamos ante un claro e consciente abuso do exercicio da acción penal. Lembra que a sentenza afirma que “a sanción penal só deberá utilizarse para resolver conflitos cando sexa imprescindible, de tal modo que o dereito penal só se ocupará da sanción dos ataques máis graves á legalidade”. 

“Cómpre facer unha análise fonda das circunstancias do exercicio da acción penal”, engade Xoán Antón Pérez-Lema, para quen os “comportamentos próximos á temeridade deberían ter a sanción xurídica”. Considera que isto debería traducirse, polo menos, no pagamento dos custos procesais. @mundiario

A Audiencia da Coruña cuestiona a querela electoralista contra un exalcalde ao absolvelo de prevaricación
Comentarios