As trampas de Trump

Donald Trump /  Alecus, México
Donald Trump / Alecus, México

Desaparecida a URSS e aparecida a China como a maior potencia en produción mundial, aínda que non política, o guión do rol dos USA no mundo, trata de recompoñer os elementos do que foron no pasado próximo as compoñentes da súa hexemonía.

Anda por Europa o Sr. Trump en visita aos seus alíados da OTAN e máis en reunión oficial da dita organización militar. O seu modus operandi é, e será, obxecto de análise polos tratadistas de esculca de xestos, ditos e presentacións, que a todo se presta, esta especie de teatro en que se ten convertido a política tanto en Europa como nos USA e adlateres. Todo pode ser obxecto de interpretación: que se están de pe ou sentados, que se é en cuberto ou ao ar libre, que se teñen garabata vermella ou azul, que se as lideresas levan saia ou pantalón, que se van acompañados coas parellas ou van sos, que se aparece na imaxe o intérprete ou non, que se as mulleres (países árabes) non aparecen na foto, ou se van cubertas ou non, que se os asentos son de distinta altura (tal cal como fixo Charles Chaplin no “Gran dictador”),… como se comprenderá, a listaxe de obxectos interpretábeis abrangue o conxunto de elementos da posta en escena, xa que, aínda con escasos elementos, a liturxia sempre deu moito de si. Por desgraza non posuímos esas habilidades interpretativas, e o que é pior, non temos ningún interese en aprendelas ou adquirilas, polo que haberemos abaixarnos á esculca dos feitos e, sen pretensión de oráculo, ver se o noso poder adivinativo se inspira na historia como mestra que case sempre da resultado.

Trump veu, como case sempre, a montar un número con moito ruído mediático, botarlle en cara de maneira moi groseira, por certo, aos aliados europeus que se están protexidos (¿?) é grazas ao amigo americano que para iso ten moitísimas armas, é o primeiro contribuínte da OTAN, e que grazas a súa fortaleza armamentística o inimigo ruso está controlado. Mesmo usou o termo subvención para lle botar en cara a Alemaña que o seu degrau de financiación da OTAN é cativo e logo, por riba, fai negocios gasísticos cos rusos. Isto todo parecía en serio (aparentemente non estaba alleado) non houbo rectificación e tiña pensado-disca- reproducir algo semellante na reunión formal da OTAN en Bruxelas o día 11 pasado. As declaracións con chularía, e típicas de vaqueiro de película difúndense antes que oralmente vía tuiter e conforman o novo modelo de comunicación urbi et orbe do xefe do que no seu día foi a cabeza do imperio occidental. Na reunión formal da OTAN si fixo a solicitude, sen éxito, de que os europeus aumentasen o gasto en armamento até o 4% do seu PIB, cifra hoxe imposíbel. Trump é consciente de que están empezando a cambiar as tornas dese poder único. Desaparecida a URSS e aparecida a China como a maior potencia en produción mundial, aínda que non política, o guión do rol dos USA no mundo, trata de recompoñer os elementos do que foron no pasado próximo as compoñentes da súa hexemonía. Os intentos-máis alá do patetismo escenificado do seu actual presidente- abranguen todos os campos posíbeis:  o armamentístico (OTAN), o político: novas alianzas, e no económico, guerra comercial con China, perdida antes de empezar. O abalado da hexemonía ianqui é xa unha evidencia. @mundiario

Comentarios