As armas son para vender

Armas. / listinusa.net
Armas. / listinusa.net

O Estado español é o 7º exportador  mundial de armas, é o certo tamén que Arabia Saudí é un dos maiores (primeiro/segundo) importadores mundiais de armas.

As armas –ao igual que todo o que se produce– son para vender. Neste sistema económico todo o que se produce ten como fin vital ir ao mercado: ser vendido e, ademais, con beneficio. Armas, tabaco, filmes pornográficos, servizos de prostitución, drogas, comida, bebidas, roupa, coches, vivendas, servizos médicos..., repetimos: todo o que se produce ten como destino ser vendido.

É por esta razón polo que ten pouco sentido, por non dicer nengún, que alguén en nome dunha xusta causa intente malograr a entrega comprometida polo goberno anterior de armas a un país de dubidoso talante democrático. Non ten sentido e sobre todo non ten algunha posibilidade de se converter nunha nova directriz de política económica.

O modelo produtivo da economía española actual ten entre outros produtos obxecto de exportacións os elementos vinculados á produción armamentística, á parte de armas propriamente ditas. Despois de descontar todas e cada unha das restricións autoimpostas pola sinatura de convenios internacionais, o certo é que o Estado español é o 7º exportador  mundial de armas, é o certo tamén que Arabia Saudí é un dos maiores (primeiro/segundo) importadores mundiais de armas.

Sucede –en economía capitalista– que, no momento en que se acada con éxito de mercado a extensión dunha determinada póla produtiva, a tendencia normal é aprofundar nesa rama, ampliala, competir, e seguir mellorando para lograr a permanencia no mercado. En produción de armas e de toda a industria vinculada, cumpre un papel fundamental a investigación, a innovación e o intercambio internacional de coñecemento aplicado á mellora nas técnicas –dito con toda a transparencia dunha pacifista– de matar mellor. Non se trata de ser exclusivos en deseño senón de estar ben integrados na corrente mundial de produción armamentística de última xeración.

Os proxectos, as innovacións, as patentes, pertencen ao mercado mundial no sentido de multinacionais, multiparticipadas e multifinanciadas : son o resultado palpábel dunha integración multinacional no escenario mundial. Esta característica non di nada do rol do Estado e, non obstante, é decisiva máis polo que intervén organizando que polos compromisos directos na venda. Se nos anos de democracia non se ten logrado -non queda patente que existise ese propósito- mudar o camiño dos fondos públicos directos destinados á produción e venda do subsector armamentístico, non vale de moito proclamar que non é ético vender armas a un Estado cuxo cariz democrático se poida cuestionar. Porque a cuestión ética a dilucidar é que son as armas e para que se utilizan.

As armas, case dá pudor dicelo, son para matar seres humanos e, canto mellores son, mellor matan, porque a perfeición do produto é logrado canto máis rápido e masivo for o resultado: destrución e morte son o destino do instrumento chamado arma. Unha vez que se producen, é preciso vendelas. Mesmo é desexábel vendelas e que se destinen ben lonxe. De non vendelas fóra, a alternativa é o consumo interior, e, como para gastar unha arma, hai que usala, visto así, é mellor o destino á exportación. @mundiario

Comentarios