Arraianos recrea a volta de Prisciliano a Compostela

Prisciliano en Santiago. / Mundiario
Prisciliano en Santiago. / Mundiario
A forza de Prisciliano reside na dimensión popular do seu discurso, que incorpora a natureza e os seus elementos, e non distingue entre xerarquías ao concederlle aos laicos postos activos na Igrexa.
Arraianos recrea a volta de Prisciliano a Compostela

Tiveron que pasar máis de dezaseis séculos para que acontecese, pero por fin sucedeu: Prisciliano regresaba a Compostela hai poucos días, chegando ata a mesma praza do Obradoiro, para reclamar o papel que legalmente lle corresponde na Historia de Galicia.

Interpretado polo ourensán Paco Boluda, fixo a súa aparición herética atravesando a cidade vella a bordo do vehículo oficial de Amigos de Prisciliano, que o recolleu na Selva Negra, o maior parque forestal da capital galega.

Coincidindo co décimo aniversario da fundación de Amigos de Prisciliano, hai varias semanas comezaba a rodaxe de O camiño de Prisciliano, documental inspirado na obra homónima de Ramón Chao publicada en 1999. O proxecto multimedia promovido por Arraianos Producións conta coa banda sonora de Manu Chao e coa participación do seu irmán Antoine, os xornalistas Ignacio Ramonet, Perfecto Conde Muruais e Moncho Paz, xunto ao teólogo Victorino Pérez Prieto.

Os múltiples escenarios discorren dende Tréveris a París e de Bourdeaux a Fisterra, pasando por Reigada e rematando en Compostela.

O regreso de Prisciliano a Santiago. / Mundiario
O regreso de Prisciliano a Santiago. / Mundiario

A temática está vencellada ao proceso vital do protagonista, xunto á necesidade de denuncia ou crítica social e sempre cun espírito de transformación. Prisciliano (340-385) foi o primeiro sentenciado a morte acusado de herexía e executado polo goberno secular en Tréveris, en nome da Igrexa católica.

Tras a súa desaparición xurdiu o priscilianismo, un movemento que dominou Galicia durante máis de douscentos anos.

A forza de Prisciliano reside na dimensión popular do seu discurso, que incorpora a natureza e os seus elementos, e non distingue entre xerarquías ao concederlle aos laicos postos activos na Igrexa. Outro importante aspecto desa dimensión é o arraigo que o seu pensamento adquiriu en círculos femininos; tanto, que no seu día foi acusado de licencioso. @mundiario

Comentarios