Buscar

O armador do Adviento I propón a corentena dos seus tripulantes fora do barco

Manter a eses homes no barco, semella non ser a mellor solución para combater o coronavirus.  A última palabra é a dos sanitarios e os seus responsables.
O armador do Adviento I propón a corentena dos seus tripulantes fora do barco
El barco Adviento I, amarrado en Burela. / M. Albo en El Progreso
El barco Adviento I, amarrado en Burela. / M. Albo en El Progreso

Antón Luaces

Periodista.

Dos 17 tripulantes do pesqueiro Adviento I, amarrado no porto lucense de Burela, só un foi trasladado a un centro hospitalario. Os outros 16 homes aínda se preguntan si un barco pesqueiro pode substituir con garantías a un hospital ou ó propio domicilio do enfermo ou traballador sobmetido a control médico porque un deles tiña síntomas de padecer ese mal que o mundo enteiro coñece actualmente pola Covid-19.

A totalidade da tripulación deu positivo nun control que pretendía determinar se estaban afectados polo coronavirus. Consecuencia de tal control, as autoridades sanitarias determinaron o confinamento dos 17 -un dos mariñeiros hospitalizado- no propio barco, algo que asumen á forza porque o propio, aseguran, é que se lles atenda como requiren as circunstancias. A casa armadora concorda con esa formulación dos tripulantes. Pero os responsables sanitarios da Xunta xogan ao despiste e din que os mariñeiros están a bordo porque así o determinou a empresa armadora.

É un barco de pesca un lugar idóneo para que os afectados por coronavirus pasen a corentena ou confinamento?. Algún tripulante asegura que a súa casa non reúne as condicións que lle depara o barco, pero é evidente que o falar non ten cancelas: un barco non é unha vivenda en terra ou unha habitación nun centro médico, por moito que se diga. Dende a falta de hixiene á carencia de medios de control da enfermidade a bordo, o barco -por moito que se lle queira- non dispón dos medios cos que conta un hospital ou mesmo unha casa normal na que sempre haberá alguén que bote unha man ao enfermo, malia non contar supostamente con coñecementos médicos. E no barco de pesca as circunstancias, amáis de cambiantes, son de máis dependencias do exterior. Limpeza, coidados sanitarios, acceso de especialistas médicos, disponibilidade de servizos hixiénicos axeitados, etc., son demandas cotiáns duns tripulantes que abondo teñen con pasar case que todo o ano a bordo para que agora, en plena pandemia, teñan que adivinar que é o que acontece en Burela para atopar unha explicación ao que están a facer con eles.

Non son mariñeiros apestados para que os manteñan illados na zona de habilitación dun barco,. Podía ser pior, sí, de ser o Adviento I un barco vello e pouco coidado, un de aqueles vellos candrais nos que atopaban acubillo unha vintena de mariñeiros que realizaban mareas de case que un mes en augas do Gran Sol; pero o Adviento I é un barco máis ou menos aceptable no que 17 -16- homes han desenvolver toda a súa actividade por moi reducida que esta sexa por culpa da pandemia. 

Ambulancias para o seu traslado, debe habelas. E camas nas que se deitar á espera da melloría necesaria en cuartos de calquera andar do edificio hospitalario é seguro que non faltan. Manter a eses homes no barco, semella non ser a mellor solución para combater o coronavirus.  A última palabra é a dos sanitarios e os seus responsables. @mundiario

A tripulación e o armador do Adviento I piden unha cuarentena fora do barco