Buscar

Apontamentos para lograr a chamada conciliación (e III)

O dereito á conciliación é de todos os traballadores. Dereito a conciliar a vida laboral coa vida propria, privada, fóra do ámbito laboral e manifestada en todos os actos de natureza cultural, deportiva, de ocio ou de contemplación que cada quen teña a ben escoller.

Apontamentos para lograr a chamada conciliación (e III)
Unha parella. / PIxabay
Unha parella. / PIxabay

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

La autora, MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO, es columnista de MUNDIARIO. Es doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera. @mundiario

A conciliación, tal e como se define habitualmente, ten en conta a posibilidade de compatibilizar fundamentalmente a vida laboral coa familiar, definida esta polas necesidades de coidado e, por tanto, de tempo dedicado tanto á crianza de meniños como á atención de maiores e dependentes. Mais é probábel que se se usar unha outra definición de conciliación, o problema é observábel desde outra perspectiva e require outros plantexamentos. Así, por exemplo, a moi dubidosa compatibilidade da vida de traballo con vida de lecer ou do uso do tempo en actividades de formación é o habitual nos casos de traballadores novos. O  emprego legal de media xornada cun horario discontinuo, en alternancia diaria e combinado con quendas, fai imposíbel por definición ter vida propria, de conciliala con algunha outra actividade non é nen pensábel, xa que por definición non se dispón dunha pauta horaria igual cada semana. Agás contemplar os espectáculos de deportes masivos, retransmitidos polos medios de comunicación de masas, non hai posibilidade algunha de pertencer a algunha asociación cidadá que teña actividades a horario diúrno habitual. Poderá esa traballadora ir a clase para obter un título superior ao posuído? Poderá pertencer a unha asociación cultural para fomento das actividades de vida ao ar libre? Poderá ir ao cinema algún día? Será quen de acudir á consulta sindical para coñecer a correspondencia entre horas e salarios? Acaso terá tempo para visitar os seus pais xa que non dispón dos domingos?

É bastante evidente que se a maior parte das mulleres que teñen responsabilidades directas vinculadas ao coidado e mais á crianza non dispoñen dun horario e un contrato de traballo estábeis, coa consideración que todos os traballadores deberíamos ter de seres humanos con traballo, e non traballadores intercambiábeis (mercadorías) nun mercado laboral, o miolo non está na conciliación, senón nas condicións laborais que legalmente existen e na adecuación dos horarios -comezando polos da propia administración pública- á vida laboral plena. 

O dereito á conciliación é de todos os traballadores. Dereito a conciliar a vida laboral coa vida propria, privada, fóra do ámbito laboral e manifestada en todos os actos de natureza cultural, deportiva, de ocio ou de contemplación que cada quen teña a ben escoller. O feito de non ter obrigas familiares de coidado non pode converter en escravos de horarios impresentábeis aos traballadores, e, pola contra, a responsabilidade dos coidados e da crianza ha ser entendida como un investimento que a sociedade fai con vistas ao futuro ou como reparación do pasado. O conxunto da sociedade é tan interesada en criar futuros cidadáns sans e de vontade ben firme como interese se lles atribúe aos pais. É un ben nun país contar con cidadáns ben criados e non derramados, enfermos, delicados, abandonados ou excesivamente mimados. Se nun momento histórico determinado se considerou que a sanidade debería cobrir universalmente toda a poboación dun país, hoxe estamos no tempo de considerar un novo reparto da carga de traballo compatíbel cos dereitos da persoa, externos á entrega de traballo. @mundiario