Apontamentos para lograr a chamada conciliación (II)

Una protesta de mujeres en el 8-M, en Madrid. / #Huelga8Marzo
Protesta de mulleres no 8-M. / #Huelga8Marzo

Hai na Galiza actual, segundo os últimos dados, 520.100 mulleres ocupadas. En porcentaxe de participación feminina, situámonos entre os máis elevados de Europa.

Apontamentos para lograr a chamada conciliación (II)

Dicíamos na primeira entrega desta serie de tres artigos –esta é a segunda– que a posibilidade de conciliar a vida laboral e a familiar depende non só da cantidade de servizos sociais existentes –para cobrir as necesidades de coidado– senón tamén das condicións de exercicio do traballo, da definición social de coidados, dos horarios estabelecidos, da estrutura da poboación por idades, da forma da familia (non existe “a familia”, de feito as monoparentais son máis do 25%) e, por suposto, do tipo de contrato laboral.

Hai na Galiza actual, segundo os últimos dados, 520.100 mulleres ocupadas. En porcentaxe de participación feminina, situámonos entre os máis elevados de Europa.

Por sectores de actividade repartímonos tamén de forma igualitaria á media estatal e europea: en agricultura ocupa a 24.500 mulleres; en construción, 3.700; en industria, 48.200 e no sector servizos, 443.700.

Tamén sabemos que no sector público hai en Galiza 110.000 mulleres empregadas, polo que aínda supoñendo que todos e cada un dos servizos públicos existentes tomasen medidas acaídas ás necesidades da conciliación (crianza, coidados…), estaríamos falando dunha cobertura inferior ao 22% do necesario. E, por riba, sabemos que non se toman.

Sabemos que na sanidade non hai persoal suficiente para cobrir baixas por enfermidade, vacacións, desprazamentos… O habitual é repartir o traballo entre os componentes do servizo; deste modo cada baixa supón un castigo para o centro, servizo ou departamento atinxido. Este non é precisamente un modelo de colaboración.

Sabemos que no ensino, mesmo na Universidade, séguese  un método perverso/disuasorio: non se convoca a substitución até o momento do parto –chamado continxencia, supomos que a modo de alcume–; desta maneira, e cos prazos legais existentes, é imposíbel cobrir a baixa por maternidade. Xa non falemos de embarazos de risco.  Se no sector público non hai orzamento suficiente, nen moito menos vontade política, que poderemos dicer do sector privado, nalgúns casos cunha reducidísima marxe de rendibilidade e manobra, cando non baseada nunha man de obra dócil, maleábel e barata (definición no mercado do traballo feminino). Hai aínda un aspecto desta cuestión moi pouco tratado, e que deberá ser unha parte da solución, a medio prazo.

Os horarios dos servizos de ensino, de sanidade, comerciais, xudiciais, da administración pública, non son compatíbeis cos horarios de traballadores nos mesmos servizos ou na industria e a agricultura. Non se entende, é absolutamente irracional, que se manteña un horario de atención ao público herdado dos tempos en que rexía un horario de luz natural, en que a comida principal era a do meiodía –en familia– e os trámites administrativos eran á forza presenciais. Os tempos van camiñando cara a outros hábitos de distribución horaria completamente distintos.

Se mulleres e homes traballan principalmente en horario continuo, parece lóxico que os servizos de ensino os de coidado cubran ese mesmo horario, sen que signifique unha excepción. Se teñen desaparecido na vida laboral ordinaria as tres/dúas horas de descanso ao meiodía porque nas grandes cidades, nen cos horarios dominantes, ninguén pode comer na casa, en familia, e logo continuar a xornada, fágase uso racional da distribución horaria laboral para facilitar a vida tanto laboral como urbana, e non complicala. @mundiario

Comentarios