Buscar

Apontamentos para lograr a chamada conciliación (I)

As cifras teñen un significado que vai moito máis alá da cómoda consigna de máis gardarías e mellores horarios, xa que a estrutura do mercado laboral non permite amaños cosméticos para un problema de fondo.

Apontamentos para lograr a chamada conciliación (I)
Logo da Galiña azul, a rede das escolas infantís de Galicia. / Mundiario
Logo da Galiña azul, a rede das escolas infantís de Galicia. / Mundiario

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

La autora, MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO, es columnista de MUNDIARIO. Es doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera. @mundiario

Os usos do tempo son moi diferentes dunhas sociedades a outras. Mesmo nunha sociedade en distintas épocas da súa historia. A distribución dos usos e costumes horarios non é igual na Europa do Norte que no Mediterráneo, e nen sequer é igual en Portugal que no Estado español. Mesmo neste último non ten nada a ver o uso do tempo en Andalucía rural que nas grandes cidades. Do uso do tempo tratan case todas as reivindicacións das mulleres que se guían da axenda política marcada pola moda, ou pola conversión en consigna dunhas análises a forza moito máis complexas que as formuladas sobre o lema da conciliación .

Denomínase conciliación ao conxunto de facilidades proporcionadas pola sociedade aos pais novos para se poderen desenvolver no traballo e na crianza dos fillos.

A primeira observación é que no lema político así explicitado se incorpora tacitamente a referencia a traballadoras/es profisionais con posibilidades de se promocionaren laboralmente ao longo da súa vida activa. Esa necesidade aparecería nidia nos anos mozos de exercicio profisional, sobreentendendo que son precisamente eses anos os de maior requirimento en dedicación. Pero, se os horizontes de promoción profisional son inexistentes, é pura ilusión compatibilizar a vida de traballo coa crianza dos fillos pola vía da conciliación. Terán que se buscar outras solucións, ou presentar o problema doutra maneira.

As mulleres que participan no mercado laboral son só, nunha pequena parte, profisionais que ocupan postos de traballo en consoancia coa súa cualificación acreditada. Para nos entender, hai na Galiza unha poboación activa total de 1.234.200 persoas das que 1.080.200 están ocupadas, sendo polo tanto o número de parados de 154.000  (non contamos os emigrados).

Hai na Galiza 383.431 titulados superiores, só uns poucos máis que os sen estudos de ningún tipo (313.809) e, por suposto, unha pequena parte do total dos que teñen estudos primarios e secundarios, un 22%. Se ademais sabemos que hai 104.425 ocupados que declaran  traballar nun posto por baixo da súa cualificación profesional, sendo esta superior, o plan conciliatorio da propaganda oficial non é máis que unha ‘tirita’ ou unha pulseira magnética nunha columna vertebral mal formada.

Os dados disponíbeis grazas á Enquisa estrutural dos fogares permítenos saber que hai 169.319 asalariados do sector privado que traballan sempre ou case sempre os sábados; 62.307, os domingos; e máis de nove horas diarias, 41.769.

Certamente as cifras do sector público non son comparábeis: non chegan en ningún caso a 9.000 (e debemos ter en conta que falamos dos servizos sanitarios, salvamento, contraincendios, policía…).

Sabemos pola mesma enquisa que hai 6.173  mulleres traballadoras que teñen horario só nocturno; e, por quendas, de mañá, tarde e noite, 30.708. Mesmo no caso de xornada partida, mañá e tarde, son 176.656 mulleres que contan cunha hora para comer.

Estas cifras teñen un significado que vai moito máis alá da cómoda consigna de máis gardarías e mellores horarios, xa que a estrutura do mercado laboral non permite amaños cosméticos para un problema de fondo. @mundiario