DE BOLINA

Aparte de introducir palabras novas, haberá que expurgar algunhas dos dicionarios

Google maps.
Google Maps.
Como as línguas están vivas, as academias de cando en vez introducen palabras novas –ás veces sorprendentes–; pero tamén hai moitas que van adquirindo significados ou novos ou que non se corresponden coa definición que figura nos dicionarios.
Aparte de introducir palabras novas, haberá que expurgar algunhas dos dicionarios

Pois si: finou a liberdade, estamos definitivamente escravizados. O teléfono móbil foi o principio deste armagedón; un aparello perverso, enganoso, falso, traidor, que só outorga vantaxes ás improdutivas operadoras de telefonía porque antes de el existir había perfecta comunicación, chegábase puntual ás citas, o mundo funcionaba adecuadamente e non existía o sentimento de que a un lle falta algo se se esquece tal aparato diabólico, nin de que un é un ninguén se non ten un Iphone.

Agora que se lle segue a ir a pinza á RAE -vaia babecada di cos topónimos galegos- introducindo no español palabras como machirulo, big data, cookie, chundachunda, VAR ou perreo, -que nivel- a ver se se pon a suprimir algunhas xa innecesarias como intimidade ou liberdade e todos os seus sinónimos porque nunca estivemos tan vixiados

En tempos dicíase que ata as silveiras tiñan ollos ou que Deus estaba en todas partes, pero agora inzáronnos de deidades informáticas que conforman un novo Panteón controlándonos completamente e sen escapatoria. E coa famosa Intelixencia Artificial deron un paso máis, de xeito que ata se fan mellores artigos que este a través dalgunhas aplicacións; así que non se fíen da orixinalidade destes De Bolina porque, se cadra, acudo á IA para escribir as digresións que aquí van aparecendo.

As apps son agora os ollos que todo o ven
As apps son agora os ollos que todo o ven

Na miña infancia e mocidade ferramentas eran un pico, un legón, unha garlopa, un berbequí, unha gubia, un parafuso ou, se me apuran, un bolígrafo ou unha Olivetti; todas son antigallas para expor nun museo antropolóxico porque hoxe en día as ferramentas son dixitais, utensilios intanxibles, invisibles, deusiños que se están a volver contra o ser humano para domealo. Orwell, Orwell.

Voulle contar un caso para que ande con ollo e se sinta máis asexado do que xa está. Como vostede sabe os empregados por conta allea dispoñen de horas para acudiren ao médico, tanto para si como por acompañaren parentes necesitados. O mecanismo deste dereito era, digo era, o de xustificar a visita e, unha vez feita, acreditala na empresa. De aquí en diante xa non vai ser así porque o patrón ordenará a outro avezado traballador que introduza no Google Maps a súa ruta para acudir ao médico, ida e volta e no seu caso para deixar ao familiar impedido no domicilio de seu; será ese enxeño o que indique por onde vai o camiño máis rápido e canto se tarda. A cuestión é que se o empregado enfermo se atrasase máis do que diga Google Maps -un dos membros do novo Panteón- poderá ser sancionado. Así o acaba de sentenciar o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, dándolle a razón a unha multinacional que implantou ese sistema de control no tocante ao uso de licencias e permisos para recibir asistencia sanitaria. Neste caso o traballador antes presentaba o comprobante da cita médica, pero agora terá que entregalo dentro duns tempos máximos de ida e volta segundo calcule Google Maps, máis vinte minutos para aparcar. A sentencia, -seguro que foi feita pola IA-, envernízase con que se establece así para beneficio do traballador porque lle dá seguridade xurídica ao non depender da valoración do empregador no cálculo do tempo de desprazamento e os compañeiros non traballarán de máis por culpa del. Hai que oír e calar. Conforme ao Estatuto dos Traballadores as relacións laborais rexíanse nestes casos pola boa fe. De aquí en diante o deus Google Maps definirá a boa fe neste eido. Controlar o tempo dunha visita médica a través de Google Maps -canto preverá para a espera e a duración da consulta?- é humillante, abafante por moito que o valide a cega Xustiza.

Quen matinase esta medida de control é un bichicoma, -igual foi cousa da IA- que ben puido propoñer que se nos implantase na caluga un chip con GPS. Dáme a risa cando escoito dicir que somos libres! @mundiario

 

Comentarios