DE BOLINA

Aparecerá unha boa oportunidade, ao remate da pandemia, para volver ás relacións persoais

Teclado de un ordenador. / Archivo
Teclado dun ordenador. / Mundiario
Existe unha tendencia a asimilar as relacións persoais, a vida mesma. ao que se ve nas redes sociais. A distorsión, o alonxamento da realidade, que eso provoca ten que resultar pernicioso e patolóxico.
Aparecerá unha boa oportunidade, ao remate da pandemia, para volver ás relacións persoais

O pasado 12 de marzo a world wide web cumpriu trinta e dous anos. No 1989 Sir Tim Berners-Lee, daquela investigador no CERN, propuxo un sistema de xestión da información que dou lugar á comunicación informática cliente-servidor. Fai pouco ese pioneiro enviou un comunicado falando do moito que aínda queda por facer por Internet, que, como di el, é “unha praza pública, unha biblioteca, un consultorio médico, unha tenda, unha escola, un estudio de deseño, unha oficina, un cine, un banco e moito mais”, pero tamén advirte que “con cada nova función, cada novo sitio web, aumenta a brecha entre aqueles que están conectados e aqueles que non o están”. Pide que a web chegue a todos e que se considere o acceso a ela un dereito humano. Advirte que hai que evitar as moitas ameazas: serve para propagar odio e cometer delitos, distribuír información falsa ou promover negocios só baseados na publicidade. Remata indicando que “a web é para todos e colectivamente temos o poder para cambiala. Non será doado. Pero se soñamos un pouco e traballamos moito, podemos obter a web que desexamos”.

Dereito universal de acceso á web

O seu discurso nada ten que ver coas artimañas comerciais das redes sociais que pululan na internet e crean millonarios sorprendentes. Efectivamente, hai que crear o dereito universal a acceder á web, pero tamén redefinir as chamadas redes sociais de uso masivo, que, ben usadas, puideran ser útiles pero están a provocar efectos perniciosos. Odio, seguramente sexa unha patoloxía persoal, as redes sociais. Por detestar, ata abomino o móbil e á súa cultureta de non entender nada que non sea inmediatez. Si, desprezo o Facebook, o Twitter, o Whatsapp, ou o Instagram porque destrúen o xeito humano de relacionarse só por gañaren cartos e sen dicir que eso é o que se está a facer; e, ademais, instauraren a cultura do simple e do inmediato, que é un xeito de matar o raciocinio humano. Na publicación médica Adicciones, 2017, vol. 29, 4, un equipo encabezado por Isabel Polo constata que estes xeitos de comunicación, creo que non deberían chamarlle comunicación, “desprazaron os espazos de socialización tradicionais por espazos virtuais”. Ou sexa, crearon lugares de relación entre as persoas artificiosos, falsos. Como diría o famoso Mosso de Esquadra: “Os amigos no ciberespacio non existen, idiota”. Eu téñolle manía insalvable, patolóxica, a todas elas.

Espazos de artificiosidade

Con dar de alta unha conta no Facebook disque xurdirán centos de amigos, só cun click. Que doado!. E logo, digo eu, que significará amigo aí, porque na vida real sonche contados, ben poucos. Pero é que, fixándose nese sitio, todos son guapísimos, listísimos, xeniais. Cadaquén edita a súa particular revista do corazón e exhibe unha vida marabillosa, sen rubor ningún i expondo sentimentos persoais que deberían quedar na intimidade, como na peste dos realities. Tódolos indocumentados, en canto máis temerarios mellor, ofrecen solucións para os problemas mundiais; iso si, expostas cunhas faltas de ortografía aterradoras; e tantas veces con críticas feroces, bestiais, acerbas. Imperan a artificialidade, o engano, a fachenda, a simpleza. Sería bo darlle unha volta a todo isto, volver ás bibliotecas; falar en persoa cos matices da comunicación directa; dar a man, sentir o tacto, percibir os xestos faciais, a calor, os olores e citarse nas prazas, nas rúas ou nunha cafetería, cara a cara en canto  a Covid 19 o permita. E. mentres tanto, sospeitar das simplezas que se expoñen en cento cincuenta caracteres. @mundiario

Comentarios