O Anuario de Estudos Marítimos sitúa a UDC como referente na investigación marítima en España

Álvaro Rodríguez Dapena, presidente de Puertos del Estado; Julio Abalde, reitor, e Fernando González Laxe, codirector do Anuario de Estudos Marítimos. / Mundiario
Álvaro Rodríguez Dapena, presidente de Puertos del Estado; Julio Abalde, reitor, e Fernando González Laxe, codirector do Anuario de Estudos Marítimos. / Mundiario
O Anuario de Estudos Marítimos, editado polo Instituto de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña, recolle artigos dos mellores expertos nas áreas de Dereito, a Mariña Civil e a Socio-Economía relativa ás cuestións marítimas.
O Anuario de Estudos Marítimos sitúa a UDC como referente na investigación marítima en España

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o director do Instituto de Estudos Marítimos da UDC, Fernando González Laxe, e o presidente de Puertos del Estado, Álvaro Rodríguez Dapena, presentaron esta mañá na Reitoría o Anuario de Estudos Marítimos.

O Anuario de Estudos Marítimos, editado polo Instituto de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña, recolle artigos dos mellores expertos nas áreas de Dereito, a Mariña Civil e a Socio-Economía relativa ás cuestións marítimas.

Segundo explicou o profesor González Laxe, “todos os países do mundo están debatendo agora como serán os océanos do futuro”. Os océanos son para Laxe a plataforma de futuro xa que concentran alimentos, enerxía, minerais e habitantes, e lamentou que España aínda non apostase pola “maritimización”.

O codirector do volume, xunto coa profesora María José Rodríguez Docampo, sinalou que a guerra de Ucraína veu poñer de manifesto un grave problema en todo o mundo ao cortarse as cadeas de subministracións que se realizan a través do mar, pois preto do 85% das transaccións mundiais son por vía marítima.

O presidente de Puertos del Estado cualificou o Anuario de “innovador porque integra distintas perspectivas que tratan o estudo da mar”. Coincidiu co valor que o profesor Laxe lle deu ao mar asegurando que “é o futuro da humanidade” polo que “temos que envorcarnos con obxectivos de desenvolvemento sustentable”. Rodríguez Dapena lembrou que España é, con 8.800 km., o primeiro país de Europa en lonxitude de costa. Finalmente, destacou que o Anuario recolle xeración de coñecemento “moi útil para o alumnado pero tamén para os axentes que teñen que tomar decisións”.

Enlazado con isto, o reitor destacou que con esta publicación “cómprese un dos obxectivos da universidade que é xerar coñecemento para que os que teñan que tomar decisións teñan información cualificada”.

A UDC ten un papel de liderado nas tres áreas que trata o Anuario de Estudos Marítimos, o Dereito, a Economía e Socioloxía e a Náutica, segundo puxo en valor o reitor ademais de mencionar o traballo que se realiza desde Enxeñaría Naval e Oceánica e doutras áreas como desde a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC).

O Anuario está publicado pola editorial Aranzadi Thompson-Reuters e conta cun comité de redacción, asesor e de arbitraxe moi amplo e representativo cos mellores expertos da materia en España.

Despois dunha ampla colección de Estudos Marítimos, coa edición de preto de trinta libros e máis de vinte documentos de traballo, o Instituto de Estudos Marítimos amplía co Anuario o enfoque transdisciplinar das análises. Con esta publicación, o Instituto de Estudos Marítimos consolídase como referente no campo da investigación marítima a nivel nacional e internacional. @mundiario

O Anuario de Estudos Marítimos sitúa a UDC como referente na investigación marítima en España
Comentarios