O Anuario do Foro Económico de Galicia postula a transformación económica do país

Anuario 2018 do Foro Económico de Galicia. / Mundiario
Anuario 2018 do Foro Económico de Galicia. / Mundiario

Na presentación do Anuario 2018, puxéronse sobre a mesa unha serie de liñas estratéxicas que deberían ser desenvolvidas sen máis dilación.

O Anuario do Foro Económico de Galicia postula a transformación económica do país

A presentación do Anuario 2018 do Foro Económico de Galicia o pasado xoves, no Club Financeiro da Coruña, serviu como lugar de debate sobre a situación da economía galega e, especialmente, sobre o devalo continuado e mesmo acelerado no que parece instalada ante a falta de estímulos que propicien o cambio de tendencia.

Por unha banda, subliñáronse o conxunto de factores xerais que implican unha presión sobre a competitividade de empresas e territorios. E por outra banda, constatouse a alarmante dinámica interior da economía galega que semella condenada á permanente perda de peso específico no conxunto español e europeo.

Cara á miniaturización económica

O Anuario recolle un dato que provoca calafrío: a poboación activa de Galicia entre 25 e 34 anos pasou de 272,5 mil traballadores en 2015 a 236,5 mil en 2017, una redución do 13% en dous anos que se revela simplemente insostible. Dubidamos que algunha outra economía do planeta –fóra das zonas en conflito– presente unas cifras tan desastrosas e que evidencian a falta de pulo de Galicia para proveer de traballo aos cidadáns novos.

A poboación activa é a variable máis representativa do dinamismo dunha economía. Son os habitantes dun territorio en disposición de traballar. A evolución da poboación activa de Galicia no que levamos de século é a seguinte: no primeiro trimestre de 2000, había 1.175 mil traballadores activos, os cales supuñan o 6,6% no total español; no cuarto trimestre de 2017, eran 1.238 mil, apenas un 5,4% da poboación activa española. Así pois, en 17 anos, Galicia perdeu 1,2 puntos de peso específico en España. Ou isto cambia bruscamente, ou en 2050 non seremos nin o 4%.

Por un novo modelo

Os datos anteriores deberían provocar un gran pacto entre as forzas políticas galegas, tal como apuntou na presentación do Anuario Santiago Lago, director do Foro. Estou completamente de acordo. Un gran pacto que abeirase as cuestións partidistas e fixara os eixos dunha nova política económica dirixida ao relanzamento da actividade. Empezando polo sector primario –agro, gando e forestal– que presenta un estancamento inadmisible tendo en conta o crecemento continuado na demanda do produto primario no mundo e o factor multiplicador sobre unha industria agroalimentaria que se tornou un dos principais motores de desenvolvemento. Hai comparacións odiosas: en Galicia vemos o campo colonizado por especies arbóreas exóticas de ruinosos efectos –o eucalipto– mentres que países de similar dimensión como pode ser Holanda, amosan un crecemento espectacular baseado en avanzadas estratexias de I+D+i aplicadas á economía rural.  

Moitos outros eixos deberían compoñer ese novo modelo transformador. Na repetida presentación do Foro, citamos por exemplo a necesidade dunha estratexia transversal de colaboración que matice os problemas derivados da falta de dimensión das empresas galegas. Fernando González Laxe sinalou acertadamente o contrasentido de dispoñer dunhas infraestruturas portuarias de primeiro nivel cando a empresa galega apenas recorre ao transporte marítimo. Citáronse outras liñas de atención prioritaria como a potenciación das capacidades comercializadoras da empresa galega, a presenza nos sectores destinados a liderar a actividade económica mundial nas vindeiras décadas ou unha estratexia eficaz para a captación de proxectos de investimento.

As sociedades desenvolvidas requiren o traballo de organizacións que, coma o Foro Económico de Galicia, reflexionen sobre os problemas dun país e propoñan liñas de transformación. As sociedades máis desenvolvidas son aquelas que toman proveito deses estudos de clara orientación estratéxica. @mundiario

Comentarios