Anova: "O sistema xudicial está politizado e serve os intereses da banca"

Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova. / CRTVG
Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova. / CRTVG

Antón Sánchez referiuse á resolución do Tribunal Supremo con respecto aos impostos das hipotecas.

Anova: "O sistema xudicial está politizado e serve os intereses da banca"

Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova e deputado de En Marea, estivo no Bos Días da Televisión de Galicia, onde falou da actualidade política galega e estatal.

Antón Sánchez referiuse, en primeiro lugar, á resolución do Tribunal Supremo con respecto aos impostos das hipotecas, que decidiu tras votación que terán que pagar os clientes. Segundo Sánchez, “demostra que temos un sistema xudicial politizado, que se deixa influenciar polos intereses de banca”. "É perigoso para a democracia". Ademais, o voceiro de Anova non apoiou o decreto lei proposto polo Goberno socialista e dixo que “é urxente unha reforma da lei hipotecaria, a solución pasa porque os bancos asuman este custe e logo facer unha reflexión máis profunda”.

O voceiro de Anova tamén falou de Alcoa, da que dixo que “non pode ser que unha empresa subvencionada polo Estado con máis de 1000 millóns de euros non investise nada en mellorar as súas instalacións ou facerse competentes”. Arredor da transferencia da AP-9 comentou que agora chegará o momento, xa que “nos últimos anos foi bloqueada no Congreso con vetos antidemocráticos e mentireiros”. Así mesmo, asegurou que “a subida de prezo é unha barbaridade e unha estafa.”

Para rematar, Antón Sánchez fixo un percorrido pola situación da súa formación política. Con respecto das declaracións do voceiro de En Marea, Luís Villares, quen dixo que “o plenario foi un golpe de Estado”, contestou que “houbo unha votación democrática que todos debemos respectar”. Arredor disto tamén sinalou que “o debate de nomes non é importante, é necesario un debate sosegado, sen botarlle gasolina”. Sánchez manifestou que “moitos poderían estar máis cómodos nun espazo político máis homoxéneo, pero non seríamos tan útiles para a sociedade”. Asegurou que se son segunda forza no país é porque a xente recoñece que poden entenderse entre diferentes. @GaliciaMundiari

Anova: "O sistema xudicial está politizado e serve os intereses da banca"
Comentarios