Anos e anos de retrasos e deficiente xestión das augas e das rías en Galicia

Vistas de A Coruña. / Xurxo Lobato
Vistas de A Coruña. / Xurxo Lobato

Europa esixía o saneamento das rías de Galicia entre os anos 2000 e 2005. Nin o Estado español nin a Xunta amosaron moito interese. ¿Terán os gobernantes outros intereses? ¿De que serve que a Xunta elabore plans que logo non se cumpren?

Anos e anos de retrasos e deficiente xestión das augas e das rías en Galicia

En maio do ano 1991 o Consello das Comunidades Europeas aproba a Directiva 91/271/CEE  sobre o  Tratamento das augas residuais urbáns, que ten por obxecto protexer o medio ambiente na Unión Europea e establecer normas de recollida, tratamento e vertido de augas residuais. Na Directiva  establecese que a finais do ano 2000  deben ter colectores e depuración as aglomeracións urbáns que superen 15.000 habitantes (habitantes-equivalentes), e, a máis tardar a fins do 2005 deben ter colectores e depuración secundaria ou similar as aglomeracións que teñan entre 2.000 e 15.000 habitantes.

A Directiva europea no artigo 17 establecía que os  Estados membros elaborarían como moi tarde o 31 de decembro de 1993, un programa para a sua aplicación. Galicia, con competencia exclusiva  para ordenación do territorio e do litoral e para a promulgación de normas adicionais sobre protección do medio ambiente,  demora oito anos, ate o ano 2001, a aprobación dunha Lei (Lei 8/2001 de 2 de agosto) de “Protección da Calidade das Auga das Rías e da Ordenación do Servizo Público de Depuración de Augas residuais Urbanas “ e  presenta un “ Plan de Saneamento de Galicia  2000-2015” co obxectivo de  cumprir a Directiva  dentro do territorio galego, Plan que propuña rematar o saneamento e depuración no 2015, é dicir dez ou quince anos despois do establecido no Consello das Comunidades  Europeas.

Vigo, Ribeira, Santiago...

No ano 2011 a Comisión Europea leva a España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea  por incumprir a Directiva de tratamento de auga e diu un novo prazo de cumprimento que remataba no 2013. Como seguían sen cumprirse as normas en materia de recollida e tratamento de augas  residuais  no 2016  ameazan de novo. En dezasete puntos de distintas comunidades autónomas se estaba incumprindo totalmente a Directiva, entre eles citaban tres da galega: Vigo, Ribeira e Santiago de Compostela.

Dous anos despois, no 2018 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea condena a España a abonar unha multa de 12 millos de euros mais  11 millóns por cada  semestre  de atraso da aplicación da Directiva europea sobre tratamento de augas residuais. Galicia “resolveu” dous dos puntos problemáticos Ribeira e Vigo, o primeiro cunha inversión na primeira fase de 21,6 millóns de euros e con servizo para 32.000 habitantes, Vigo cunha depuradora  para 800.000 persoas con emisario submarino de 3.016 m e unha inversión de 210 millóns, pero en Santiago tan so se “parcheou a situación” é converteuse nunha cidade pioneira en Europa no tratamento dos excedentes de auga residual mentres sigue a espera dunha  nova depuradora.

Depuración

Pero xustificado o tema ante a Unión Europea  ¿está realmente resolto o problema da depuración para os núcleos que superen os 2.000 habitantes?.  Recentemente anunciáronse dúas importantes obras de depuración que tardarán algún ano en se construír, unha en Rianxo e outra en Pontevedra, e seguen a espera sen data a  construción da depuradora Santiago de Compostela e a de Poio cando no Plan de Saneamento esta última tiña data de finalización, 2013.    Depuradoras tan importantes como as das cidades de Ferrol, Ourense, Vigo... entran en funcionamento recentemente, con data posterior a de finalización do Plan. Temos que asegurar que hoxe o Plan de Saneamento aínda non se cumpriu totalmente.

Sen entrar en moito detalle poñerei so algúns exemplos de obras correspondentes ao ano pasado, 2018, para que o lector xulgue por se mesmo.

a) O Diario Oficial de Galicia publicaba en marzo a licitación do proxecto e da obra de ampliación  da EDAR de Rianxo que debe dar servizo a 23.163 habitantes equivalentes. Desta forma pretende solucionar  o excesivo volume de auga residual que ten a actual depuradora e a carga contaminante.  Rianxo conta cunha depuradora para 9.000 habitantes  que é insuficiente.

En marzo do 2018 tamén saen a concurso  Obras de mellora do saneamento de Teis concello Vigo e saneamento de Cabanas e Pontedeume asi como a redacción do proxecto  de obras de mellora na depuradora de augas residuais de Vilagarcía de Arousa ...

b) Augas de Galicia en maio  nun Informe remitido ao Concello de Lugo cualificaba a depuración de Lugo como “ moi deficiente” cando valoraba o funcionamento da Edar (Estación depuradora de augas residuais), instalación moderna inaugurada fai so oito anos. O mesmo organismo recomenda  encarecidamente ao Concello de Verín unha urxente actuación na estación depuradora de aguas residuais da vila para mellorar a conservación  e mantemento dos equipos e da instalación. Dende Portugal existen numerosas protestas publicas por vertidos contaminantes que apuntan a Verín.

c) En novembro  o Diario Oficial da Unión Europea  anunciaba  próximas licitacións para a EDAR de Praceres en Pontevedra e  a construción dun novo emisario submarino de 3.614 m na ría de Pontevedra, obras que supoñen case 27 millóns de euros, cofinanciados como a maioría das obras polo Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento) nun 80%. Convén lembrar que a Ría de Pontevedra foi no ano 1993 declarada como única zona sensible con medidas “teoricamente” mais esixentes  para cumprir a Directiva europea. Nin que dicir ten que tal declaración parece que serviu de pouco.

No mesmo mes a  Xunta  de Galicia anunciaba que  viña de rematar  o saneamento da ría do Burgo na Coruña  e que quedaba pendente o dragado da ría que era competencia do Goberno central, grazas a esta obra  a auga da ría clasificadas como zona C , mellora e pasa  a clasificarse como de zona B para o marisqueo.

d) En decembro a  Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia ven de adxudicar as obras de  de saneamento da enseada da Malata, en Ferrol, por importe de 5,4 millóns de euros. Obras que pretenden a recuperación das zonas degradadas coa construción de tanques de tormenta, rede de colectores, remodelación do bombeo... 

Non é a única obra de finais de ano 2018 xa que  tamén  tramitan o expediente de contratación para un colector interceptor e tanque de tormentas en Rianxo por valor de 6,5 millóns.

e) Aparte das obras citadas na paxina web de Augas de Galicia figuran na actualidade 35 obras en execución correspondentes a saneamento e depuración que abarca a  colectores, conexións, reparación de emisarios, estacións depuradoras, bombeos... por valor de 50 millóns de euros. Obras  a maioría de mantemento, porque ademais de poñer colectores e depuradoras obrigados pola Directiva debe realizarse o mantemento necesario destas infraestruturas.

O Plan Hidrolóxico

A todo isto debemos engadir que o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa  pretendía bo estado das masas de auga para o ano 2015, pero a Axencia Europea de Medio Ambiente considera que a cuarta parte das augas galegas presentan déficits ( 23% dos corpos de auga  de Galicia- Costa e  24% da demarcación Miño-Sil).

Os medios de comunicación fixéronse eco estes días dos Presupostos Xerais do Estado 2019, pendentes de aprobación, estes contemplan para saneamento e depuración en Galicia tres obras: 1. Iniciar a rexeneración da ría do Burgo  e para o cal consigna 8 millóns de euros para o 2019  - necesitará outros 15 millóns para o 2020-. 2. Destinar 65.000 euros para a nova depuradora de Santiago - que so son para pagar o proxecto previo xa que a construción chegará os sesenta millóns de euros que se supón serán para os próximos anos-. 3. Os Presupostos destinan 718.000 euros para  finalizar a depuradora de Ribeira .

Ante esta situación podemos preguntarnos ¿Existe no Estado e en Galicia interese polo saneamento e depuración das augas residuais que contaminan ao medio acuático. ¿De que serve que a Xunta elabore plans que logo non se cumpren? ¿Temos explicación dos Organismos competentes por este atraso inxustificado?. ¿En que ano rematará o saneamento das Rías e en que ano se cumprirá a Directiva Europea? ¿Canto teremos que pagar os galegos polas sancións impostas por incumprir a Directiva?...

Atraso

Vinte anos de atraso é inxustificábel, a falta de sensibilidade dos gobernantes co medio ambiente e total, non se pode explicar por falta de medios económicos xa que o facturado anualmente polo novo canon da auga establecido no 2012 e polo coeficiente de vertido ronda os 100 millóns de euros/ano  e a gran maioría das obras de depuración están participadas polo Goberno central, Xunta de Galicia e Concellos e mesmo son subvencionadas con fondos europeos Feder -a maioría co 80% do presuposto-.

¿Cal é logo a razón? Quizá os nosos  gobernantes non están a altura do que se demanda na actualidade en Europa, parece que traballan nos temas de medio ambiente e en concreto na depuración das augas residuais por imperativo legal, por imposición europea, por obrigación e as obras rematan facéndose pero tarde e de mala gana sen moito intrés por mantelas. Os nosos gobernantes esquecen ou non saben que a falta de sensibilidade ambiental prexudica o equilibrio ecolóxico e as nosas riquezas naturais dos rios, rias e do mar litoral, prexudica o presente e o futuro. O saneamento, a depuración,  a sostenibilidade ambiental e imprescindíbel e facelo tarde, facelo mal ou non facelo repercute en termos económicos e de postos de traballo  dos que estamos necesitados. 

¿Terán os gobernantes outros intereses? @mundiario

Comentarios