Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro. / FrAn LaREo
Rosalía de Castro. / FrAn LaREo

Naceu o 24 de febreiro de 1837. Mito e símbolo de Galicia, é autora de obras inmortales, como Follas Novas ou Nas beiras do Sar.

Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

Nun día coma este 24 de febreiro –de 1837– naceu en Compostela a escritora e feminista Rosalía de Castro figura fundacional da literatura galega e unha das voces máis relevantes das letras europeas do século XIX. Este 2021 celébrase o X Día de Rosalía de Castro.

A escritora galega máis universal devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta, foi precursora da poesía española moderna e do existencialismo. Agora, cada 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, a cultura galega pon o foco sobre a vixencia da súa figura e do seu legado.

A obra de Rosalía de Castro supuxo a recuperación da conciencia galeguista. Foi tamén unha pionera do pensamento feminista.

Mito e símbolo de Galicia, e autora de obras inmortales, como Follas Novas ou Nas beiras do Sar, Rosalía de Castro foi unha escritora innovadora e comprometida, adiantada ao seu tempo, que empregou o galego na literatura cando aínda ninguén o facía de xeito regular.

Nas obras de Rosalía de Castro reflectiuse a situación desa Galicia máis dolorida e maltratada, desangrada pola emigración.

Rosalía de Castro denunciou a pobreza do campesinado galego ou a precaria situación laboral que sufrían algúns dos seus habitantes. Que o primeiro gran libro poético de Rosalía de Castro leve o nome de Cantares Galegos ten unha intención explícita de vindicación da patria e de enxalzamento da súa cultura e das súas xentes. Moitos destes cantares tiñan unha raíz popular.

Como o libro carecía do oportuno libreto musical, malia a constante invocación ao canto, o Consello da Cultura Galega editou en 2013 un recital poético musical no que unha serie de compositores puxeron partitura aos poemas da escritura.

Rosalía, na orixe do Día das Letras

Cada 17 de maio, o Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da literatura de Galicia e da súa lingua arredor da cal se celebran no país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. Rosalía de Castro estivo na súa orixe.

O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas nun escrito presentado á Academia. Partiron de que o libro rosalián editado en 1863 fora a primeira obra maestra con que contóu a literatura galega contemporánea. "A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia", salientaron.

O 28 de abril do mesmo ano, en xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal como se recolle na acta da sesión. Desde 1991, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da súa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados non só desde a Academia, senón tamén desde a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada. @mundiario

Comentarios