Ana Pontón: “Temos un presidente da Xunta desganado”

A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. / CRTVG
A voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón. / CRTVG

A voceira do BNG fixo referencia á celebración do Día da Patria Galega o 25 de xullo, do que dixo que “ten que ser unha oportunidade para reivindicar o orgullo de país e para mobilizar e provocar o cambio político en Galicia”.

Ana Pontón: “Temos un presidente da Xunta desganado”

Este luns estivo no Bos Días da Televisión de Galicia a voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, quen, na súa entrevista con Marcos Sueiro, falou da actualidade política de Galicia e das aspiracións do seu partido.

A voceira do BNG fixo referencia en primeiro lugar á celebración do Día da Patria Galega o 25 de xullo, do que dixo que “ten que ser unha oportunidade para reivindicar o orgullo de país e para mobilizar e provocar o cambio político en Galicia”. Pontón sinalou que o BNG aspira a liderar o cambio de goberno na Xunta de Galicia, xa que “temos un presidente da Xunta desganado e un goberno sen impulso”. Pontón afirmou que “temos un proxecto sólido e consolidado e forza suficiente como para dar un paso adiante nas vindeiras eleccións municipais e nas próximas citas”.

A situación política de Galicia copou boa parte da entrevista. Pontón salientou a necesidade dunha axenda galega de país, impulsada desde a sociedade. Así mesmo, sinalou que os principais obxectivos son a transferencia da AP-9, “recuperar os 180 millóns que nos debe o Estado en materia de dependencia e derrogar a concesión a ENCE”. Sobre a chegada do AVE en 2019, sinalou que “tras 20 anos de atraso, sería inaceptable outra demora”. Pontón reclamou máis capacidade de decisión para Galicia en materia de impostos e ter o control sobre os recursos da comunidade.

A líder do Bloque Nacionalista Galego argumentou que “na moción de censura quedou claro que Galicia perde sen representación de forzas propias que defendan os intereses do noso país”. Por isto, Pontón defendeu que “temos que fortalecer un grupo que defenda Galicia sen ataduras, sen ser sucursal de ningún partido” e sinalou que o BNG ten acreditada esa defensa.

Sobre a elección de Pablo Casado como novo presidente do Partido Popular, sinalou que “Casado terá menos engurras, pero representa as vellas ideas do PP de Aznar”. Pontón sinalou que quería coñecer a opinión do presidente Feijóo acerca das ideas de Casado arredor da plurinacionalidade ou o aborto para saber se está de acordo. @galiciamundiari

Comentarios