Ana Pontón: "A reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"

Ana Pontón en la TVG. / Mundiario
Ana Pontón, entrevistada por Fran López Iglesias, na TVG. / Mundiario
Na TVG, a voceira nacional do BNG trasladou a súa felicitación ás Tanxugueiras pola súa actuación no Benidorm Fest.
Ana Pontón: "A reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"

Ana Pontón, voceira nacional do BNG, foi entrevistada esta mañá no informativo Bos Días da Televisión de Galicia, onde en primeiro lugar quixo facer unha felicitación ás Tanxugueiras pola súa actuación de onte pola noite no Benidorm Fest. A conversa con Fran López Iglesias no estudio da TVG abordou, entre outros temas, a cuestión do emprego, despois de que se coñecera na Enquisa de Poboación Activa a maior redución anual do desemprego desde 2015. Ana Pontón sinalou que nos atopamos “nunha situación que non viviramos nunca, aprendemos a convivir co virus e iso fai que se recupere a actividade económica”, engadindo que “non podemos perder de vista dous problemas: os 200.000 mozos e mozas que marcharon de Galicia e a precariedade do noso mercado laboral que condena as mulleres e os máis novos”.

Respecto da reforma laboral, a voceira do BNG incidiu en que coa actual proposta de decreto, que cualificou de “decepcionante”, “despedir é igual de barato, e o que pedimos a PSOE e Podemos é que cumpra o que prometeu á cidadanía da derrogación íntegra da reforma laboral do PP”. “PSOE e Podemos teñen que rectificar e cumprir o seu compromiso coa cidadanía”, rematou.

Sobre a situación da sanidade, Ana Pontón sinalou que desde “o sistema sanitario público está alertando que están ao límite”. “A cuestión de fondo é que Feijóo ten unha folla de ruta de recortar a sanidade pública e de beneficiar a sanidade privada”, denunciou para indicar de seguido que “hai que recuperar as xerencias de primaria e rematar coa precariedade laboral” e denunciar que “Galiza está a cola en atención primaria. Dedicamos o 12% do orzamento, e debería ser como mínimo o dobre, para incorporar máis médicos e médicas e outros profesionais como a de fisioterapia”.

Ana Pontón referiuse tamén á posición do BNG sobre a lei da vivenda: “O que falla é que a competencia en materia de vivenda está transferida ás comunidades autónomas e que nese ámbito Feijóo beneficiou os intereses do sector da construción”. Destacou que a mocidade ten un problema coa vivenda e que sen emprego “é difícil que teñan un futuro”. A voceira nacionalista volveu facer mención á proposta de crear unha tarifa eléctrica galega e que así “nos poidamos beneficiar dunha riqueza eléctrica, como pasa nos países da nosa contorna”. 

Esta semana, na comparecencia do ministro de Exteriores no Congreso dos Deputados, o deputado do BNG Néstor Rego dixo, entre outras cousas, que a crise de Ucraína obedecía á política expansionista/imperialista dos Estados Unidos. Ana Pontón destacou que a postura do seu partido é de “Non á guerra” e o que hai que mobilizar é a diplomacia e non as tropas. @mundiario

Ana Pontón: "A reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"
Comentarios