Alumnos de Compostela e Cangas gañan o premio ‘Imaxina a túa empresa’

Os premiados cos seus galardóns, que entregaron o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero. / Mundiario
Os premiados cos seus galardóns, que entregaron o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero. / Mundiario
Os centros Eduardo Pondal, Peleteiro e S. José de Cluny, galardoados
Alumnos de Compostela e Cangas gañan o premio ‘Imaxina a túa empresa’

Un grupo de 4 alumnos e alumnas de 3º de E.S.O. do centro educativo compostelán San José de Cluny e outro de 6º de primaria do colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo, baixo a dirección dos seus docentes, resultaron gañadores do 1º certame Imaxina a túa empresa, cun proxecto empresarial de informatización das cidades centrado no transporte e outro de espectáculos, respectivamente. As alumnas e alumnos premiados recolleron os galardóns da man do presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación de Abanca, Pedro Otero.

Os finalistas foron, na categoría de primaria, dous grupos de escolares de 6º curso do centro cangués, polos proxectos, respectivamente, dunha compañía discográfica con contribución social e dunha carpintaría que practica a economía circular; na categoría de secundaria, resultaron finalistas 8 alumnos de 4º de E.S.O. do CPR Manuel Peleteiro, cunha empresa de moda sustentable e outra de chicles de sabores galegos e internacionais elaborados a partir da néspera.

A entrega de galardóns tivo lugar hoxe en Compostela coa presenza do presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero. O xurado, formado por dous representantes da asociación e dous de Afundación, salientou o compromiso coa sociedade e o medio ambiente de todos os proxectos participantes. “O estudantado demostrou o seu compromiso coa Responsabilidade Social Corporativa: teñen claro que as empresas xogan un papel fundamental na economía de Galicia, pero tamén na sociedade, con valores como a sustentabilidade ou o respecto polo medio ambiente, que son intrínsecos ás compañías familiares, o 92,4% do tecido empresarial galego”, destacaron.

Un total de 60 estudantes participaron no certame Imaxina a túa empresa con 15 proxectos empresariais co foco posto na igualdade, o medio ambiente ou a creación de emprego en Galicia.

Balance de ‘Empresa familiar nas aulas’

O certame Imaxina a túa empresa puxo o broche final á primeira edición do programa Empresa familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación, Obra Social Abanca, para fomentar o emprendemento no alumnado de Galicia, impulsando o contacto directo cos empresarios a través de visitas virtuais ás compañías e charlas online. 437 alumnos de dez centros educativos de Galicia e dez empresarios –Carlota López Pardo (Aresa); Yago González-Babé (Babé y Cía); Julio Simarro (Congalsa); Óscar Rodríguez (Espina y Delfín); Roberto Tojeiro (Gadisa); Emilio Lostalé (Lodiel); Joaquín Pérez Bellido (Pérez Rumbao); Julio Iglesias (Revi); Pepe Castro (Servicio Móvil); e Antón Fonseca (Terras Gauda)– participaron no programa.

Educación primaria

Gañador: DARUXMA ESPECTÁCULOS (D. Porto, R. Martínez, M. Ogando e U. López - 6º de primaria - CPR Eduardo Pondal - Cangas do Morrazo, Pontevedra). Servizos de vestiario ou perruquería para teatro e cinema que tamén asiste ás persoas maiores.

Finalistas: DISCOGRAFÍAS M.S. (I. Martínez, C. Carracedas, P. Rodríguez - 6º de primaria - CPR Eduardo Pondal - Cangas do Morrazo, Pontevedra). Discográfica comprometida coa cultura e o emprego. CARPINTERÍA MMRN CASTIÑEIRA (N. Porcel, M. Ferradás, R. Rial, M. Martínez - 6º de primaria - CPR Eduardo Pondal - Cangas do Morrazo, Pontevedra). Empresa de ferramentas de construción que practica a economía circular.

Educación secundaria

Gañador: URBEDOR (A. Arza, L. Rey, M. Ríos, A. Pereira - 3º de E.S.O. - San José de Cluny - Santiago de Compostela, A Coruña - Docente: R. Cacheda). Informatización de cidades co foco no transporte.

Finalistas: ARTHEMISE (M. Navaza, C. Leza, I. Carballal, A. González, L. Lorenzo - 4º de E.S.O. - CPR Manuel Peleteiro - Santiago de Compostela, A Coruña - Docente: Alberto Pérez). Compañía de moda sustentable. C-FUN (A. Meyer, C. Lapido, A. Pomares - 4º de E.S.O. - CPR Manuel Peleteiro - Santiago de Compostela, A Coruña - Docente: Alberto Pérez). Produción de gomas de mascar con sabores xeográficos a partir da néspera. @mundiario

Comentarios