Alonso-Cuevillas i Sayrol e Pérez-Lema reflexionaron sobre fake news e xuízos paralelos

Xoán Antón Pérez-Lema y Jaume Alonso-Cuevillas i Sayrol. / Mundiario
Xoán Antón Pérez-Lema y Jaume Alonso-Cuevillas i Sayrol. / Mundiario
O xurista e deputado do Parlament de Catalunya e o avogado compartiron unha longa conversa arredor do deep state e a utilización do dereito como ferramenta contra a disidencia política.
Alonso-Cuevillas i Sayrol e Pérez-Lema reflexionaron sobre fake news e xuízos paralelos

O ciclo Pensarmos do Consello da Cultura Galega reuniu a Jaume Alonso-Cuevillas i Sayrol e Xoán Antón Pérez-Lema no relatorio Proceso xudicial, fake news e xuízos paralelos: unha visión dende Catalunya, unha actividade organizada como unha conversa na que ambos os avogados reflexionaron sobre a verdade e a súa subordinación a unha concepción do dereito como instrumento de represión da disidencia política. Alonso-Cuevillas i Sayrol, deputado no Parlament catalán, visita entre este xoves e venres Galicia para participar nesta actividade do CCG.

A conversa iniciouse cunha reflexión compartida arredor do conflito político en Cataluña e da supeditación da verdade, como “primeira vítima” do mesmo, en palabras de Alonso-Cuevillas, á estratexia de utilización do dereito contra a disidencia. “Vístese de proceso xudicial, a través dun relato criminalizador, o que é represión da disidencia”, sinalou o xurista catalán.

Pérez-Lema destacou o papel do seu interlocutor como avogado de familiares de vítimas dos atentados yihadistas de Barcelona de 2017, lamentando o rápido esquecemento sobre aqueles sucesos e a existencia dun ‘deep state’. Sobre este “estado profundo”, López-Cuevillas defendeu a existencia deste “á marxe dos partidos políticos” a través da “toga e uniforme”. Explicou que no caso catalán foi aplicado o “dereito penal do inimigo” e que, malia o carácter en moitos aspectos avanzado da Constitución, a súa interpretación sexa “regresiva” en causas políticas. “Os xuíces son imparciais pero non neutrais”, afirmou para ilustrar a existencia dun estado profundo. Ambos os dous xuristas salientaron o papel da Audiencia Nacional como evolución do Tribunal de Orde Pública franquista e este, á súa vez, do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e Comunismo. 

Sobre a situación nos últimos anos en Catalunya, Alonso-Cuevillas denunciou que o 155 non podía servir para suspender un Goberno autonómico nin disolver un Parlament e lamentou que a mesa de diálogo estea “condenada ao fracaso”. O xurista considerou a independencia de Cataluña “inevitable” malia atopármonos nun “momento val” na reivindicación a causa da pandemia e da desmobilización da base independentista. 

O encontro foi moderado pola coordinadora de Pensamento do Consello da Cultura Galega, Carme Adán, e contou con transmisión en directo vía internet. Celebrado no Pazo de Raxoi, nas dependencias do Consello, ao acto, con aforo reducido por causa da covid-19, asistiron arredor de dúas ducias de persoas.  A visita de Jaume Alonso-Cuevillas a Galicia continuará entre a Coruña e Santiago de Compostela, con encontros na Facultade de Dereito da UDC e nos Colexios de Avogados. 

Jaume Alonso-Cuevillas i Sayrol é avogado en exercicio desde 1984. Catedrático de Dereito Procesal da Universitat de Barcelona. Entre os cargos exercidos ao longo da súa carreira atópanse os de decano do Il·lustre Col·legi d’Advocats de Barcelona, presidente do Consell de l’Advocacia Catalana, conselleiro e vicepresidente do Consejo General de la Abogacía Española  e presidente da European Bars Federation (Federación Europea de Colexios de Avogados). Nas súas responsabilidades institucionais figuran as de deputado do Parlament de Catalunya por Junts per Catalunya e ex deputado do Congreso dos Deputados. Autor de numerosas publicacións sobre temas de dereito procesual, dereito concursal e organización da xustiza, é colaborador habitual en diversos medios de comunicación, escritos e audiovisuais.

Xoán Antón Pérez Lema é avogado en exercicio dende 1990 e socio-director de Perez-Lema, Avogados e Consultores dende 2009. Foi profesor da Universidade de Vigo, da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados da Coruña e da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a funcionarios de entidades locais. Licenciado en Dereito e letrado asesor de Empresas pola Universidade Pontificia Comillas de Madrid (UPC-ICADE), cursou estudos de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela. Foi secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e xefe do Gabinete do Conselleiro da Presidencia e Administración Pública da Xunta. Colabora como analista político en diversos medios de prensa como MUNDIARIO e tamén na Radio Galega e  a TVG, e é secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios. @mundiario

Alonso-Cuevillas i Sayrol e Pérez-Lema reflexionaron sobre fake news e xuízos paralelos
Comentarios