DE BOLINA

Avanzouse na sinalización da toponimia, pero aínda quedan lugares que se resisten

A Toxa. / RR SS
A Toxa. / RR SS
Ademais doutras razóns filolóxicas e históricas, por moitas voltas que se lle dea á cabeza, non hai maneira de entender por que se opina que Sangenjo en castelán está ben dito.
Avanzouse na sinalización da toponimia, pero aínda quedan lugares que se resisten

A piques de cumprírense corenta anos da Lei de Normalización Lingüistica avanzouse increiblemente na sinalización da toponimia, pero aínda quedan algúns lugares que se resisten sen que, a pesar de seren minoría, se adopten as medidas necesarias. E, por máis, abunda a doble sinalización, cando o topónimo só é un, pero, realmente, esa doble sinalización toma por parvos aos  que non son galego falantes, por tomalos por incapaces de entender o topónimo verdadeiro.

Se eu viaxase a Nova Iork –dise así en galego por ser unha cidade destacada que penetrou no noso idioma– non sería quen de pedir que na sinalización puxesen Nova Iork, nin Nueva York, porque o topónimo oficial e New York. Pois aquí o mesmo, co engadido de que os topónimos estiveron deturpados por circunstancias políticas.

Ademais doutras razóns filolóxicas e históricas, por moitas voltas que se lle dea á cabeza, non hai maneira de entender por que se opina que Sangenjo en castelán está ben dito. E iso que entre as miles de almas que debe haber no ceo ningún santo coñecido se chama Genjo. Se se repasa o santoral de arriba abaixo, non aparecerá tal patronímico.

Pero o certo é, outra volta, que hai que recordar que pronunciar tal aberración lingüística só reflicte absoluta ignorancia e, volta a empezar, temos que lembrar conceptos básicos, como se sempre estivésemos na escola.

Amancio López Seijas, creador del llamado Foro La Toja. / Mundiario
Amancio López Seijas, creador do chamado Foro La Toja. / Mundiario

O primeiro, que a esencia da convivencia en democracia é respectar a vontade popular en forma de lei que, mentres sexa vixente, hai que cumprila. No 1983, segundo ano do mandato do Partido Popular, promulgouse, e segue en vigor, a Lei de Normalización Lingüística, á que o goberno de Felipe González lle quixo buscar as voltas diante do Tribunal Constitucional. O termo "normalización", non está posto de balde.  Nesa lei, o artigo 10 para ser entendido non precisa de coñecementos xurídicos. Di: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Clariño, sen volta de folla. E, deseguido, establece, a modo de aviso para quen quixese andar con voltas, que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas”. Resulta evidente que, dita a primeira frase, era innecesario este segundo parágrafo, pero a realidade é que non fai dano, e evita que alguén se poña a darlle voltas ao que non ten volta.

Houbo quen pretendeu que a sinalización das estradas estatais non a respectase. A esta norma autonómica hai que engadir a lei 2/1998, estatal, sobre o cambio de denominación das provincias -competencia estatal- de La Coruña e Orense, para adaptalas ás da capitalidade -competencia autonómica-, quedando así provincia e capitalidade do mesmo xeito: A Coruña e Ourense. Canto gasto do cartos públicos nos cambios daquel barquiño á entrada da Coruña, e no pleito que chegou ao Tribunal Supremo para manter un ridículo "La"!.

Duplicar a sinalización non é legal e desprecia o entendemento dos non galegofalantes
Duplicar a sinalización non é legal e desprecia o entendemento dos non galegofalantes

A Toxa / La Toja ...

O mesmo que con “Sangenjo” ocorre con “La Toja”. A denominación da illa grovense non é a histórica, que viña sendo Louxo ata que cambiou parece que no XIX, aínda que na actualidade A Toxa está consolidada. A etimoloxía deste topónimo pode ter orixe ou na abundancia de toxo ou nunha corrente de auga, seguramente referida aos mananciais termais coñecidos desde a época romana e que afloraban no lugar de Porca Morta onde agora están os balnearios, -a teoría do burro abandonado á súa sorte foi unha andrómena cándida de Dª Emilia Pardo Bazán escrita en 1899 na revista catalá “La Ilustración Artística”-. Ademais, Toxa non é unha denominación exclusiva dese centro residencial, demodé, xa que hai outras en Lalín, Pontecesures, Santa Comba, Silleda, Touro, Vimianzo e Zas, nas que non se coñecen polémicas, quizá por non seren turísticas. Actualmente, á entrada desta illa, hai un letreiro vexatorio. Na parte superior, en letras grandes, aparece “La Toja”, e debaixo, en caracteres menores -a metade do tamaño-, A Toxa. A ver: non hai bilingüismo en Galicia para os topónimos e por iso resulta, aparte de ilegal, ofensivo porque o que tiña que ser o único, aparece en pequeno. Por que o poñen en pequeno?.

O topónimo é un, único, non se pode sinalizar dos dous xeitos, como ocorre noutros indicadores que se duplican como se os visitantes fosen parvos.  Por iso convén recordar a claridade sen volta da Lei de Normalización Lingüística cando di, reitero, que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas”. Continuar dicindo La Coruña, Sangenjo ou La Toja é, nin máis nin menos, ser un voltudo procaz.

Seguirase a consentir ese panel da Toxa ou permanecerá aí para que se saiba quen manda?. Se cadra estou errado e vén sendo un monumento á diglosia. @mundiario

Avanzouse na sinalización da toponimia, pero aínda quedan lugares que se resisten
Comentarios