Algo é seguro en Galicia para o 28-A: o mapa político do 2016 non se repetirá

Luís Villares, portavoz de En Marea. / Redes Sociales
Luís Villares, portavoz de En Marea. / RR SS

A diferenza do que ocorre noutros territorios do Estado, aquí existen tres candidaturas –En Marea, Unidas Podemos e BNG– que compiten polos votos de quen se atopan en coordenadas de esquerda e/ou nacionalistas non identificadas co que representa o PSdG

Algo é seguro en Galicia para o 28-A: o mapa político do 2016 non se repetirá

Até o ano 2015 a singularidade do subsistema político galego radicaba na presenza dunha forza nacionalista –o BNG– que viña obtendo representación no Congreso dende 1996 e que relativizaba, dese xeito, a hexemonía bipartidista exhibida polo PP e o Partido Socialista nas últimas décadas.

A partir das xerais de 2015 –e da repetición electoral de xuño de 2016– rexístranse dúas circunstancias combinadas: as forzas maioritarias perden peso –aínda que nunha menor proporción que no conxunto estatal– e o BNG é substituído por unha coalición –En Marea– que agrupaba a persoas identificadas coa vella EU, a outras asociadas a Podemos e un continxente procedente do universo nacionalista.

A vindeira cita do 28-A presenta, no caso galego, unha novidade relevante: a creba do espazo unitario que simbolizou, hai tres anos, En Marea.

A diferenza do que ocorre noutros territorios do Estado, aquí existen tres candidaturas –En Marea, Unidas Podemos e BNG– que compiten polos votos de quen se atopan en coordenadas de esquerda e/ou nacionalistas non identificadas co que representa o PSdG - PSOE.

Nun plano descritivo, pódese afirmar que a importante –e novidosa– división constatada na dereita ten un correlato, mesmo incrementado, na outra parte do escenario político. Esta circunstancia pode propiciar un reforzamento das expectativas electorais das candidaturas socialistas, beneficiarias dunha dupla tendencia: os réditos derivados da estancia de Pedro Sánchez na Moncloa e a transferencia de votantes procedentes da súa esquerda, desencantados coa división das ofertas e precavidos ante o medre da extrema dereita.

En poucos días, sairemos de dúbidas. Coñeceremos a dimensión cuantitativa desa previsíbel suba do Partido Socialista. Veremos a entidade da perda xeral que se prognostica para o PP e, xa que logo, a capacidade de resistencia de Feijóo para demostrar que, neste eido, “Galiza is different”. E por último –mais non o menos importante– saberemos se alguén obtén escanos no ámbito das candidaturas de EM, UP e BNG. Algo é seguro, en todo caso: o mapa político do 2016 non se repetirá. @mundiario

Algo é seguro en Galicia para o 28-A: o mapa político do 2016 non se repetirá
Comentarios