Buscar

Alfonso Sánchez Izquierdo garante o investimento no audiovisual galego en 2021

O director xeral da CRTVG remarca que os medios públicos galegos presentan unha situación sostida de superávit nos últimos dez anos, desde 2009.
Alfonso Sánchez Izquierdo garante o investimento no audiovisual galego en 2021
Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario
Alfonso Sánchez Izquierdo. / Mundiario

Redacción

Análisis de @mundiario

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar as contas anuais da corporación correspondentes a 2019, nunha sesión atrasada por mor da pandemia e do calendario do Parlamento de Galicia. Entre os datos achegados por Sánchez Izquierdo atópase o feito de que Corporación de Radio e Televisión de Galicia pechou o ano pasado cun resultado positivo de máis de 1,6 millóns de euros, e cunha grande estabilidade laboral. No eido dos recursos humanos da CRTVG, o que conta cun maior orzamento en gastos, lembrou o director xeral que “o gasto de persoal no 2019 acadou un valor de 50,1 millóns de euros. Este comportamento supón un incremento en termos porcentuais dun 2,6 respecto 2018”.

O director xeral salientou que nos últimos dez anos, entre 2009 e 2019, as contas da corporación presentaron sempre superávit, o que permitiu sanear xa 34,9 millóns de euros nestes 10 anos. E a día de hoxe, e desde 2013, mantense a situación sostida de ausencia de débeda bancaria. Sánchez Izquierdo mencionou tamén que 2019 pechou cuns datos de audiencia récord para a Radio Galega, cunha cota acumulada de 174.000 oíntes das súas canles, o mellor dato desde o 2014, e que os informativos da TVG, que ocupan a segunda posición en termos de audiencia na rede de FORTA, son informativos líderes nas dúas franxas máis importantes do día, as de mediodía e do serán.

Arredor dos investimentos no sector audiovisual galego (35,9 millóns de euros no apartado de compras), durante o 2019 mantívose na TVG o equilibrio entre a produción propia e a propia externa -sumaron o 96% do total da emisión-, o que supón un 96% de produto esencialmente galego, xerado cos medios propios da CRTVG ou delegado no sector audiovisual galego. De feito, a Televisión de Galicia é a televisión autonómica que fai máis investimento en contidos audiovisuais, como reflectiu este ano o informe anual da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, feito público o pasado mes de maio.

Nesta liña e sobre este sector, que foi obxecto de axudas extraordinarias por parte dos medios galegos durante os pasados meses por mor da situación de crise xerada pola pandemia da Covid-19, Sánchez Izquierdo aclarou que "de cara a 2021 o que lles podo dicir é que, ante o incerto escenario económico que vivimos, a xestión en equilibrio orzamentario da CRTVG durante todos estes anos permite afrontar cunhas mínimas garantías o curto prazo, de forma que poidamos manter un nivel alto de investimento no sector audiovisual como fixemos ata o de agora, mantendo o equilibrio entre a produción propia e a propia externa. Cremos que ese equilibrio e este apoio é necesario máis se cabe nestes momentos de incerteza grave para o sector audiovisual de Galicia”. @mundiario