Buscar

Alcoa: O problema dos lodos vermellos (2)

Sobre Alúmina-Aluminio, a débeda ecolóxica e a importancia da contaminación, a edición GALICIA de MUNDIARIO publica tres artigos a fondo –nesta ocasión o segundo–, obra do profesor Ramón Varela Díaz.

Alcoa: O problema dos lodos vermellos (2)
Balsa de lodos. / Antena 3
Balsa de lodos. / Antena 3

Firma

Ramón Varela Díaz

Ramón Varela Díaz

El autor, RAMÓN VARELA DÍAZ, es colaborador de MUNDIARIO. Es catedrático de Biología y Geología, y doctor en Biología. Fue presidente de la asociación ecologista Adega. @mundiario

Neste segundo capítulo sobre Alcoa falamos da débeda ecolóxica, á vista do nulo interese por reducir a alta contaminación. No tratamento da bauxita para fabricación de alumina xéranse os lodos vermellos, residuos insolúbeis cun 60% de contido en sólidos que conteñen en suspensión unha alta concentración de sosa cáustica, óxidos de ferro, titanio e metais con produtos tóxicos diversos. Na resolución de autorización de Industria  de 25/09/ 1973 indicáselle a empresa  o seguinte: 

“Los lodos rojos se almacenarán por procedimientos que garanticen la inexistencia de riesgos de contaminación de aguas superficiales o subterráneas o peligros para persona o bienes”. 

Alúmina sempre  quitou importancia ao tema dos lodos vermellos e nos anos 70 cando a empresa pretendía instalarse xurdiron  criticas da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e os veciños ao ver que  esta industria fora rexeitada polo perigo de contaminación en Vilagarcía empezaron  a ter dúbidas sobre o tema. Os promotores do proxecto –Alcan-Pechinei naquel momento– coa intención de silenciar e ridiculizar  aos que poñían en cuestión a balsa de lodos vermellos  chegaron  a fretar e pagar unha viaxe a veciños da zona para convencelos e que viran en Alemaña  unha industria de aluminio e o mesmo sistema que ian empregar aquí. 

En Alemaña amosáronlle como os lodos solidificaban e mesmo maquinas pesadas circulaban encima deles, incluso viron como empregaban o lodo seco na fabricación de material de construción. Nin que dicir ten que Galicia non é Alemaña e  o Complexo  non é unha fábrica piloto pequena como a que amosaron, aquí neste xigante industrial nunca conseguiron que solidificaran os lodos e nunca puidemos ver maquinas nin pesadas nin lixeiras por riba do encoro, nin tampouco vimos que se empregasen os lodos  nin para facer ladrillos nin para outra cousa. 

O encoro de lodos vermellos

Alúmina-Aluminio ten un depósito ou balsa de lodos ou lamas vermellas  activo  dende case 40 anos, que ocupa unha superficie de 73 hectáreas, está formado por un dique filtrante de xabre e pedras  que pecha un val encaixado. O dique retén os lodos que se almacenan sen solidificar sobre o solo en contacto coa atmosfera, nun encoro a ceo aberto que recibe directamente auga de choiva que a veces desborda. 

Co paso do tempo a presa vese  con máis altura, máis volume e máis superficie, pasou  da cota 30m  na década dos anos 70 a cota 95m no ano 2019 e as previsións da industria son que o peche e clausura deixará a balsa na cota final de 120m. 

O volume de lodos vermello na cota 99m a só 4 metros da actual albergará 41,26 millóns de metros cúbicos de lamas vermellas segundo estimacións da empresa. Cada ano apórtanse máis de un millón de toneladas de novos lodos a balsa, descoñecendo as cifras exactas porque  a fábrica non informa no Rexistro Estatal de Emisión Contaminantes, PRTR, nin do volume de lodos vermellos que xera, nin tampouco informa doutros aspectos de intres como consumos de auga, electricidade, produtos químicos... mentres que a maioría doutras fábricas si o fan. 

O encoro con lodos nunca se debeu instalar onde se fixo, non so pola ocupación de terras agrícolas-forestais e o gran  impacto paisaxístico, senón – e o que é máis importante- porque o encoro representa   unha trampa mortífera para moitos seres vivos- aves e animais que intentan pousarse ou cruzalo-. Os lodos teñen un pH sumamente alcalino que alcanza  o nivel 12 ou máis  nunha escala que vai de cero (o máis  acedo) a 14 ( o máis básico) cando o normal ten que aproximarse a 7. O seme liquido que se filtra, ribosa  ou verte é  perigoso para calquera forma de vida terrestre ou acuática.   

O encoro é unha permanente ameaza de filtracións e fugas como xa sucede varias veces e aínda que a empresa e a administración sempre intentan tranquilizar a posibilidade de rotura sempre é posíbel, en Hungría a rotura dunha balsa nunha industria similar de aluminio provocou un vertido de 800.000 toneladas – cantidade insignificante comparada co que se almacena aquí- e  morreron 10 persoas, tiveron centos de feridos e evacuados e danos estimados en 200 millóns de euros, quedando afectados  40 Quilómetros cadrados de superficie agrícola. 

Podemos preguntarnos:  Que sucedería na rotura dunha balsa como a da Alúmina? Está previsto e que medidas ten a empresa e a administración? Cal sería o custo ecolóxico, económico e en vidas humanas  mesmo comparado con roturas de Aznalcóllar –España- 1998 e Ajka –Hungría- 2010.? Que impacto tería o novo Prestige

Sorprende que a empresa  teña  subscrito por obrigación dous seguros económicamente irrisorios que non chegan a 11 millóns de euros coa intención de facer fronte aos eventuais gastos e indemnizacións derivadas da súa actividade -seguro de responsabilidade civil por sinistro cun límite máximo de indemnización de 5 millóns de dólares USA e seguro de responsabilidade medioambiental para facer fronte a custos de prevención e reparación de eventuais danos ao ambiente, cun límite máximo de 5,7 millóns de dólares con 250.000 dólares de franquía por accidente- . Tamén resulta curioso que ambas pólizas remataron a súa validez o 30 de xuño de 2019, sen que no expediente AAI conste que teñan sido anovadas. 

Os problemas nas plantas de aluminio están a orde do día, o ano pasado en Brasil a multinacional Noruega “Hidro Alunorte “ viuse obrigada a suspender temporalmente e por completo as súas operacións  - que máis tarde reanudaria-  porque a área de depósito de residuos de bauxita da refinería (DRS1) na Amazonía “ estaba cerca de alcanzar a sua capacidade”  e  mesmo foi acusada de contaminar as aguas por vertidos de residuos de bauxita e derrames nocivos ao existir fugas.

En Lugo os lodos, a industria transformadora fora de Galicia

Mentres en Galicia e en concreto no norte de Lugo cargamos cos custos sociais da contaminación e os lodos vermellos da industria de alumina e aluminio, as industrias transformadoras do aluminio non se instalan en Lugo. As industrias derivadas do aluminio son creadoras e multiplicadoras de emprego, incomparablemente menos contaminantes e moito menos intensivas en consumo  de electricidade.

A fabricación de latas e envases de aluminio, por poñer só un exemplo, industria en auxe no Estado nos últimos cinco anos instálanse lonxe da fábrica de Alúmina-Aluminio en Guadalaxara, Tarragona, Madrid, Sevilla, Castellón... e curiosamente abastecen ao mercado galego de bebidas e conservas.  No ano 2005 “Rexam”, empresa  líder en latas de bebida pasou do aceiro ao aluminio nas plantas de Tarragona  e Madrid  (Valdemorillo).  A estadounidense Crown Holdings que ten dúas fábricas en España, unha en Logroño e outra en Sevilla anunciou no 2017 que ia inverter 66 millóns en Sagunto nunha nova planta de latas de aluminio con 112 postos de traballo. No ano 2018 a multinacional norteamericana Ball Beverage Packaging  instala unha nova fábrica en Guadalaxara  (Cabanillas del Campo), cunha inversión inicial de máis de 100 millóns de euros e  crea 122 empregos directos...

Onde estivo o interese da Xunta por atraer estas empresas transformadoras para Lugo ou para o resto de Galicia? @mundiario