Alcoa: Nulo interese por reducir a alta contaminación (1)
En tres artigos sucesivos: 1. Contaminación, 2. Lodos vermellos e 3. Consumo de electricidade, apunto a débeda ecolóxica que se pode atribuír ao Complexo Alúmina-Aluminio. Fai 8 anos que escribía un artigo titulado “A Débeda Ecolóxica e a factura eléctrica de Alcoa”, publicado na revista Cerna, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). Agora o tema volve ter actualidade e espero que os tres artigos sirvan para que os economistas cuantifiquen económica e socialmente esta débeda ecolóxica.
O complexo Alúmina-Aluminio da multinacional norteamericana Alcoa (antes de Alcan-Pechinei) veu a localizarse en Galicia buscando: a) man de obra e materias primas baratas e abundantes -auga e electricidade-; b) instalacións inmellorábeis grazas ao Estado que transformou un pequeno porto mariñeiro público en porto privado para uso case exclusivo de grandes buques que descargan bauxita e cargan aluminio-; c) facilidades para construír encoros para abastecerse da abundante auga que precisan e maiores facilidades para obter extensións considerábeis de solo industrial que necesitaba ; d) condicións económicas e industriais de privilexio ou moi favorábeis -subvencións e axudas estatais, tarifa especial e preferente para o consumo eléctrico...-; e) baixa sensibilidade ambiental da poboación ao que temos que engadir total permisividade do Goberno e da administración á contaminación… E todo era para producir alumina e aluminio que destinarían ao exterior de Galicia, tanto a industrias transformadoras no Estado como a outras en Europa ou Asia.
Nulo interese por reducir a alta contaminación
a) Contaminación á atmosfera.
O complexo emite gases de efecto invernadoiro, precursores de ozono troposférico, gases acidificantes, partículas, fluoruros, mercurio e metais pesados... Estas emisións teñen implicacións na saúde humana e no medio ambiente: acidifican a auga, cambian o clima, afectan negativamente ao solo, e prexudican directa ou indirectamente aos seres vivos.
-Dióxido de carbono.- Os dereitos de emisión gratuítos que concede o Goberno a Alumina-Aluminio para emisión de gases invernadoiro no ano 2017 era de 1.019.169 toneladas e só en dióxido de carbono botou a atmosfera 1.098.000 t, si emitira por debaixo do asignado podía vender dereitos no mercado e sacar beneficio, pero preferiu, como sempre, pagar e non preocuparse nin da contaminación nin das súas repercusións. Alumina-Aluminio está entre as cinco principais industrias asentadas en Galicia que emiten máis dióxido de carbono, na actualidade moitas industrias aplícanse para reducir a contaminación, pero Alcoa ten emisións de dióxido de carbono no ano 2017 similares as do ano 2008 e chegan a superar as do 2009 ou 2010, mesmo outras emisións como as de monóxido de carbono actuais son moi superiores as de anos pasados.
-Flúor.- Só en Fluoruros o Complexo emite 114 toneladas/ano e no documento que Alcoa presentou no 2019 a Xunta para actualizar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), recoñece que na fabricación de ánodos supera os limites de emisión para flúor e partículas (máximo de x20 en flúor e x14 en partículas) e atrevese a solicitar que lle concedan unha excepción para superar os valores legais actualmente en vigor. Solicitude de irregularidade que quere se manteña como mínimo ate o ano 2029 e si a Xunta non o concede ameaza con posibles despidos. Como pode pretender a empresa seguir contaminando e excúsarse no alto custo de medidas anticontaminantes, longo período de implantación e poucos beneficios ambientais, cando son normas de obrigado cumprimento?.
A contaminación por flúor non é nova, estudos publicados no ano 2000 da Escola Politécnica de Lugo e outros posteriores do 2006 realizados por encargos dos veciños (analizan 400 mostras sobre solo, vexetación, auga e ósos de ovella en 23 puntos diferentes), concluíron que a zona contaminada abranguía 3 quilómetros de radio onde se incluían varios núcleos habitados. Naquel momento os estudos chegan a conclusión que non é seguro beber auga dos pozos sen realizar análises periódicos e solicitaban “medidas precisas” a Alcoa para impedir a contaminación con melloras técnicas, controis e análises sistemáticos na auga , nos alimentos e en produtos agrícolas ...
Nin que dicir ten que a Consellería de Medio Ambiente mirou sempre para outro lao, antes e despois dos estudos do 2000 e asi a empresa seguiu contaminando. A preocupación para o Goberno central e a Xunta non estaba daquela no flúor nin no dióxido de carbono ou óxidos de xofre/nitróxeno senón nos gases Perfluorcarburos (PFCs) e levaron a cabo Pactos Ambientais para que a empresa diminuirá as emisións destes gases (15-20% no 2012). A mellor redución de emisións foi no 2015 cando Alcoa empezou a utilizar gas en vez de fuel como combustíbel, aínda así as emisións seguiron elevadas – ver Cadro I- .
A problemática do flúor é tan importante que a administración de seguridade e saúde ocupacional OSHA americana estableceu, fai anos xa, que non se deben superar nos centros de traballo os 2- 2,5 miligramos por metro cúbico de aire, e a lexislación vixente no Estado Español ten como Valor Límite para flúor 20 microgramos/m3 en concentración media no ambiente en 24 horas -que non debe superarse- (5 microgramos/m3 en media anual sería moito) e para o fluoruro de hidróxeno en 24 horas as concentracións quedan en 10 microgramos/m3 , concentracións que non sería raro que se produciran dado o alto volume de flúor que se emite 114.000 kg/ano ou 312 Kg diarios.
A Xunta e en concreto MeteoGalicia na sua páxina web ofrece dende o 2011 Informes con datos mensuais e anuais de contaminantes da rede privada de Alcoa (estacións de Burela, Rio Cobo e Xove) pero non ofrece en tempo real as concentracións horarias nin tampouco as medias diarias dos contaminantes.
Podemos preguntarnos: Fixéronse novos estudos de flúor e fluoruros? Canto abarca a zona contaminada na actualidade?. Mídese en continuo as concentracións de gases de flúor que respiran os traballadores ? Oculta a Xunta datos ? A información na páxina da Xunta é a que lle subministra Alcoa?.
-Outros contaminantes e a nosa saúde.- A saúde humana é un potencial branco da contaminación. As partículas (PM10) que emite Alcoa – 235,7 toneladas- representan un volume elevado e sábese que as PM10 poden afectar ao aparato respiratorio, repercuten no sistema cardiovascular, provocan ictus e son responsábeis de maior morbilidade e mortaldade, a OMS recomenda que no ambiente as partículas -PM10- estean por baixo de 20 microgramos/ metro cúbico. O mercurio que sae a atmosfera na industria é moi elevado, 55 quilogramos cando é tóxico e afecta ao sistema nervioso. A notable emisión de óxidos de nitróxeno- 554 toneladas- é problemática porque fai que reaccionen na atmosfera con outros compostos e den lugar a ozono troposférico prexudicial para a saúde e os ecosistemas. Os gases acidificantes dióxido de xofre- 3.740 toneladas- e compostos de nitróxeno producen choiva aceda e danan a saúde humana, a vexetación e os ecosistemas, aumentan a corrosión, prexudica as pinturas e materiais...
b) Contaminación á auga
O complexo consume gran cantidade de auga e verte 7,5 millóns de metros cúbicos de efluentes que van parar a auga do mar. Verte por medio de emisario submarino : cadmio, cromo, mercurio, níquel, zinc, fluoruros e unha importante carga orgánica rica en nitróxeno. Estes elementos e compostos prexudican ao ecosistema mariño con repercusións potenciais na saúde dos diversos seres vivos incluída a especie humana. Alumina recoñecía por exemplo que vertía no 2017 da orde 50.800 Quilogramos de flúor a auga e 106 Qg de zinc, substancia que debilita e afecta ao sistema inmune dos seres vivos. Pero pode dixerir esta contaminación sen impacto o litoral?
No ano 2017 a Xunta consentiu que Alcoa vertera o que quería, autorizou a empresa a modificar a Autorización Ambiental Integrada para elevar os valores limite de emisión de Flúor, establecidos en 8 mg/l para verter no ano 2018 máis do dobre desa cifra, 17 mg/l , e en posteriormente verteu 15 mg/l no 2019 e 10 mg/l no 2020 e a partir de ese ano volver a 8 mg/l.
Como a empresa fracasou no intento de evacuar a auga sobrenadante na balsa, neste ano 2019 - chegou a ter 1,5 millóns de metros cúbicos de auga por riba dos lodos- está a espera dunha nova modificación dos valores máximos permitidos de Flúor nas súas verteduras ao mar de xeito que poda alcanzar 15 mg/l no 2020, e 10 mg/l no 2022 volvendo logo a 8 mg/l nos próximos anos, é dicir pretende verter fora da lei e como compensación Alcoa formula reducir a carga orgánica da auga da balsa cun proxecto a presentar en Augas de Galicia. Onde se viu admitir “rebaixas” nas cantidades dalgúns contaminantes a cambio de permitir elevar os límites noutros ? A lexislación vixente é de aplicación segundo conveña?
Cobrar por contaminar
Por último dicir que o Goberno convocou en maio do 2019 subvencións por 91 millóns de euros para compensar as grandes industrias electrointensivas (mesmo Alumina-Aluminio) polos custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro correspondentes ao ano 2018. En outubro - ante a presión social dos traballadores e as eleccións- aumentou a cuantia das subvencións ate alcanzar 172,2 millóns de euros. Nas subvencións teñen en conta a produción e consumo eléctrico reais e Alcoa esperará sacar unha boa tallada. Onde se viu cobrar por contaminar. @mundiario
(Continuará)