Alcoa: O alto consumo e o prezo da electricidade como desculpa (3)

Planta de Alcoa en San Cibaro (Lugo). / Cadena Ser
Planta de Alcoa en San Cibaro (Lugo). / Cadena Ser
Sobre Alúmina-Aluminio, a débeda ecolóxica e a importancia da contaminación, a edición GALICIA de MUNDIARIO publica tres artigos a fondo –nesta ocasión o terceiro–, obra do profesor Ramón Varela Díaz.
Alcoa: O alto consumo e o prezo da electricidade como desculpa (3)

Alcoa de San Cibrao é un xigante de consumo eléctrico, o primeiro consumidor industrial de Galicia e un dos grandes do Estado. Non declara a electricidade que necesita nin  sequera no Rexistro Estatal de  Emisións Contaminantes, PRTR, pero coñecemos que no ano 2012 precisaba máis de 3.500.000 Mwh/ano, electricidade que chegaría para abastecer durante un ano a nivel doméstico ao conxunto das cidades de Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Lugo.

Alcoa é un xigante devorando electricidade, no 2012  o seu consumo representaba o 18,5% da demanda   galega (18.970.390 MWh) e chegaba ao 63,2% do consumo total de enerxía eléctrica na provincia de Lugo (5.536.372 Mwh). Necesita case a metade da electricidade producida nas centrais térmicas de carbón de Endesa -As Pontes- ou o 32% da produción eléctrica vertida á rede pública polas térmicas de Endesa e Naturgy.  O consumo eléctrico de Alúmina-Aluminio non para de aumentar, si no ano 2012 necesitaba  3.500.000 Mwh de electricidade,  no ano 2018 consume  máis de 3.700.000Mwh con similares porcentaxes  a respecto do consumo total.

China é o primeiro produtor mundial  de aluminio con aproximadamente o 50% do total fabricado no globo, e son tamén grandes produtores: Rusia,  Canadá, India, Emiratos Árabes, Australia, Estados Unidos  e en Europa: Alemaña, Islandia e Noruega.  Alúmina-Aluminio en Lugo perdeu importancia co paso dos anos, agora despois de 40 anos en funcionamento as industrias – as industrias en xeral– vólvense obsoletas e ineficientes e ou ben as modernizan/transforman/modifican ou pechan e moito máis neste momento  que a  tecnoloxía de obtención de aluminio está cambiando.  Alcoa e a inglesa Rio Tinto en colaboración con Apple desenvolveron  unha nova tecnoloxía experimentada xa en Pensilvania para obter aluminio con maior eficiencia, custos menores e moita menor contaminación, o que representa un aumento de ganancias na empresa, xa se implantará comercialmente no ano 2024. Polo que podemos preguntarnos:  Chega con regarlle  centos de millóns de euros para que se queden ? Podían modificar esta planta para con nova tecnoloxía xerar menos contaminación e consumir moita menos electricidade?

O Goberno trata ben as electrointensivas

A industria de aluminio beneficiouse sempre de tarifas eléctricas especiais por ser gran consumidora, antes  tiña a tarifa G4 , logo a tarifa de interrumpibilidade,  no 2018  beneficiouse coa suspensión temporal do imposto de xeración e na actualidade suma ademais a compensación indirecta por dióxido de carbono. As cantidades que se manexan son moi elevadas, esta última compensación do Goberno alcanza 172 millóns de euros a repartir entre as electrointensivas cando cinco meses antes só ian ser 91 millóns. As multinacionais electrointensivas sempre conseguiron aproveitarse de tarifas especiais e subvencións do Goberno, proba disto é que  obtiveron  nos últimos dez anos só pola interrumpibilidade- disposición  a desconectarse da rede en caso necesario-  a escandalosa cifra de  4.400  millóns de euros, tocándolle a Alcoa unha parte notable aínda sendo unha empresa contaminante e  que nin sequera cotiza en Galicia. 

Pero nunca están contentas, no ano 2014 Alcoa lidera o descontento por as poxas de interrumpibilidade e ameazou de peche, ao final o esforzo reivindicativo merecería a pena xa que ese ano lograría unha substanciosa cantidade económica (segundo os medios 142 millóns de euros para  Avilés e A Coruña ), cifras similares obtería en anos sucesivos . As poxas para as electrointensivas no segundo semestre do 2019 representan unha retribución anual de 196 millóns de euros – un ano antes era moi superior, un 40% máis-  e o propio Goberno ante a constante protesta dos traballadores está  para aprobar despois das eleccións o  “Estatuto para os consumidores electrointensivos” co animo de contentalas pagando cada vez máis.

O prezo da electricidade

Estamos acostumados a escoitar as industrias electrointensivas como Alcoa, aos seus traballadores  e tamén ao Clúster empresarial (Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía)  que o prezo que pagan as grandes consumidoras de electricidade  polo seu abastecemento é moi alto  comparándose con Franza, Alemaña ou outros países da UE,  pero a realidade segundo a fonte estadística Eurostat e os Informes da patronal catalana Pimec  non parece que sexa así, en todo caso e asi si nos comparamos no gran consumo (máis de 150.000 Mwh)  con Franza ou Noruega  onde a diferencia supera 20 euros pero  é  falso si nos comparamos con Italia, Inglaterra, Hungría, Eslovaquia ou Irlanda, xa que en algún destes países poden duplicar a tarifa de España e todos os países  citados superan  o que paga Alumina por Kwh ou Mwh, como pode verse neste cadro:

Industrias electrointensivas.

Os prezos da electricidade para industria electrointensiva no Estado Español no primeiro semestre do 2019  estivo por baixo do prezo medio da Unión Europea. Tendo en conta os impostos e gravames - fonte Eurostat- en España estaba máis barata a electricidade para os grandes consumidores  -nos tres principais tramos en que se clasifica a electrointensividade-  que en Alemaña, Italia, Inglaterra, Dinamarca, Irlanda ou Eslovaquia e estaba máis cara que en Franza, Noruega ou  Países Baixos. De calquera forma o prezo medio  da electricidade en electrointensivas na UE-28  era máis alto que o  prezo de España – ver Cadro I- e no caso das hiperconsumidoras como Alúmina-Aluminio o prezo que pagaba por Mwh era de case 4 euros menos que a media Europea e moi inferior ao prezo de Inglaterra, Dinamarca , Irlanda ou Eslovaquia.  

Segundo a Asociación de pequenos e medianos empresarios cataláns –Pimec– ao estudar os prezos da electricidade en Europa entre 2014-2018  (fonte Pimec  Nº 8/2019 , julio 2019.) en España afirman:  “ las empresas menos consumidoras de electricidad (<20 Mwh) son las que la pagan más cara de toda Europa”, chega a ser un 36% máis elevados que a media de Alemaña, Franza, Italia ou Inglaterra. Pero cando se alcanzan tramos comprendidos entre 2000-20.000 Mwh ou  20.000-70.000 Mwh  os prezos por consumo no período dos catro anos  en España  estaban por baixo dos de  Alemaña, Italia ou Inglaterra , eso si por riba dos de Franza.  Quen fai peticións e solicita rebaixas para a pequena e mediana industria galega que consume no tramo inferior a 20 Mwh/ano?

O custo ecolóxico de empresas que están de paso

Alcoa  presume de que as fábricas en Noruega e Islandia están alimentadas con enerxía renovábel  hidráulica e xeotérmica. En Galicia Alúmina-Aluminio abastecíase electricamente da térmica de carbón de As Pontes, a industria máis contaminante de España en dióxido de carbono e unha das máis importantes de Europa e durante anos gran emisora de dióxido de xofre  e óxidos de nitróxeno responsables da choiva ácida que sufrimos  nos ecosistemas.

> En cantos millóns de euros  cuantificamos as perdas na agricultura, forestal, materiais e corrosión pola produción eléctrica que consumen en Alcoa?

> En canto valoramos os efectos na saúde que produce a contaminación directa da industria e a indirecta do alto consumo eléctrico en 40 anos de funcionamento?

> Que vai suceder co encoro de lodos vermellos cando a empresa decida pechar a balsa?

Estas e outras moitas preguntas están no aire, a empresa nunca tivo interese nin na contaminación nin no aforro enerxético, e por suposto menos en instalar medios de produción propios de electricidade. As multinacionais electrointensivas que están de paso sáelles mellor premer polas axudas e subvencións e para eso tamén están os traballadores. Mentres a multinacional americana contamina  os galegos pagamos os custos sociais, e as axudas e subvencións que recolle do Goberno para a enerxía eléctrica ou por custos indirectos de gases inverndoiro  pagámolas todos os cidadáns , pero non esquezamos  que as electrointensivas en Galicia so representan da orde do 2% dos traballadores industriais.

Non sería mellor axudar e beneficiar as  industrias menos contaminantes  e con raíces galegas, que cotizan no país e apoiar a 170.000 traballadores que nelas traballan? Non esquezamos que temos preto de 13.000 pequenas e medianas empresas. @mundiario

Comentarios