Buscar

O alcalde de Brión deixa o seu posto, conquistado e renovado nas urnas durante máis de 40 anos

Coa despedida de Xosé Luís García García, só quedan dous alcaldes galegos que gobernen dende antes dos 80: o de Beade e o de Quintela de Leirado.
O alcalde de Brión deixa o seu posto, conquistado e renovado nas urnas durante máis de 40 anos
Xosé Luís García. / TVG
Xosé Luís García. / TVG

Redacción

Análisis de @mundiario

O alcalde socialista de Brión (A Coruña), Xosé Luís García García, deixa o posto tras 41 anos de labor en prol dos veciños deste concello próximo a Compostela. Os motivos son estrictamente persoais, e non teñen nada que ver co exercicio da súa labor política. Marcha, xa que logo, un dos tres alcaldes galegos que gobernan dende antes dos anos 80.

Xosé Luís García converteuse en alcalde dende que gañou coa Candidatura Galega Independente (CGI) as eleccións de 1979. Dende o ano 2007 presentouse co PSdeG - PSOE. En total, once lexislaturas seguidas co bastón de mando na alcaldía de Brión, un concello que ten agora 7.800 habitantes.

"Todo o segredo que hai é tratar os veciños como che gustaría que te tratasen a ti se estás no caso dun veciño que vén ao concello", di Xosé Luís García García para explicar o seu éxito político.

Xosé Luís García marcha orgulloso "de utilizar a lingua galega dende o primeiro día sen ter problema ningún con ninguén". 

Nos últimos anos, o alcalde de Brión tamén formou parte da corporación da Deputación coruñesa, onde foi presidente da comisión de Promoción Económica e Emprego, ademais de ostentar o mesmo liderado na Federación Española de Municipios Rurales e ocupar destacados postos de responsabilidade na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Coa despedida de Xosé Luís García García, só quedan dous alcaldes galegos que gobernen dende antes dos 80: o de Beade e o de Quintela de Leirado. @mundiario