Agora son os australianos os que queren sacar xugo a Naturgy, antes Gas Natural Fenosa

Francisco Reynés, presidente de Gas Natural Fenosa, posa con la nueva marca Naturgy. / Mundiario
Francisco Reynés, presidente de Gas Natural Fenosa, posa coa marca Naturgy. / Mundiario
Coa entrada do fondo australiano os galegos seguirán a producir electricidade para a exportación e para que engorden as multinacionais e os fondos financeiros.
Agora son os australianos os que queren sacar xugo a Naturgy, antes Gas Natural Fenosa

En xaneiro deste ano o fondo australiano de inversións  IFM - Global Infrastructure Fund- ,  fixo unha proposta de compra do 22,6% de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa). En agosto o Goberno diu o visto bo con varias condicións a esta operación bursatil, condicións que foron aceptadas inmediatamente polos australianos. Entre as condicións,por suposto, non estaba inverter parte dos beneficios que obteñan nos territorios produtores de electricidade, como Galiza, onde  saca Naturgy continuamente  unha importante ganancia.

Cataluña, Madrid, xunto con fondos norteamericanos, británicos e luxemburgueses, empresas arxelinas e no futuro fondos australianos seguirán a tirar desta especie de ubre eléctrica galega. Na Galiza, logo quedaremos igual de mal.

Naturgy  con sede operativa en Barcelona e sede social en Madrid ten como maior accionista ao grupo catalán CriteriaCaixa co 26% de participación e aos fondos americanos GIP (estadounidense de infraestruturas  que detenta o 20,6% e ao fondo británico-luxemburgués CVC Capital Partners , máis a Corporación Alba (da familia catalana March  de entrada recente ) ambos no fondo Rioja que chega a detentar  o  20,7% do capital.  A empresa arxelina de gas Sonatrach que subministra gas a Naturgy  tamén é  un importante accionista co 4% de capital. Quedando un 28,6% que cotiza libremente en bolsa, onde están ademais de privados o fondo estatal de Xapón, o fondo soberano noruegués, BlackRock, Capital Group...

O maior accionista CriteriaCaixa parece que non se opón  a merca de accións de Naturgy polo fondo australiano IFM,  pero espera sacar rendemento elevando a sua participación  na empresa - chegaba en xullo xa ao 26% - e todo apunta a que seguirá mercando accións para aproximarse ao 30%. 

En silencio permanecen grandes empresas ligadas ao petróleo que aspiran e pretenden  negocio eléctrico e mesmo  en silencio permanece o Goberno Galego, que  parece non importarlle quen decida sobre boa parte das grandes presas hidráulicas, parques eólicas, térmicas e outras eléctricas que se asentan no noso territorio .

 Vexamos algunhas consideracións sobre a empresa Naturgy no que nos toca de preto.

Naturgy na Galiza 

- Naturgy contaba o ano pasado cunha potencia eólica instalada de 460 megavatios (Mw) con 17 parques eólicos en operación que produciron 1.166 gigavatios hora (Gwh) de enerxía, equivalente ao consumo eléctrico de 334.000 fogares. No 2020  Naturgy  preparaba os proxectos de 30 parques novos para Galiza con potencia de 1.000 megawatios.

- O grupo dispoñía no 2018  aquí  de varios  activos  en réxime ordinario : 1.272 Mw de potencia en hidráulica, 580 Mw en carbón, 397 en Ciclos combinados. En réxime especial contaba con 106 Mw de potencia en minihidraúlica e 15 Mw en coxeración.  No 2020  contaba con  16 grandes centrais hidroeléctricas - “Gran Hidráulica”-  que representan en potencia o 39% do total  de hidráulica galega instalada.

- Naturgy  (GasNatural Fenosa)  é a primeira “utility” de gas e electricidade na Galiza. A sua  filial de distribución eléctrica (Unión Fenosa Distribución) é o maior distribuidor de electricidade  con 1,5 millóns de clientes,  repartidos en 286 concellos. No ámbito da distribución de gas -coa marca Nedgia Galicia-, a compañía conta cunha  rede de distribución de máis de 3.400 quilómetros e preto de 300.000 puntos de subministro en 77 municipios galegos.

- A   distribución  eléctrica realizase por unha rede de 58.500 kilometros de liñas de alta, media e baixa tensión. A calidade do servizo sempre foi deficiente ou moi deficiente e seguramente por eso, recentemente en xullo 2021, Naturgy  anunciou en nota de prensa que  “gastará en Galicia entre o ano 2021-24 un total de 552 millóns (60% do total a inverter en todas as comunidades) para reforzar as redes eléctricas e mellorar a calidade do subministro”. 

- Si falamos da historia da antiga Fenosa, máis tarde Unión Fenosa e hoxe Naturgy  na Galiza necesitariamos moitas páxinas para comentar  os atentados ecolóxicos, o espolio económico e os abusos e agresións sociais  que provocou  nos rios Miño, Eume, Ulla, Tambre, Avia, Salas, Avia, Limia...dende os anos 40 do pasado século ao construír grandes encoros faraónicos como Belesar, Os Peares, As Conchas.. con aldeas asolagadas, terras expropiadas a prezos ridículos, poboacións obrigadas a desprazarse, rios encorados...

Temos decenas de aldeas que desapareceron debaixo da auga (26 aldeas anegadas no tramo dos encoros de Belesar-Os Peares no Rio Miño entre elas Portomarín e as aldeas de Pincelo, Portotide... e o mesmo sucede noutr0s embalses como As Conchas ou Os Peares-Velle), asi como desaparición debaixo da auga de castros, pontes romanos, mámoas e diversos monumentos, todo porque o desarrollismo español despois da guerra demandaba electricidade para industrializar a Madrid, Barcelona ou Bilbao. Pouco importaba a perda do equilibrio ecolóxico dos nosos ríos, da riqueza que xeraban, dos postos de traballo que  perdiamos ou que se estragaban cos encoros. Que importaban as especies que nel vivían e a riqueza piscicola?, Que importaba  os negativos efectos da eutrofización  das augas paradas e os cambios microclimáticos?... Naturgy como Iberdrola ou Endesa, por non cotizar nin sequera cotizaba, nin cotiza na Galiza. Recentemente as eléctricas descubriron a instalación de minicentrais e o bombeo  para prol0ngar as concesión.  Cando caducan estas concesións, cando deixaremos correr libremente aos ríos ?.   Setenta e cinco anos de concesións aínda son poucos para as eléctricas ?

A débeda histórica e o comportamento da multinacional

A hidráulica e a eólica  son as tecnoloxías que lideran a xeración eléctrica galega e supoñen o 70%  da produción total (ano 2020). A terceira parte da electricidade vai para fora de Galiza. Os custos sociais da produción eléctrica son cuantiosos, a débeda histórica de Fenosa aínda está por pagar  (asolagamento das mellores terras agrícolas, emigración da poboación ribeireña, perdas de postos de traballo), a contaminación  das térmicas (Meirama  ao queimar lignito  e emitir gases acidificantes xerou choiva ácida que prexudicaba a agricultura nos froitos, arbores ou produtos de horta) . .. e recentemente a desfeita eólica.

Na eólica sirva como exemplo o Parque Mouriños en Zas. Parques eólicos  que afectan a xacemos arqueolóxicos e mesmo a un asentamento fortificado da idade do ferro. Agresións como detonación de explosivos e reducir a entullos parte da Serra de Gontón, tala de centenares de arbores nunha zona de interese ecolóxico e moi próxima a zonas de protección. Nada serviu para impedir a instalación de Naturgy e o traslado do parque a outros lugares – a Xunta colabora coa empresa e declara o parque de utilidade publica e urxente ocupación de terras en setembro do 2018 - como tampouco serviu no 2019 que o tema se levase e tratase ao Parlamento Galego 

Outro exemplo do comportamento de Naturgy témolo nas prácticas prepotentes e abusivas, en novembro do 2018 a Fiscalía no Xulgado do Mercantil número 1 de A Coruña acusou a Unión Fenosa Distribución e Gas Natural – hoxe Naturgy– de “práctica ilícita e abusiva” ao emitir facturas en base a estimacións e non a lectura nos contadores e consumo real de electricidade. O fiscal asegurou que se facturaba indebidamente por un consumo estimado e exixía a empresa que puxera fin a esta práctica baixo a posibilidade de multa. Pouco caso fixeron a fiscalía pois  agora en 2021  seguen emitindo recibos (gas) en base a estimacións – persoalmente mesmo fun afectado- e obrígannos  aos cidadáns a reclamar reiteradamente vía telefónica ou correo electrónico varias veces, dilatando no tempo as devolucións que eles consideran, sen que se disculpen, lles importe  e teña consecuencias.

Qué perdemos

A entrada de fondos de inversións en Naturgy incrementou a redución de persoal nos últimos anos, agora pretende pechar o Centro de Control Operativo de Unión Fenosa Distribución do grupo Naturgy na Coruña da rede eléctrica galega e desprazar  aos 28 empregados trasladándoos a Madrid.

Galiza cada vez xestiona menos a rede eléctrica,  a recentralización vai paso a paso cortando decisións que proceden do noso país e deixando en maos de grandes grupos financeiros  a sectores estratéxicos e vitais, o Estado fai entrega sempre e cada vez pinta menos.

Unión Fenosa nunca cotizou na Galiza, agora Naturgy con fondos americanos, británicos-luxemburgueses, arxelinos, noruegueses ou xaponeses ademais de australianos -no futuro- a cotización aquí é cada vez máis imposible. A reinversión de parte dos beneficios no territorio galego convirtese unha quimera caqndo era fundamental.

Coa entrada do fondo australiano os galegos seguiremos a producir e producir electricidade para a exportación e para que engorden as multinacionais e fondos financeiros. O Goberno Galego parece non existir, nin rescata concesións, nin pelexa por unha tarifa propia, nin trata de sacar un mínimo económico para o futuro, nin tan sequera sirve para esixir que os recibos que pagamos estén en galego. Que podemos esperar cara o futuro coa entrada dos australianos no capital ? O Estado non mira por nós e o Goberno galego non está, nin se lle espera. @mundiario

Comentarios