DE BOLINA

Adro Vello, un dos xacementos arqueolóxicos con máis futuro en Galicia

As ínacabadas excavacións do xacemento de Adro vello deixaron  á vista estruturas desde o imperio romano ata o século XVIII, pero tamén como está atravesada por unha estrada da Deputación e cunha casa construída enriba.
As ínacabadas excavacións do xacemento de Adro vello deixaron á vista estruturas desde o imperio romano ata o século XVIII, pero tamén como está atravesada por unha estrada da Deputación e cunha casa construída enriba.
As prospeccións efectuadas durante este mes de xullo no xacemento de Adro Vello-Os Castriños, que vai da prehistoria ata o século XVIII con ocupación permanente, permite intuir tamén a existencia dun cenobio costeiro.
Adro Vello, un dos xacementos arqueolóxicos con máis futuro en Galicia

Esta semana pasada rematou en Adro Vello - San Vicente do Grove- unha esperada e verdadeiramente científica campaña arqueolóxica. Foi impulsada pola Consellería de Cultura, -entrementres vai tramitando a declaración como BIC- e deseñada e dirixida polo Dr. Adolfo Fernández, da UVigo, coa participación de especialistas das universidades de A Coruña, León, Porto, Santiago e Vigo. Estivo, ademais, aberta ao coñecemento do público para o que se organizaron visitas guiadas, con moitas máis peticións de participación das que foi posible atender.

Trátase dunha moi boa iniciativa que permitiu a máis de duascentas persoas poderen recibir explicacións concretas dos especialistas que trballaron alí, e provocará que eses visitantes se convertan en grandes divulgadores da extraordinaria importancia de Adro Vello, axuden a manter presión social para impedir que, de novo, este tesouro quede no esquecemento e acaden que se transforme -desde Os Castriños ata A Barcela- nunha zona musealizada. Para iso queda un longo camiño que precisará do empuxe constante da colectividade e duns orzamentos importantes das institucións públicas; pero a singradura de Adro Vello cara a ese obxectivo empezou nunha boa nave, con expertos e entusiastas mariños ao temón.

Aínda que hai algo que non se vai investigar -e non me refiro a Os Castriños, aos cons do Sineiro ou do Vento, nin á Veiga da Igrexa, porque se fará-: falo de como se denominaría ese lugar.

Obviamente Adro Vello é un topónimo que naceu no século XVIII, con motivo do traslado da igrexa desde o xacemento, en plena duna da praia do Carreiro, ata o seu lugar actual hai 251 anos e fai referencia ao cemiterio que quedou a carón da praia, e onde antes existira ocupación desde a prehistoria nunha paraxe habitada cando era a aba dun outeiro, coa liña de costa a moitos máis metros cara ao Norte que hoxe en día. Loxicamente, ese lugar debía ter un nome que agora mesmo permanece descoñecido e non sei se algunha vez se poderá desentrañar, porque unicamente temos suposicións, como a do P. Sarmiento que identificaba ese cabo co Orobium Promontorium de Ptolomeo (sec. I ou II), aínda que xa nos séculos IX e X estaba fixado como Igrexa de San Vicente do Grove.

Aquilo debería ter un nome e cabe a posibilidade de que permaneza agachado nalgún microtopónimo da zona, ou na mesmísima denominación Grove. Alí quedan hoxe, coñecidos: Baleela, Barcela, Barreiriño, Con do Vento -onde hai unha cova- Carreiro, Castriño, Eira da Gorra, Finlleiro, Fonde do Santo, Igrexa, Pedras do Cruceiro, Pedregal, Cabalo, Praia do Santo, Redonda, Tomada, Sineiro, -co seu abondosísimo manancial- Veiga da Porta, Veiga da Igrexa…, topónimos que, como todos, son parte da lingua propia dun territorio, aínda que teñan unha evolución diferente a da fala común porque, como dixo Rafael Lapesa, “interésalle ao lingüista coma a paleontoloxía á bióloga ou a arqueoloxía á historiadora: as tres disciplinas permítennos viaxar atrás no tempo e teorizar sobre o noso pasado biolóxico, histórico e lingüístico”. Reflicten como se identificou un lugar no idioma falado e, por iso, en Galicia pertencen ao galego ou ás falas precedentes que o conformaron.

12 adro vello entrega rei
Carro Otrero, Ernesto Vieitez, García Sabell e Xerardo Estévez entregaron no seu día una reproducción da moeda de Adro Vello a El-Rei.

 Certo é tamén que a evolución incesante do idioma provoca que se perda conciencia do significado de moitos deles, moi claramente cando -como Grove- naceron dunha lingua prerromana extinta.

Así que, a día de hoxe, non sabemos como se chamaba Adro Vello -haberá que seguir investigando- pero o que si coñecemos é que ese xacemento, incluíndo os Castriños e o Con do Vento, contén o devir, a vida da Humanidade desde a prehistoria ata a actualidade en menos de trescentos metros, e se se confirma a existencia dun cenobio, pecharíase o círculo e ratificaríase que na punta de San Vicente está o máis grande libro de Historia de Galicia a esperar que nolo deixen ler. @mundiario

Adro Vello, un dos xacementos arqueolóxicos con máis futuro en Galicia
Comentarios