DE BOLINA

A actividade turística non pode atropelar aos residentes

Turismo masivo en Compostela. / Mundiario
Turismo masivo en Compostela. / Mundiario
Galicia e as súas diferentes comarcas levan poñendo tódolos seus encantos e servizos, ata a educación da xente, a dispor do visitante, dun xeito que podería parecer que ese territorio e os seus recursos son infinitos e non esgotables. 
A actividade turística non pode atropelar aos residentes

Sustentabilidade é un concepto que enche a boca de dirixentes e expertos en moi variados eidos, de xeito que os seus discursos repíteno, aínda que non se saiba con exactitude o que significa; iso si: queda ben. Se imos ao dicionario dinos que sustentabilidade é a “característica da evolución que permite preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro”. Está de moda no mundo da actividade turística, no que se utiliza profusamente.

Outra cousa é que os cambios que debería levar consigo non se perciben e por iso xa xurdiu en inglés unha palabra para definir esa situación: o greenwashing -inicialmente imaxe ilusoria de responsabilidade ecolóxica, estendido ás empresas turísticas que proclaman a importancia da sustentabilidade sen facer nada efectivo-.

Galicia e as súas diferentes comarcas levan poñendo tódolos seus encantos e servizos, ata a educación da xente, a dispor do visitante, dun xeito que podería parecer que ese territorio e os seus recursos son infinitos e non esgotables.

Desde os puntos de vista do visitante e do residente esa xenerosa dispoñibilidade, auspiciada desde vellas políticas de fomento, presupón que o turista actual quere seguir compartindo os atractivos da zona coas multitudes que no verán se amorean a diario e que o residente tamén desexa, como se esperase un maná, ese xentío ao que lle abre os brazos para compartir o que ten. Pero son, agora mesmo, premisas falsas ámbalas dúas.

Hoxe o visitante xa pide calidade e exclusividade, autenticidade, un entorno natural coidado, patrimonio e gastronomía e van sendo os máis os que foxen de compartilos con multitudes. Tamén o residente resiste asfixiado polo turismo masificado e empeza a reivindicar o lugar nese territorio de seu.

Porque non é o mesmo ser turista que residente, nin tódolos veciños viven do turismo. O turista tipo vén para consumir recursos e non ten preocupación ningunha polos ámbitos social e económico, -un exemplo extremo son os bárbaros, mamarrachos sen vergonza que fixeron este agosto pintadas na Igrexa barroca de San Vicente do Grove ou profanaron o seu cemiterio, onde repousan os defuntos da parroquia, facendo botellóns nocturnos-, mentres o residente ten a obriga de conservar eses recursos e afrontar cada día do ano as dificultades ambientais, económicas e sociais do lugar.

Por iso xorden movementos na defensa dos veciños fronte á avalancha de miles de visitantes que coa súa conducta están a facer nacer sentimentos e situacións novas como a turismofobia, a turistificación ou a xentrificación, derivadas do desprazamento da veciñanza do seu espazo, usurpado e menosprezado polo turista.

O turismo de botellón non é o futuro/ Foto de Leticia Rodríguez
O turismo de botellón non é o futuro. / Leticia Rodríguez

Non é sustentable o turismo tal como se está a practicar nestas terras. Pero as Administracións Públicas e os empresarios do sector non se poñen de parte do residente e seguen a investir millóns de euros na procura dun efecto chamada, apoiándose nos indubidables atractivos desta comunidade autónoma; ao que, tamén hai que dicilo, hai que engadir unha política de prezos eufemísticamente chamada competitiva, ou sexa: á baixa. Ese cóctel provoca que cada xornada de verán aparezan rúas, estradas, praias, espazos naturais, restaurantes, os infinitos chiringuitos, ateigados de coches e miles de persoas -ruído, ruído infinito- que tan pronto como o enchen todo, igualmente o baldeiran deixando tras de si un regueiro da ocupación humana para que o soporten os contribuíntes locais.

O sector turístico sempre foi resiliente -outro palabro que se leva- pero agora mesmo ten o futuro comprometido e só lle queda un camiño para sobrevivir: o da sustentabilidade, -si, si- que o será só se salvagarda os dereitos dos residentes para que non se faga incompatible, inimigo, sermos veciños con seren turistas. @mundiario

Comentarios