A actividade económica en Galicia contivo o seu crecemento no mes de novembro

Producción industrial. / Mundiario
Producción industrial. / Mundiario
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia medra un 1,6% en termos interanuais no mes de novembro. Este valor supón un descenso de tres décimas respecto ao mes de outubro e voltar ás taxas de crecemento do primeiro trimestre de 2022.
A actividade económica en Galicia contivo o seu crecemento no mes de novembro

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia rexistrou no mes de novembro un incremento interanual do +1,6%: tres décimas por baixo da taxa do mes de setembro. Este descenso supón a segunda caída dende o mes de maio.

Os datos cos que comeza o derradeiro trimestre do ano, xunto cos xa avanzados para decembro, permiten desbotar unha recesión no derradeiro trimestre de 2022.  No lado negativo, semella confirmarse o desaxuste co ritmo de crecemento do conxunto do Estado con un ritmo de crecemento superior ao galego.

As razóns que están por detrás desta minoración do crecemento da actividade económica galega poden sintetizarse en tres factores. En primeiro lugar, cómpren salientar os síntomas de fatiga do sector industrial que reflicten os seus índices de cifra de negocios.  Asemade, o crecemento das variables turísticas, que foran a panca da actividade económica galega nos pasados meses, comeza a modularse.  Finalmente, a desfavorable contorna internacional afecta á confianza dos consumidores, incrementándose as incertezas sobre o futuro máis inmediato cun conflito bélico aínda lonxe de solución.

No que atinxe á evolución individual das variables recollidas no Indicador, ao igual que o mes anterior salienta o comportamento do transporte marítimo de mercadorías (cargadas e descargadas) cun incremento interanual superior ao 10%, ao que hai que engadir un moi favorable comportamento do índice da cifra de negocios no sector servicios que recolle unha taxa de crecemento de case o 15% en termos interanuais.

En sentido contrario, no outro lado da balanza, por sexto mes consecutivo o índice de produción industrial continua o seu retroceso cun descenso próximo ao 20% en termos interanuais no mes de novembro. 

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios