Buscar

O acordo do Brexit non aporta claridade sobre o futuro do sector pesqueiro español

A vixencia do acordo remata en 2026, ano no que se producirán novos contactos para definir a relación co Reino Unido de cara ao futuro. De entrada, supón menos posibilidades de captura nos vindeiros seis anos.
O acordo do Brexit non aporta claridade sobre o futuro do sector pesqueiro español
Un barco pesquero en aguas del Gran Sol. / YouTube
Un barco pesqueiro en augas do Gran Sol. / YouTube

Con esto do Brexit, repítense as vellas verbas sempre pronunciadas: anuncio, acordo, cambios, mariñeiros, frota, estocks, mariñeiros, efectos... para non dicir nada. Para calar decisións, para anunciar cambios que non se van producir -disque-, para que os efectos na frota comunitaria española aparezan como non prexudiciais para os mariñeiros e que todo, como a vida mesma, siga igual que o facía na canción de Julio Iglesias. O acordo acadado, alomenos para min, non aporta ningunha claridade sobre o futuro do sector pesqueiro español.

A Galicia que fala por boca da conselleira do Mar constata que o acordo sobre o Brexit é un "duro golpe" para o sector pesqueiro diante dun novo recorte de capturas nos vindeiros seis anos e que a vixencia do acordo -ata o de agora gardado baixo sete chaves- remata en 2026, ano no que se producirán novos contactos para definir a relación co Reino Unido de cara ao futuro.

Para a Xunta a lectura que fai o Goberno do Estado sobre o resultado das negociacións  é "demasiado triunfalista, pouco realista e curtopracista". Coinciden, sen embargo, co sector na necesidade de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoque canto antes ás comunidades autónomas con intereses pesqueiros e aos representantes das frotas para lles explicar en detalles o acordo de Bruxelas con Londres e as claves da súa aplicación. 

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pola súa banda,  afirma que o acordo dota de estabilidade ao sector pesqueiro porque a frota española vai continuar  a súa actividade en augas británicas en condicións semellantes ás de hoxendía. Consola saber que as reducións terán efectos limitados -iso dí o ministro- para o sector pesqueiro, que seguirá a contar con cotas axustadas nas súas necesidades, xa que o acordo non afecta aos stocks do sur onde figuran especies da importancia que teñen para a frota de baixura galega como a xarda, o xurelo ou o lirio.

Tamén dixo o ministro Planas que non existen cesións en especies de augas profundas coma o ollomol, o alfonsino, o sable negro ou o granadero. Na pescada  norte mantense a cota cunha baixada de apenas  o un por cento en 2026. Pero o Reino Unido incrementarás as súas cotas de pesca, penso eu, si como dixo o representante do Goberno serán dun 25% do valor medio nese mesmo ano 2026.

Quen garda un as na manga?... Porque o que está nídiamente explicitado é que o Reino Unido vai quedarse co 25% das cotas das súas augas territoriais cinco anos e medio. O impacto en primeira venda significa para Galicia botar polo mar abaixo  perto de 200 millóns de euros tendo en conta os valores  acadados en 2019 por especies coma o peixe sapo (rape), a pescada, o rapante, a raia, a xarda, o xurelo, a cigala, o badeixo, o lirio e tantas outras especies que se valoraron e aínda valoran na Política Pesqueira Común (PPC).

Longas e complicadas negociacións que o que sí deixan claro é que a Unión Europea estará conformada o 1 de xaneiro próximo e a todos os efectos por 27 Estados membros, que o Reino Unido en materia de pesca non vai perder nada (o que significa que perderán países como España, Francia e Holanda) e que se adoptarán medidas de carácter provisorio para evitar unha desconexión desordenada na nova Unión Europea, un bloque comunitario do que xa non formará parte o xa "divorciado" Reino Unido, Estado que, en materia pesqueira -coma noutras- foi o que puxo máis atrancos ó primeiro Estado pesqueiro de Europa, España, dende que esta pasou a formar parte da Unión en 1986. @mundiario