A ABAU (selectividade) única para todo o Estado é un sofisma

Examen de selectividade.
Examen de selectividade.

Tendo en conta a pluralidade do Estado, coa súa precisa pluralidade de contidos académicos e, sobre todo, o feito de que o 60% da nota da ABA ven dada pola media dos dous cursos do Bacharelato, non se entende esa ladaíla xurdida de Madrid da proba única.

A ABAU (selectividade) única para todo o Estado é un sofisma

A ABAU (Avaliación do Bacharelato para o acceso universitario) cumpre substancialmente a función que antes desenvolvía a vella Selectividade. Sonlles probas sempre discutíbeis pola súa necesidade, pola súa oportunidade e pola súa xustiza ponderando cadanseus coñecementos das persoas candidatas. A ABAU mide sobre 10 a parte obrigatoria da proba, na que o 60% ven achegada pola nota media do Bacharelato e o outro 40% pola nota da proba. Tamèn hai unha proba voluntaria, precisa para acadar algún centros universitarios galegos, que pode achegar até 4 pontos adicionais.

Xa que logo, reclamar unha proba única para todo o Estado por mor das diferenzas entre as probas de cadansúas Autoridades autonómicas (na Galicia  a CiUG) é un sofisma e, máis aínda, unha xogada trapalleira e trampulleira de curto percorrido. Pois que o 60% da nota da fase obrigatoria (fronte ao 40% da propia proba galega) ven dada pola máxima descentralización avaliativa: as notas de dous cursos de Bacharelato na multiplicidade de centos públicos, concertados e privados recoñecidos do Estado todo. Mesmo cando non foron ocasionais nos últimos 40 anos (nomeadamente fóra da Galicia) as denuncias a algúns centros educativos por “inflar as notas”. Presidente Núñez Feijóo, conselleira Carmen Pomar, de verdade acreditades que a Administración educativa da nosa Galicia é menos obxectiva ca a dos Colexios elitistas de Madrid?

Para máis, nun Estado plurinacional como o español élles imposíbel unha proba única a xeito. Na nosa Galicia habemos medir esixentemente os coñecementos de Lingua e Literatura galegas, os de Portugués e uns contidos de noso  en Filosofía, Historia, Xeografía e mesmo Bioloxía e Xeoloxía. A autonomía, substancialmente, é o dereito a nos gobernar de  noso e dacordo coas nosas características e necesidades. O autogoberno que recoñece o noso Estatuto require da plena competencia sobre os contidos do ensino secundario e a proba de acceso ao sistema universitario.

Esta autonomía coñece só a excepción das STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas). Ten razón o profesor titular de Matemática Aplicada da Uvigo, Ivan Area, cando reclama esta coordinación para evitaren que os seus alunos de 1º de Enxeñería Aeronáutica e Aeroespacial non sexan quen a resolver nunha semana, con toda caste de ferramentas informáticas dispoñíbeis, o exame de Matemáticas de acceso á Universidade vixente no Portugal irmán. Mais esta coordinación ha ser europea e non estatal.

Velaí que o que conte a prensa madrileña, absurdamente repenicado polo noso Presidente e pola nosa Conselleira de Educación, sexa nin máis nin menos ca un sofisma. @mundiario

Comentarios