Buscar

O abandono de Luís Villares

Suma o seu nome a nómina de dirixentes políticos que apostaron por unha mudanza substantiva da orde vixente en Galicia e pagaron, en primeira persoa, os erros e limitacións exhibidas polos grupos dos que formaron parte.
O abandono de Luís Villares
Luís Villares.
Luís Villares.

Firma

Suso Veiga

Suso Veiga

El autor, SUSO VEIGA, columnista político de MUNDIARIO, es profesor de la Facultad de Económicas de la Universidad de Santiago de Compostela (USC). Fue portavoz económico del BNG en el Parlamento de Galicia entre 1993 y 2005, y asesor del Gabinete de la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia desde setiembre de 2005 hasta abril de 2009. @mundiario

A retirada de Luís Villares da vida política galega presenta, polo menos, dúas dimensións salientábeis. A primeira atinxe á súa condición de maxistrado do TSXG. Aínda que non era o primeiro caso -nin, posibelmente, será o derradeiro- de participación dun membro destacado da xudicatura na primeira liña da política, convén subliñar que esta circunstancia coloca aos seus protagonistas diante de situacións mais complexas que as que afectan a outras persoas que transitan polo poder lexislativo e/ou executivo. Como é sabido, o territorio xudicial está sendo, nos últimos anos, un dos escenarios máis destacados na confrontación política e mesmo social.

Villares asumiu o risco de ser obxecto da inevitábel belixerancia por parte da dereita xudicial, ademais da lóxica controversia suscitada polos seus adversarios no ámbito parlamentario. Xa que logo, semellante decisión de abandonar a súa carreira profesional non contemplaba un retorno a curto prazo aos despachos do Tribunal Superior. Moito mais cando, na súa primeira cita coas urnas no outono de 2016, acadou a condición de líder da oposición a Feijóo. Tal situación permitía pensar, con fundamento, nun horizonte temporal mais prolongado do que finalmente tivo lugar.

A segunda dimensión que convén sinalar é a relativa ás propias características de En Marea, a formación que encabezaba o ex-maxistrado por mor dun consenso previo entre os diversos sectores que converxían nesa plataforma. Naqueles meses de 2016, Luís Villares tiña un reto de envergadura: ser quen de contribuír á consolidación dunha organización política atípica, conformada por diversas persoas e colectivos organizados que posuían unha contrastada heteroxeneidade, tanto pola súa procedencia (Podemos, EU, Anova, mareas municipalistas...) como polas distintas referencias identitarias (esquerda federal, esquerda de orientación nacionalista, propostas rexeneracionistas dende o ámbito municipal...). O desenvolvemento de En Marea requiría, como condición necesaria, a vontade unitaria das partes integrantes do proxecto para que non ficara arruinado por unha dinámica de división autodestrutiva. Pasados os anos, a conclusión é indiscutíbel: En Marea fracasou no seu intento fundacional e Villares asumiu, mediante a súa dimisión, as responsabilidades derivadas de tal circunstancia.

O sucedido nos últimos meses no seo da chamada esquerda rupturista lembra o que tiña vivido o BNG no comezo da presente década. Nos anos 90 do pasado século e nos primeiros do actual, a fronte nacionalista obtivo os seus mellores resultados electorais grazas a unha acertada simbiose entre unidade e diversidade internas. Aqueles bos tempos foron personificados por dous lideres -Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana- de acreditada proxección social. Os cambios operados no Bloque a partir do ano 2012 provocaron -en distintos momentos e baixo diferentes modalidades- o progresivo esmorecemento do papel de Beiras e Quintana na política galega.

Luís Villares suma o seu nome a esa nómina de dirixentes políticos que apostaron por unha mudanza substantiva da orde vixente neste país e pagaron, en primeira persoa, os erros e limitacións exhibidas polos grupos dos que formaron parte. @mundiario